Lingua e Literatura Galega: Da Variedade Estándar aos Grandes Autores

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en con un tamaño de 7,91 KB

A Lingua como Diasistema e a Necesidade do Estándar

As linguas son diasistemas, é dicir, un conxunto de variedades moi próximas que comparten unha base común. O galego, con múltiples variedades dialectais, é un bo exemplo desta diversidade interna, o que fai necesaria a existencia dunha variedade estándar que sirva de referencia común. A variabilidade das linguas é tanto diacrónica, porque cambian co paso do tempo, como sincrónica, porque nun mesmo momento existen diferenzas segundo factores xeográficos (variedades dialectais), sociais (diastráticas) ou contextuais (diafásicas).

Esta diversidade é natural e enriquecedora, mais, como todas as linguas, debe contar cunha variedade fixada, pois esta é a que serve como modelo de referencia para a súa aprendizaxe, os usos formais, escritos, administrativos e educativos, aumentando tamén o seu prestixio social. En conclusión, a variedade estándar non elimina a diversidade, e tampouco é mellor nin peor que as outras variedades, senón que actúa como un instrumento imprescindible para a normalización e cohesión do galego, asegurando o seu uso pleno en todos os ámbitos da sociedade.

O Plurilingüismo na Península Ibérica

A Península Ibérica é un territorio claramente plurilingüe, no que conviven diversas linguas froito da súa complexa historia. Xunto coa nosa lingua, o galego, e o castelán, existen outras linguas como o portugués, o catalán, o valenciano, o éuscaro, o aranés, o astur-leonés e o aragonés. Todas elas enriquecen o panorama lingüístico peninsular.

Este plurilingüismo constitúe unha inmensa riqueza cultural, xa que cada lingua é un vehículo único de expresión. Ademais, os idiomas gardan un valioso legado histórico, pois conservan a historia e a identidade dos pobos. En canto ás linguas propias, como no noso caso o galego, son tamén un patrimonio inmaterial de valor incalculable, xa que reflicten a historia dun pobo e transmiten tradicións que nos identifican como comunidade.

En conclusión, esta marabillosa diversidade lingüística da que estamos rodeados debe ser defendida e fomentada a través dunha planificación lingüística efectiva e dun esforzo colectivo por parte da sociedade, protexendo especialmente as linguas propias, minoritarias ou en risco de desaparición, pois perder unha lingua é perder unha maneira única de entender e interpretar o mundo que nos rodea.

Grandes Voces da Poesía Galega

Celso Emilio Ferreiro

No seu poemario Longa noite de pedra, o tema central é a fraternidade universal e a solidariedade humana. Celso Emilio defende a igualdade de todos os homes por enriba de calquera barreira xeográfica, racial ou social. A voz lírica diríxese a un “ti” xenérico e destaca a loita compartida contra a inxustiza, un tema clave da súa obra. Outras obras destacadas son O soño sulcado, Terra de Ningures e Onde o mundo se chama Celanova.

Xosé María Díaz Castro

  • "Agora eu en ti": O tema central é a eternidade do amor e a procura da unión coa persoa amada. O autor presenta un amor que transcende o tempo e o espazo, converténdose nun sentimento profundo e duradeiro.
  • "Penélope": O tema central é a denuncia social, o inmobilismo e o atraso histórico de Galicia. O autor utiliza a metáfora de Penélope para representar un país que non reacciona ante o seu destino e permanece esperando sen avanzar.

Luz Pozo Garza

No poema "Illas Cíes", o tema principal é o amor vivido e lembrado, situado nun espazo idealizado. A voz poética aparece en primeira persoa e diríxese a un “ti”, creando un ton íntimo e emotivo. Outras obras de Luz Pozo Garza son O paxaro na boca, O concerto de outono e Códice Calixtino.

Uxío Novoneyra

En Elexías do Courel, o autor céntrase na identidade galega e no amor pola terra. Na primeira estrofa repítese varias veces a palabra “noso”, facendo referencia ao sentimento de pertenza. A expresión “noso suor” representa o esforzo e o sacrificio dun pobo que sofre o despoboamento e o abandono da súa terra. Outras obras: Os eidos, Muller pra lonxe e Do Courel a Compostela.

Narrativa e Reivindicación

Xohana Torres: A Subversión do Mito

O tema central é a reivindicación da autonomía feminina e a subversión do mito de Penélope. Xohana Torres rompe coa imaxe tradicional da muller como suxeito pasivo que agarda o regreso do heroe. O poema comeza cun oráculo que lle outorga a Penélope un destino propio, lonxe do fogar: “QUE sereas sen voz a vela embaten”. A autora cuestiona a utilidade do seu papel clásico mediante a pregunta retórica: “¿A que tanto novelo e tanta historia?”, onde o “novelo” simboliza a atadura doméstica. O texto culmina cunha declaración de vontade absoluta: “EU TAMÉN NAVEGAR”, que despraza o foco cara á muller como suxeito que explora a súa propia liberdade. Obras: Do sulco, Odisea.

Ánxel Fole: O Misterio e a Tradición Oral

O tema principal é a introdución dun relato oral de misterio e a caracterización do narrador e o seu entorno. Fole utiliza o marco da narrativa oral para crear unha atmosfera de "historia de medo" tradicional. O autor utiliza a fórmula típica do conto popular ao dirixirse directamente aos oíntes. Sitúa a historia nun pasado impreciso e nun lugar concreto (Lugo, Fingoi), mesturando o real co mítico. A mención ao personaxe do "Lordanas" e a advertencia sobre o respecto aos defuntos establece o ton sobrenatural. O narrador prepara o camiño mencionando que os defuntos non perdoan as burlas ("Deus o castigara por se mofare dos difuntos"), transportando ao lector ao mundo do sobrenatural.

X.L. Méndez Ferrín: Angustia Existencial

O tema principal é a angustia existencial, a incomodidade social e o descubrimento dun segredo familiar que xera vergoña e opresión. O texto amosa a visión subxectiva e atormentada do protagonista, quen se sente observado por "ollos de uranio" (unha mirada fría e deshumanizada). A tensión estala ao atopar a Eusebia Cons e descubrir as roupas íntimas que o seu pai agochara. O conflito coa figura paterna e o sentimento de humillación queda reflectido no peche: "sudei vermello, vermello", simbolizando unha vergoña física e profunda.

Álvaro Cunqueiro: O Realismo Máxico Galego

O tema é a humanización e galeguización dun mito universal, mesturando o marabilloso coa vida cotiá nun ambiente rural. Cunqueiro traslada ao mago Merlín ás terras de Miranda. O texto presenta o máxico como algo normal: Merlín xestiona amores imposibles mentres come caldo ou castañas. A historia da "doncella Teodora" exemplifica esa mestura de lenda clásica e tradición popular galega.

Xosé Neira Vilas: A Voz do Neno Labrego

O tema é a autoidentificación do protagonista e a denuncia da dureza da vida infantil no rural. Balbino preséntase como a voz dos desfavorecidos coa famosa frase: "Eu son... Balbino. Un rapaz da aldea. Coma quen di, un ninguén". Esta declaración define a súa situación de marxinación social e pobreza. O fragmento describe o traballo físico esgotador que lle provoca dor corporal e cansazo prematuro, establecendo unha clara oposición entre o neno labrego e os "nenos da vila".

Entradas relacionadas: