Evolución da Narrativa Galega: De Cunqueiro á Nova Narrativa
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 8,08 KB
Narrativa de posguerra
- Álvaro Cunqueiro naceu no ano 1911 en Mondoñedo. Estudou en Santiago de Compostela nos primeiros anos 30. Foi daquela cando comezou o seu labor literario, plasmado en tres importantes libros de poesía: Mar ao norde (1932), Poemas do si e non (1933) e Cantiga nova que se chama riveira (1933).
- Cando se fundou a editorial Galaxia, Cunqueiro comezou a escribir textos narrativos en galego: Merlin e familia (1955), As crónicas do sochantre (1956) e Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961).
- Nos anos sesenta instalouse en Vigo. Nesta etapa publicou outros tres libros de narracións breves: Escola de menciñeiros (1960), Xente de aquí e acolá (1971) e Os outros feirantes (1979).
- Finou en Vigo, no ano 1981. En 1991 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.
Os mundos narrativos de Cunqueiro
Nas novelas e relatos de Álvaro Cunqueiro atopamos unha orixinalísima mestura de realidade e fantasía. En cada un dos seus libros coexisten personaxes e feitos fantásticos con outros que ben poderían pertencer á vida cotiá. O autor utiliza sempre técnicas propias da narración realista, cunha presenza importante de recursos tirados da tradición oral popular.
Os personaxes das súas obras proceden, en moitos casos, de vellos mitos doutras culturas. En Merlin e familia, o protagonista é o mago Merlín que acompañaba ao rei Artur nas súas aventuras lendarias, retirado agora en terras galegas, na compaña da raíña Xenebra; en Se o vello Sinbad volvese ás illas o personaxe principal é o mesmo Sinbad de As mil e unha noites.
A obra poética e teatral de Cunqueiro
Despois da guerra publicou Dona do corpo delgado (1950) e unha serie de poemas dispersos que reuniu en 1980 no que está considerado o seu mellor libro: Herba aquí ou acolá. Tamén escribiu textos teatrais, ás veces integrados dentro das súas novelas. Salientan A noite vai coma un río e O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1959).
A obra narrativa de Ánxel Fole
Os catro libros principais que publicou Ánxel Fole son volumes de contos. Os primeiros, A lus do candil (1953) e Terra brava (1955), están estreitamente relacionados: ambos os dous reflicten o mundo rural das terras do Courel e do Incio e recorren a unha estrutura narrativa semellante, como é a de recoller os relatos que varias persoas narran.
Os libros da que se podería chamar segunda etapa do autor son Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981), ambientados xa no mundo urbano da cidade de Lugo, aínda que sigan estando presentes elementos do conto de medo e misterio que xa caracterizaban os títulos anteriores.
Nos seus libros emprega unha lingua rica e enxebre, xa que o seu galego é o recollido entre as xentes das terras do Courel, con abundantes dialectalismos e barbarismos.
A Nova Narrativa Galega
Foi un movemento renovador da narrativa que se produciu entre 1954 e 1970.
Características da Nova Narrativa Galega
- Estar protagonizado por autores e autoras novos e con formación universitaria.
- Rachar coas formas de narrar tradicionais (omnisciencia en terceira persoa) e optar por múltiples formas narrativas (a primeira persoa, a narración epistolar, a corrente de conciencia).
- Renunciar á linearidade temporal e á localización espacial concreta.
- Espazos urbanos, desbotando o ruralismo.
- Rexeitar os argumentos convencionais e lóxicos, así como os personaxes tradicionais, dándolle entrada ao mundo dos soños.
- Concibir o ser humano como un obxecto máis, normalmente moi degradado.
- Renegar do enxebrismo, procurando a universalidade dos textos que escriben.
- Introducir temas como o sexo, a violencia e o absurdo existencial.
- Recibir influencias do Nouveau Roman francés e de escritores como Proust, Joyce, Faulkner, Kafka ou Camus, entre outros.
Principais autores e obras da Nova Narrativa Galega
- Gonzalo Rodríguez Mourullo: Nasce un árbore (1954), Memorias de Tains (1956).
- Xosé Luís Méndez Ferrín: Percival e outras historias (1958), O crepúsculo e as formigas (1961), Arrabaldo do norte (1964).
- Xohán Casal: O camiño de abaixo (1970).
- María Xosé Queizán: A orella no buraco (1965).
- Camilo Gonsar: Lonxe de nós e dentro (1961), Como calquera outro día (1962).
- Xohana Torres: Adiós, María (1971).
- Carlos Casares: Vento ferido (1967), Cambio en tres (1969).
Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé Luís Méndez Ferrín é unha figura clave para entender a narrativa e a poesía da segunda metade do século XX. Publicou o seu primeiro libro de relatos, Percival e outras historias, cando só tiña vinte anos. Obras del que tamén se poden entrar dentro da Nova Narrativa son O crepúsculo e as formigas e a novela Arrabaldo do norte.
A partir de 1980, Ferrín publicou algunhas das súas mellores obras: Arraianos; Arnoia, Arnoia; Bretaña, Esmeraldina ou No ventre do silencio.
Na súa obra combínanse de xeito maxistral a dureza e o lirismo; podemos atopar temas moi diversos, dende relatos realistas até outros de misterio ou de terror, moitas veces tinxidos cun claro fondo político.
Carlos Casares
Casares cultivou sobre todo a narrativa. Nos anos sesenta publicou o libro de relatos Vento ferido e Cambio en tres, unha novela onde experimenta con diferentes técnicas vangardistas. En 1975 aparece Xoguetes pra un tempo prohibido, novela onde fai un retrato da súa xeración. Viñeron logo o libro de relatos Os escuros soños de Clio e as novelas Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul e O sol do verán.
A situación sociolingüística do Estado español
España é un estado plurilingüe, no que se falan 7 linguas autóctonas: galego, asturleonés, castelán, éuscaro, aragonés, catalán e aranés.
Tal como se recolle no artigo terceiro da Constitución española, este plurilingüismo conta con recoñecemento oficial, aínda que o tratamento das distintas linguas resulta moi desigual. A única lingua oficial en todo o Estado é o castelán. As demais poden ser cooficiais ou non.
- Éuscaro: En España é cooficial nas dúas comunidades nas que se fala, Euskadi e Navarra. Fálase tamén en Francia, no País Vasco francés (Iparralde), pero aquí non goza de recoñecemento oficial.
- Catalán: En España é cooficial en Cataluña, Illas Baleares e Valencia (nesta coa denominación de valenciano). Fálase tamén en zonas limítrofes coas anteriores, aínda que nestas non goza de status legal: no leste de Aragón e en Murcia. Fóra do Estado español, tamén se fala catalán no Principado de Andorra (única lingua oficial), na cidade sarda de Alguer (comparte cooficialidade co italiano e o sardo) e no Rosellón francés (sen recoñecemento oficial).
- Asturleonés: Fálase en Asturias, León e Zamora, onde se establece que será obxecto de protección e promoción, pero sen outorgarlle status de cooficialidade. Só goza de recoñecemento oficial en Miranda do Douro (Portugal).
- Aragonés: É falado no norte da provincia de Huesca por unhas quince mil persoas. No Estatuto de Aragón non se fala de cooficialidade, senón de «protección».
- Aranés: É unha variante do occitano, falada no Val d'Arán, onde é lingua cooficial, xunto co catalán e o castelán. Ademais, tamén é oficial en toda Cataluña.