O Grupo Nós e a Renovación do Teatro Galego: Historia e Autores
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 4,58 KB
1. O Grupo Nós: Intelectuais e Galeguismo
O Grupo Nós é un conxunto de intelectuais galeguistas, nacidos na década de 1880, que se organizaron arredor da Revista Nós (creada en Ourense no ano 1920), da que toman o nome. Inclúense Vicente Risco, Ramón Otero Pedrayo, Florentino López Cuevillas, Daniel Rodríguez Castelao e Antón Lousada Diéguez.
Potenciaron a narrativa, o teatro, o ensaio e o xornalismo. Participaron na revista Nós, na creación do Seminario de Estudos Galegos, na constitución das Irmandades da Fala, na fundación do Partido Galeguista e na aprobación do Estatuto de Autonomía. No eido da narrativa destacan as editoriais Nós e Lar, e no xornalismo, o xornal A Nosa Terra. O golpe de estado fascista e a guerra civil (1936-1939) supuxeron un remate tráxico e abrupto para toda esta actividade cultural.
1.1. Vicente Risco
(Ourense, 1884-1963). Entre os seus escritos teóricos destaca a Teoría do nacionalismo galego (1920). Desde o punto de vista literario, a súa obra máis xenuína é a novela O porco de pé (1928), unha sátira sobre o ascenso social dunha burguesía que ten unha única preocupación: os cartos. Tamén publicou narrativa breve (O lobo da xente, Os europeos en Abrantes), teatro (O bufón de El-Rei) e numerosos artigos sobre antropoloxía e etnografía.
1.2. Daniel Rodríguez Castelao
(Rianxo, 1886 - Buenos Aires, 1950). Nel conflúen dúas facetas: a de escritor e a de debuxante. Entre as súas características destacan o compromiso co pobo, a concisión, o lirismo e o uso do humor vencellado a unha intención moral.
- Cousas (1929): A súa creación máis orixinal, pezas acompañadas dunha ilustración.
- Retrincos (1934): De marcado carácter autobiográfico.
- Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922): Retrato satírico da sociedade galega da súa época.
- Os dous de sempre: A súa única novela, formada por 44 capítulos curtos sobre Pedriño e Rañolas.
- Obras do exilio: A peza teatral Os vellos non deben de namorarse (1941) e o ensaio Sempre en Galiza (1944).
1.3. Ramón Otero Pedrayo
(Ourense, 1888-1976). O seu estilo é moi refinado e complexo, de sintaxe exuberante e barroca. É o primeiro grande novelista galego. Os temas do conxunto da súa obra son a identificación coa terra, o protagonismo da figura do fidalgo e a evolución da conciencia galega.
A crítica adoita clasificar a súa narrativa en dous grandes grupos:
- Obras realistas: Centradas na realidade galega. A novela máis representativa é Os camiños da vida (1928), triloxía que reconstrúe a transformación da sociedade galega no século XIX.
- Novelas culturais: Centradas na evolución da conciencia galeguista. A máis significativa é Arredor de si (1930), de carácter autobiográfico.
2. A Concepción do Teatro nas Irmandades da Fala
Coa creación do Conservatorio Nacional de Arte Galega (1919), aumentaron as representacións teatrais en galego. O teatro foi considerado a arma de maior eficacia para a propaganda lingüística e ideolóxica. Os autores máis destacados son Ramón Cabanillas, Armando Cotarelo Valledor e Antón Vilar Ponte.
- Armando Cotarelo Valledor: Destaca pola súa técnica e arquitectura dramática (ex: Mourenza, 1932).
- Ramón Cabanillas: Autor de A man da santiña (1921) e O mariscal (1926), esta última escrita en colaboración con Ramón Vilar Ponte.
3. O Teatro do Grupo Nós e o Teatro Vangardista
A intención dos escritores do Grupo Nós era universalizar o teatro galego introducindo innovacións europeas. Destacan:
- Vicente Risco: O bufón d'El Rei (1928), drama ambientado na Idade Media.
- Castelao: Os vellos non deben de namorarse (1941), traxicomedia que mestura elementos populares e vangardistas.
- Ramón Otero Pedrayo: Obras como A lagarada ou Teatro de máscaras, centradas na fidalguía.
- Rafael Dieste: A súa obra A fiestra baldeira (1927) é unha comedia de ambiente mariñeiro que defende a fidelidade ás orixes e critica a diferenciación social, destacando polo uso novidoso da luz, a cor e os silencios.