Conceptos Fundamentais da Historia de España: Do Liberalismo á Restauración
Clasificado en Historia
Escrito el en
español con un tamaño de 7,41 KB
Estatuto Real
Carta outorgada redactada polo ministro Martínez de la Rosa en 1834, durante a rexencia de María Cristina de Borbón, pola que se convocaban Cortes do Reino de España e se ofrecían concesións políticas aos liberais, pero extremadamente limitadas: non recoñecía a soberanía nacional, nin a división de poderes nin os dereitos dos cidadáns.
Sufraxio censatario e universal
O sufraxio é o dereito político que permite elixir mediante o voto cargos públicos. O sufraxio censatario limita este dereito a cidadáns inscritos nun censo electoral en función dun determinado nivel económico ou posición social, mentres que o sufraxio universal unicamente establece un mínimo de idade como condición para tal dereito. O censatario foi defendido polos liberais doutrinarios e o universal polos demócratas, pero até a Constitución republicana de 1931, en España o sufraxio foi sempre exclusivamente masculino.
Ludismo
Forma de protesta obreira, nos inicios da revolución industrial, caracterizada pola destrución de máquinas ás que se culpaba de reducir os postos de traballo. Exemplos deste tipo de revoltas mecanoclastas en España foron a queima da fábrica téxtil de Bonaplata en Barcelona en 1835, ou a da fábrica de tabacos da Coruña en 1857.
Desamortización
Incautación polo Estado dos chamados bens amortizados, para ser logo vendidos en poxa pasando a ser propiedade particular. Foi unha das principais medidas da reforma agraria liberal en España, desenvolvida desde o reinado de Carlos IV ata ben avanzado o século XIX. Destacaron a eclesiástica de Mendizábal e a xeral de Madoz. Os seus obxectivos básicos foron facendísticos, políticos (apoio á Monarquía e ao liberalismo) e consolidar o novo tipo de propiedade privada capitalista.
Unión Liberal
Partido político fundado en 1858 polo xeneral O'Donnell que agrupaba aos sectores máis conservadores do Partido Progresista e aos máis progresistas do chamado Partido Moderado, así como a numerosos militares, pretendéndose unha alternativa de "centro" liberal. Partidarios da monarquía de Isabel II, gobernaron de 1858 a 1863 e de 1865 a 1866, destacando as campañas militares imperialistas que promoveron.
Cantonalismo
Movemento político republicano partidario da organización territorial do Estado á base de unidades políticas territoriais soberanas –cantóns– segundo os principios do federalismo e o confederalismo. No verán de 1873, durante a I República, os seus partidarios protagonizaron insurreccións soberanistas (destacando a de Cartaxena) que foron reprimidas polo exército.
Manifesto de Sandhurst
Documento elaborado por Cánovas del Castillo e asinado, en decembro de 1874, por Afonso de Borbón, fillo e herdeiro de Isabel II, na academia militar inglesa de Sandhurst, onde estudaba. Apelando á chamada Constitución Histórica, neste manifesto defendía a necesidade de restaurar a monarquía borbónica en España, ofrecéndose el mesmo como un rei totalmente respectuoso co constitucionalismo e defensor da orde social e a relixión católica.
Sistema de quenda
Mecanismo pactado de alternancia no poder durante o chamado Réxime da Restauración entre os dous partidos monárquicos, o Partido Conservador e o Partido Liberal. Cando un goberno sufría un desgaste político, o Monarca nomeaba como Presidente do Goberno ao xefe da oposición, quen convocaba eleccións que sempre gañaba, empregando a fraude electoral e o caciquismo.
Caciquismo
Sistema de control político baseado na coerción exercida en última instancia por un persoeiro da oligarquía local que en España tivo o seu apoxeo durante o Réxime da Restauración, aínda que non é exclusivo desa época. Trátase dun fenómeno complexo caracterizado pola existencia de redes de clientelismo político con tres rexistros básicos: o da capital, o provincial e o da localidade.
Encasillado ou encadramento
Proceso polo que, tras as pertinentes negociacións e componendas, o Ministro da Gobernación elaboraba a lista de candidatos que debían ser escollidos en cada distrito electoral. A lista era pactada e asumida polos dous partidos do Réxime da Restauración, garantindo así a quenda pacífica dos gobernos.
Pucheirazo
Método de manipulación e fraude electoral vinculado ao caciquismo e empregado durante o Réxime da Restauración borbónica para acadar o triunfo dun determinado candidato. Consistía na substitución dos votos xa emitidos por outros favorables ao candidato desexado, ou tamén na modificación directa da acta do reconto dos votos.
Rexeneracionismo
Corrente intelectual, política e literaria xurdida na época da Restauración, e desenvolvida especialmente tras o desastre de 1898, que partía da análise da chamada decadencia de España para tratar de rexenerala e modernizala. O seu principal representante foi o aragonés Joaquín Costa, que propugnaba erradicar o caciquismo e a pobreza, e fomentar a educación.
Agrarismo
Movemento reivindicativo do campesiñado galego organizado en asociacións e sindicatos agrarios co obxectivo de lograr a redención dos foros e unha xusta distribución da terra, loitar contra o caciquismo e impulsar a renovación técnica das explotacións agrarias. Destacaron as organizacións Solidariedade Galega e Acción Galega, xunto co máximo líder desta, Basilio Álvarez.
Semana Tráxica
Semana de violentas protestas populares ocorridas en Barcelona en xullo de 1909 tras unha folga xeral contra a mobilización de reservistas para a guerra de Marrocos decretada polo goberno de España. O carácter imperialista da guerra e a inxusta redención en metálico espertou o antimilitarismo e a indignación popular. A revolta foi durísimamente reprimida polo goberno de Maura, que caerá pouco despois, non sen antes perpetrar o fusilamento de Ferrer i Guardia.
Desastre de Annual
Importante derrota militar española na guerra colonial de Marrocos en xullo de 1921 fronte ás cabilas rifeñas dirixidas por Abd el-Krim na localidade homónima. A consecuencia dunha arriscada manobra ordenada polo xeneral Silvestre, arredor de 14.000 soldados españois foron masacrados e os rifeños fixéronse co control da zona proclamando a República do Rif. O desastre agudizou a crise do Réxime da Restauración, o desprestixio do exército e de Afonso XIII, corresponsabilizado da derrota.
Expediente Picasso
Voluminoso informe redactado en 1922 polo xeneral Juan Picasso dentro da investigación do acaecido na comandancia de Melilla no verán de 1921, ao obxecto de determinar responsabilidades de soldados e oficiais na derrota de Annual. Revelaba a neglixencia dos mandos militares, a temeridade do xeneral Silvestre e a implicación de Afonso XIII no desastre militar. Foi paralizado, e a comisión parlamentaria creada ad hoc, disolta polo golpe de Estado do xeneral Primo de Rivera.