Literatura Galega: Autores destacados

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 9,59 KB

X36: AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO

(Seivane, 1909-Santiago, 1961). Na preguerra publicara Señardá e Corazón ao vento, na liña paisaxista e popular de Amado Carballo con influencias modernistas. Na posguerra publicou Cómaros verdes, con mestura de poemas neotrobadorescos e paisaxistas na liña da vangarda; De día a día e Lanza de soledá, libros nos que aflora a reflexión e o sentimento de desamparo, soidade e dor existencial. CELSO EMILIO FERREIRO (Celanova, 1912-Vigo, 1979) é o iniciador e principal representante da liña poética denomiada socialrealismo. Entre os seus títulos destacamos O soño sulagado, Longa noite de pedra, Viaxe ao país dos ananos, Cantigas de escarnio e maldecir, Antipoemas e Onde o mundo se chama Celanova. A súa poesía está dominada por tres rexistros básicos: o cívico, no que a poesía responde a un compromiso social de defensa da liberdade, da paz e a solidariedade; o intimista, no que se reflicte a memoria da guerra, a dor existencial, o amor, a nostalxia...; e o satírico, no que usa a ironía e o sarcasmo para escarnecer a tipos humanos concretos e para facer denuncia moral e política. É un autor dunha gran sinxeleza expresiva, case coloquial e con certo afán didactista.

Promoción do enlace: ANTÓN TOVAR

(Rairiz de Veiga, 1921). É autor de Arredores e Non, nos que domina a tensión entre a angustia existencial e a esperanza; en O vento no teu colo, Calados esconxuros e A nadadestemida apréciase a preocupación social e certo erotismo vitalista. LUZ POZO GARZA (Ribadeo, 1922) escribiu O paxaro na boca, Verbas derradeiras, Códice calixtino e Prometo a flor de loto, de carácter intimista, unhas veces sensual e outras máis transcendente.

A xeración das festas minervais : MANUEL MARÍA

(Outeiro de Rei, 1930). Dentro do período tebrista, do que é inaugurador, escribiu Muiñeiro de brétemas e Morrendo a cada intre, nos que manifesta unha visión atormentada da existencia. Terra Chá contén ecos paisaxistas. Documentos persoais, Cancións do lusco e fusco e outros teñen carácter social e cívico, con presenza do humor e a retranca. A primavera de Venus é un libro máis intimista. UXÍO NOVONEYRA (O Courel, 1930-Santiago, 1999) escribiu Os Eidos e Os Eidos 2, na tradición da poesía paisaxística pero con gran forza e ton existencial. En Poemas caligráficos e Muller pra lonxe aparecen a poesía amorosa e a social. XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Ourense, 1938) é un dos grandes narradores da literatura galega e tamén poeta. Voce na néboa pertence á estética tebrista. A liña socialrealista cultívaa en Con pólvora e magnolias, Poesía enteira de Heriberto Bens e O fin dun canto. Con pólvora e magnolias marcou unha profunda transformación na poesía galega dando paso ás tendencias da lírica actual, con novos temas e novas formas poéticas. Os seus libros máis recentes son Erótica e Estirpe.

A prosa entre o 36-76: EDUARDO BLANCO AMOR

(Ourense, 1897-Vigo, 1979) desenvolveu unha intensa actividade literaria e xornalística. Pasou longas tempadas en Sudamérica, primeiro como emigrante, logo como exiliado. É autor de poesía na preguerra e de narrativa e teatro na posguerra. Dentro da súa obra narrativa destacamos dúas novelas, A esmorga e Xente ao lonxe, e un libro de relatos, Os biosbardos. A esmorga, libro que iniciou o camiño da renovación da narrativa galega, é unha novela de realismo social. Está ambientado no espacio urbano de Ourense, denominada Auria, e céntrase na problemática das clases máis desfavorecidas, con presenza obsesiva da pobreza, a fame, a violencia, a delincuencia... Uso case constante do perspectivismo, con narrador en primeira persoa protagonista. Sérvese da lingua popular. Xente ao lonxe é, asemade, unha radiografía da Ourense de entreséculos a través da historia dunha familia. Apóstase polo pluriperspectivismo, con varios personaxes que exercen como narradores. Os biosbardos é un conxunto de sete relatos con carácter realista e autobiográfico contados en primeira persoa por un narrador infantil.

ÁLVARO CUNQUEIRO

(Mondoñedo, 1922-Vigo, 1981) exerceu como escritor e xornalista. Como escritor, cultivou todos os xéneros, narrativa, poesía, teatro e ensaio, con notábel éxito, tanto en galego coma en castelán súa obra narrativa pódese dividir en dous grupos: as novelas e as galerías de retratos ou semblanzas. Dentro das novelas destacan Merlín e familia, As crónicas do sochantre e Se o o vello Simbad volvese ás illas. Nelas maniféstase o chamado “mundo mítico de Cunqueiro”: mestura e síntese de realismo e fantasía, do cotián e o lendario; incorporación á nosa literatura de mitos doutras tradicións (clásica, oriental, nórdica...); a paisaxe aparece en función simbólica positiva; imaxinación exultante; riqueza de linguaxe. Os libros de semblanzas constitúen unha triloxía: Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá e Os outros feirantes. Trátase de relatos breves e fragmentarios, con predominancia do retrato de tipos populares, nos que se mestura con elegante naturalidade o real co fantástico, polo que adoitan clasificarse como obras de realismo máxico. Lingua popular, con notábeis doses de humor. ÁNXEL FOLE (Lugo, 1903-1986), estudou Filosofía e Letras e Dereito. Coma as figuras anteriores, cultivou a literatura e o xornalismo. Como escritor, centrouse no relato curto, xénero no que foi un verdadeiro mestre. Obras: Á lus do candil, Terra brava, Contos da néboa e Historias que ninguén cre. Características principais: a Galicia rural é a protagonista; nos temas toma como base a tradición narrativa popular; manexa habilmente as técnicas da narración oral; constante mestura de humor e medo, e tamén de elementos reais e fantásticos; recrea a fala luguesa.

XOSÉ NEIRA VILAS

(A Estrada, 1928) pasou toda a vida vencellado á emigración e ao mundo rural. Aínda que xeracionalmente está próximo aos autores da Nova Narrativa Galega, a súa obra carece do afán experimental e innovador da daqueles. Escribiu libros de protagonista infantil, de carácter social realista: Memorias dun neno labrego, Cartas a Lelo e Aqueles anos do Moncho, nos que reflicte as lembranzas da súa infancia nun ton de nostalxia e de denuncia; tamén publicou obras de protagonista adulto dentro do mundo rural cun aire triste e pesimista: Xente no rodicio, A muller de ferro, O home de pau. Por este conxunto de libros, adoita ser caracterizado dentro do xénero chamado “épica rural” ou “ruralismo”. É autor, asemade, de obras relacionadas coa emigración: Camiño bretemoso, Historias de emigrantes, Remuíño de sombras, e tamén de obras dirixidas ao público infantil: Espantallo amigo, O cabaliño de buxo.

Nova narrativa galega: GONZALO RODRÍGUEZ MOURULLO

(Calo-Teo, 1935) escribiu as dúas obras aurorais da NNG: Nasce unha árbore, serie de tres relatos nos que se entrecruzan realidade e soño e que tratan temas como a evocación da terra, a adolescencia ou a emigración, e Memorias de Tains, libro epistolar que debulla a historia dunha cidade destruída e presenta o home dominado pola angustia e a incerteza nun mundo en constante evolución. XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Ourense, 1938), destacado poeta pertencente á Xeración das Festas Minervais, é tamén autor de libros de relatos curtos cun estilo moi persoal e gran potencial temático e simbólico. Destaca pola a exploración do absurdo, a angustia humana e mesmo a violencia destrutiva como consecuencias da opresión; o desenvolvemento dunha mitoloxía persoal de gran forza, con recorrencia aos personaxes da Materia de Bretaña; os elementos simbólicos, ás veces enigmáticos, inseridos no seu discurso narrativo; e unha lingua rica, vizosa e de gran vigor expresivo. Obras incardinadas dentro da NNG: Percival 3 outras historias, O crepúsculo e as formigas e Arrabaldo do norde. Obras nas que domina o trasfondo sociopolítico: Retorno a Tagen Ata, Elipsis e outras sombras, Antón e os inocentes, Crónica de nós, Bretaña, Esmeraldina e a novela No ventre do silencio. Con aproximacións á literatura fantástica: Amor de Artur, Arnoia, Arnoia e Arraianos. MARÍA XOSÉ QUEIZÁN (Vigo, 1939), é autora da obra máis debedora do obxectalismo, A orella no buraco, que retrata a vida dun emigrante que regresa a Galicia a morrer. CARLOS CASARES (Xinzo de Limia, 1941-Vigo, 2002) amosa un perfecto dominio das técnicas narrativas máis modernas: ruptura da temporalidade lineal, control sobre o ritmo narrativo, pluriperspectivismo, monólogo interior... Combina sabiamente realidade, fantasía e humor. Lingua sinxela, áxil e transparente. As súas obras máis próximas á NNG son o libro de relatos Vento ferido e as novelas Cambio en tres e Xoguetes para un tempo prohibido. Ademais, escribiu Os escuros soños de Clío, Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul, Un país de palabras e O sol do verán.

Entradas relacionadas: