O Holocausto e as Consecuencias da Segunda Guerra Mundial
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
con un tamaño de 3,43 KB
O Holocausto
O Holocausto ou a Shoah foi o exterminio premeditado, planificado e sistemático das comunidades xudías europeas. A persecución afectou tamén a outros grupos, como a etnia xitana e os homosexuais. Este proceso comezou coa chegada de Hitler ao poder e atravesou tres fases:
- Exclusión (1933-1939): A poboación xudía foi apartada da vida pública (1933) e excluída da cidadanía alemá (leis de Núremberg, 1935). En 1938, durante a Noite dos Cristais Rotos, unhas 100 persoas xudías foron asasinadas e unhas 26.000 enviadas a campos de concentración.
- Reclusión (1939-1940): Os xudeus e as xudías foron concentrados en guetos en condición de pobreza extrema.
- Exterminio (1941-1945): En 1942 adoptouse a chamada Solución Final: a eliminación premeditada e planificada de millóns de mulleres e homes xudeus.
Os países ocupados: colaboracionismo ou resistencia?
Hitler deseñou unha política de explotación, saqueo e rapina dos recursos humanos e económicos dos países ocupados. Os efectos da ocupación alemá foron a penuria, o racionamento, a fame e o mercado negro.
- Colaboracionismo: A ocupación foi apoiada por unha minoría da poboación. Os exemplos de colaboración máis destacables son o réxime noruegués e o Goberno de Vichy.
- Resistencia e clandestinidade: Nos países sometidos polo nazismo apareceu a resistencia, que adoptou diferentes formas de loita: a entrega de información ao bando aliado, os actos de sabotaxe e atentados, e a creación de periódicos clandestinos de denuncia.
O final da guerra e os cambios territoriais
Os aliados reuníronse en varias conferencias para establecer a paz tras a guerra. En 1945, nas Conferencias de Ialta e de Potsdam, os vencedores decidiron:
- A división de Alemaña en catro zonas, administrada cada unha por unha potencia vencedora.
- A “desnazificación” de Alemaña e o xuízo aos criminais de guerra (xuízos de Núremberg).
- As reparacións de guerra que Alemaña debía pagar.
- O establecemento das novas fronteiras europeas.
En 1945 tamén se celebrou a Conferencia de San Francisco, en que máis de 50 países crearon a Organización das Nacións Unidas (ONU). Estableceron catro obxectivos: manter a paz e a seguridade internacionais, defender o dereito á libre determinación dos pobos, promover os dereitos e as liberdades do ser humano e potenciar a cooperación pacífica entre as nacións.
Outras consecuencias da guerra
- Perdas humanas e desprazamentos de poboación: Houbo entre 75 e 78 millóns de persoas falecidas e uns 40 millóns de persoas desprazadas.
- Efectos morais: A crueldade fixo que os valores éticos fosen cuestionados. Formouse un tribunal internacional e definiuse o concepto de crimes contra a humanidade.
- Consecuencias económicas: A guerra fixo desaparecer a rede de comunicación europea, destruíu a industria e reduciu ao mínimo a produción agraria. Para axudar a reconstruír a economía e configurar un novo sistema mundial creáronse o Fondo Monetario Internacional (FMI) e o Banco de Reconstrución e Desenvolvemento.