Literatura Galega: Do Exilio á Renovación Poética Contemporánea

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,41 KB

A Literatura do Exilio (1936-1975)

O obxecto de estudo deste tema é a literatura feita e/ou publicada en lingua galega polos exiliados que, a partir do remate da Guerra Civil, marcharon a América por mor da represión franquista. Será no exilio onde realmente colla forza un galeguismo que en Galicia se ve relegado ao plano cultural. En 1944 reúnese en Montevideo o Consello de Galiza, que fai do Estatuto de 1936, a autodeterminación e o federalismo as tres grandes bandeiras políticas. O Consello ten a sé en Bos Aires e presídeo Castelao. Tras a súa morte, a actividade da diáspora trasládase a México.

A Poesía no Exilio

A poesía segue tres liñas temáticas:

  • A mitificación das lendas e do pasado: Con Catro poemas pra catro grabados e Lonxe, de Lorenzo Varela; e con Luís Seoane, que publica Na brétema, Sant Iago (de corte épico) e As cicatrices, onde realiza unha valoración da comunidade emigrada.
  • A emigración: Luís Seoane publica Fardel de eisilado, no que denuncia a represión e a falta de liberdade, e A maior abondamento, onde reflexiona sobre a insolidariedade do presente.
  • A denuncia social: Presente en toda a obra de Seoane, especialmente en As cicatrices, onde fai un alegato contra os que esquecen o pasado e unha semblanza da figura do guerrilleiro.

Narrativa e Teatro

Na narrativa distinguimos dúas liñas:

  • Historia recente: Testemuña as barbaries da guerra e a represión. Destacan Ramón de Valenzuela con Non agardei por ninguén e Era tempo de apandar.
  • Idealismo e saudade: Herdeira da narrativa de Nós, céntrase na paisaxe, a fidalguía e a terra. Alonso Ríos publica Nidia.

O teatro foi un xénero moi cultivado para manter a conciencia de seren galegos. Destacan:

  • Castelao: Os vellos non deben de namorarse, combinando elementos populares e vangardistas.
  • Luís Seoane: A soldadeira, O irlandés astrólogo e Esquema de farsas.
  • Eduardo Blanco Amor: Farsas para títeres (1973) e Teatro prá xente (1974).

O Ensaio e a etapa en México

O ensaio coñece un gran desenvolvemento con Castelao (Sempre en Galiza) e Antón Alonso Ríos. Tras a morte de Castelao, México convértese na capital da cultura do exilio, destacando autores como Florencio Delgado Gurriarán e revistas como Saudade e Vieiros.

A Poesía Galega desde os anos 70

A poesía galega chega aos anos 70 da man dos poetas da Xeración das Festas Minervais. A poesía social realista esgótase e faise necesaria unha renovación estética. En 1976 publícanse dous libros clave: Con pólvora e magnolias (Méndez Ferrín) e Seraogna (Alfonso Pexegueiro).

Grupos Poéticos Relevantes

  • ROMPENTE (Vigo): Protagonismo urbano e mestura de rexistros (Antón Reixa).
  • CRAVO FONDO (Santiago): Poesía coidada na forma e implicada socialmente (Ramiro Fonte, Helena Villar).
  • DE AMOR E DESAMOR (A Coruña): Innovación lingüística (Pilar Pallarés, Lois Pereiro, Manuel Rivas).

A Poesía dos 80 e 90

Nos anos 80 xorde unha nova poesía marcada polo afán culturalista, a conexión coa cultura pop e a síntese entre modernidade e tradición. Na década de 1990, conviven diversas xeracións e correntes, destacando a aparición de novas plataformas editoriais e a combinación da poesía con outras artes.

A Poesía do Século XXI

O novo século caracterízase pola experimentación en novos soportes (blogs, poesía dixital, transmedia), a consolidación da poesía como espectáculo en vivo (poesía punk) e a vixencia de temáticas como o universo feminino, a sátira e a literatura infantil e xuvenil.

Conclusión

As últimas décadas do século XX e os comezos do XXI caracterízanse pola eclosión definitiva da poesía, cunha gran diversificación de tendencias e unha importante heteroxeneidade estética, alcanzando a madurez tras o longo período de recuperación posterior á Guerra Civil.

Entradas relacionadas: