Literatura Galega: Historia, Xéneros e Evolución Literaria

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 9,2 KB

A Literatura: Características da Obra Literaria

O termo literario procede do latín, que significa “a arte de escribir ben”. Porén, esta definición sería incompleta, xa que non abranguería aquelas creacións, como os contos populares, que pertencen á tradición oral. Polo tanto, a literatura é a expresión artística realizada por medio da lingua.

A función poética ou estética é a función máis importante da linguaxe literaria. O emisor, neste caso o escritor, pretende atraer a atención do lector sobre a forma da mensaxe, e non unicamente sobre o contido; para iso emprega diferentes recursos e artificios coa intención de producir un texto atraente no que o máis importa é a maneira de dicir.

Tamén se emprega o termo literatura con relación ao conxunto da produción literaria dunha nación (literatura galega, italiana, francesa, catalá, etc.), dunha época (literatura medieval, do século XIX, contemporánea, etc.) ou dun estilo ou movemento concretos (literatura surrealista, romántica, etc.). Para recoñecer un texto como literario ten que cumprir as seguintes características:

  • Intencionalidade estética: o autor ten por finalidade a creación dun texto destinado a gustar.
  • Uso dunha linguaxe traballada artisticamente: destaca por empregar palabras pouco comúns, ritmos marcados ou figuras retóricas de diferentes tipos (metáfora, hipérbole, epíteto, aliteración).
  • Relación de dependencia entre o contido e a forma: son elementos inseparables porque, se se altera a forma, aínda que permaneza o contido, a obra literaria cambia.
  • Carácter universal: diríxese a un público xeral e descoñecido e non a unha persoa concreta.

Xéneros Literarios

As obras literarias, segundo a súa forma e contido, agrúpanse nos chamados xéneros literarios. Distínguense tres xéneros clásicos: o poético ou lírico, o narrativo e o dramático.

O Xénero Lírico

Agrupa o conxunto de obras escritas principalmente en verso, nas que o poeta expresa de xeito subxectivo a súa visión do mundo, os seus sentimentos ou desexos. Dentro do xénero lírico, as composicións poéticas teñen unha gran variedade de formas que se denominan subxéneros. Na poesía culta destacan:

  • Epigrama: poema breve de carácter festivo e, en moitos casos, satírico.
  • Himno: composición solemne destinada ao canto que expresa sentimentos relixiosos, patrióticos ou ideas dunha comunidade.
  • Elexía: poema que expresa a dor pola morte dun ser querido ou unha desgraza colectiva.
  • Égloga: poema clásico que presenta de xeito idealizado escenas e diálogos entre pastores.
  • Oda: composición de exaltación que adoita empregar unha linguaxe elevada.

O Xénero Narrativo

Está composto por textos en prosa nos que unha voz narradora relata unha serie de accións que acontecen con determinados personaxes, froito da imaxinación do autor. Os principais subxéneros da narrativa son:

  • O conto: narración breve que relata un acontecemento que normalmente lles sucede a uns personaxes moi determinados, nun tempo e nun espazo moi concretos.
  • A novela: narración máis longa, onde se contan diferentes acontecementos que lles suceden a varios personaxes que son tratados máis polo miúdo.

O Xénero Dramático ou Teatral

Son os propios personaxes os que toman a palabra e desenvolven a acción a través dun texto dialogado destinado a ser representado nun escenario ante o público. Os principais subxéneros son:

  • A traxedia: subxénero de orixe grega que mostra como o ser humano se enfronta ás forzas incontrolables do destino, que o levan dun xeito inevitable a un terrible final.
  • A comedia: subxénero que trata, de xeito humorístico, os conflitos da vida real que adoitan ser provocados por erros e que sempre teñen un final feliz.
  • Drama: subxénero que mestura elementos de traxedia e comedia; os personaxes non están condicionados polo destino e o final non está predeterminado.

Síntese da Literatura Galega

A Idade Media (Séculos XII ao XV)

  • A literatura galega vive un momento de grande esplendor.
  • O galego-portugués convértese na lingua da lírica en toda a Península.
  • Destacan as cantigas de amor, de amigo e de escarnio e maldición, así como a prosa literaria.

Séculos Escuros (Séculos XVI ao XVIII)

  • Período de decadencia da literatura galega escrita.
  • Os Reis Católicos exercen unha política centralista que fomenta a imposición do castelán.
  • O galego consérvase na literatura de tradición oral e practicamente desaparece da escrita.

Rexurdimento (Século XIX)

  • Renacemento da cultura e da literatura galega.
  • Xorde o provincialismo, de carácter galeguista, que se opón ao centralismo.
  • Influencia da corrente romántica europea.
  • A lingua galega volve á escrita con autores como Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez ou Eduardo Pondal.

Século XX: Preguerra (Primeiro terzo do século XX)

  • Novo momento de esplendor coas Irmandades da Fala.
  • En 1920 aparece a revista Nós e o Seminario de Estudos Galegos, promovidos por intelectuais como Vicente Risco, Castelao e Ramón Otero Pedrayo.
  • Aparece o ensaio e consolídanse todos os xéneros.

Guerra Civil e Franquismo (1936 - 1975)

  • Decadencia pola guerra e a posterior represión franquista.
  • O galego mantense como lingua literaria no exilio.
  • Destaca a poesía social e de denuncia.

Actualidade (Desde 1975)

  • Coa democracia e o Estatuto de Autonomía (1981), o galego acada o rango de lingua cooficial.
  • Iníciase un proceso de recuperación e normalización.
  • A literatura galega está hoxe en plena expansión con gran variedade de temas.

O Primeiro Terzo do Século XX: As Irmandades da Fala

A comezos do século XX, Galicia vive un proceso de modernización: aumenta a poboación urbana, emerxe un campesiñado propietario e consolídase a burguesía comercial. Porén, o sistema foral mantiña o atraso económico no rural, provocando unha forte emigración.

Como reacción, xorde o movemento agrario (como a Liga Galega de Acción Agraria de Basilio Álvarez) e agroma o nacionalismo galego. As Irmandades da Fala, fundadas na Coruña en 1916 por Antón Villar Ponte, foron fundamentais. O seu voceiro foi A Nosa Terra.

No Manifesto de Lugo (1918), as Irmandades proclamáronse nacionalistas e reclamaron a autonomía integral para Galicia, a cooficialidade da lingua e a igualdade de dereitos para as mulleres. Tamén impulsaron editoriais como Céltica, Lar ou Nós, e crearon o Conservatorio Nacional de Arte Galega en 1919.

Ramón Cabanillas (1876-1959)

Considerado o poeta da raza, Cabanillas foi o gran poeta da transición, unindo o espírito do Rexurdimento co modernismo. A súa obra evoluciona por varias etapas:

  • Etapa agrarista e intimista: Con No desterro (1913) e Vento mareiro (1915), onde mestura a denuncia social anticaciquil co modernismo.
  • Etapa cívica: Con Da terra asoballada (1917), consolídase como a voz das Irmandades da Fala, reivindicando a dignidade nacional de Galicia.
  • Etapa mítica e narrativa: A súa obra máis representativa é Na noite estrelecida (1926). Nela, Cabanillas galeguiza a Materia de Bretaña (as lendas do Rei Artur e o Santo Graal), dividíndoa en tres sagas: "A espada Escalibor", "O cabaleiro do Santo Grial" e "O soño do rei Artur".
  • Etapa lírica: En 1927 publica A rosa de cen follas, centrada na intimidade amorosa.

Como dramaturgo, destacan A man da santiña (comedia de costumes) e O Mariscal (1926), un drama histórico en verso sobre a figura de Pardo de Cela, convertido en símbolo da resistencia galega contra o centralismo.

Entradas relacionadas: