Literatura galega na diáspora: autores e obras da narrativa no exilio

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 75,06 KB

A narrativa na diáspora

A narrativa escrita na posguerra polo exilio galego amosa unha clara e ben explicable preferencia pola temática da Guerra Civil, cun ton de denuncia e testemuño. Entre os autores que cultivaron esta vertente destacan os seguintes:

Ramón de Valenzuela Otero (Silleda, 1914 – Sanxenxo, 1980)

Publicou en Bos Aires Non agardei por ninguén, novela que se centra nas peripecias de Gonzalo Ozores como guerrilleiro nos montes de Galicia e como soldado na fronte da batalla. A súa segunda novela, Era tempo de apandar, complementa a primeira. Valenzuela tamén é autor de relatos curtos reunidos no volume O naranxo.

Silvio Santiago (Vilardevós, 1903 - 1974)

Despois de estar preso durante a Guerra Civil, logra fuxir e exíliase en Caracas, onde desenvolve un intenso labor cultural galeguista. É autor das novelas memorialísticas Villardevós, sobre a súa infancia na aldea natal, e O silencio redimido (póstuma), en que relata a súa aventura para fuxir da España de Franco e as terribles situacións polas que tiveron que pasar moitas persoas durante esa etapa.

Antón Alonso Ríos (Silleda, 1887 – Bos Aires, 1980)

Fundador da Federación de Sociedades Galegas de Bos Aires e director do seu voceiro e da revista Céltiga na preguerra, regresou a Galicia en 1931 para sumarse á xeira republicana. En 1936 acadou un posto de deputado por Pontevedra nas Cortes españolas. Iniciada a guerra, fuxiu a Portugal e desde alí regresou á Arxentina, onde formou parte do Consello de Galicia.

Principiou a súa traxectoria como novelista coa obra Da saudade. Amore, arte e misticismo, que está na liña da narrativa do Grupo Nós: protagonismo da paisaxe, apego á terra, evocación da fidalguía e do mundo dos pazos rurais, etc. A seguir, relatou os vinte meses que botou percorrendo a Galicia de Franco disfrazado de esmolante portugués e a súa posterior fuxida cara ao exilio na novela O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte, subtitulada "Memorias dun fuxido". Finalmente, en 1992 publicouse a súa novela Nidia, que ten como protagonista a unha monxa e vehiculiza unha infinidade de reflexións filosóficas, teolóxicas e morais.

TemplateImg4

Entradas relacionadas: