A Literatura Galega de Posguerra: Correntes e Autores Fundamentais

Otras lenguas extranjeras4,83 KB

Como consecuencia da Guerra Civil, a literatura galega deixa de ser pública durante máis dun decenio. A actividade desprázase a Latinoamérica, onde os escritores exiliados manteñen a cultura galega. En 1947 comeza a recuperación coa publicación do Cómaros verdes ata a formación da Editorial Galaxia. Escríbense no exilio a maioría das novelas que relatan vivencias persoais da guerra e a represión, que serán publicadas na democracia. Hai unha liña de continuación da prosa da Xeración Nós, con autores como Risco, Otero Pedrayo e Carballo Calero, que seguen unha temática centrada na decadencia da fidalguía.

O realismo popular de Ánxel Fole

**Ánxel Fole** traballa en revistas e en política. Rematada a guerra, refúxiase no **Courel** e coñece o mundo rural. De aí sae A lus do candil, unha obra que recolle historias contadas por distintos personaxes en longas noites de inverno, mentres fóra cae neve e arde a leña na cheminea. Estas narracións seguen as técnicas de narrativa oral e presentan unha estrutura sinxela. Fole recorre á mitoloxía popular para reelaborar lendas, aparecidos, meigallos, etc.

Características da escrita de Ánxel Fole

  • Naturalismo lingüístico, tomando como modelo a lingua oral.
  • Preferencia polo conto como representación da cultura popular.
  • Realismo narrativo.
  • Influencia da linguaxe cinematográfica.
  • Importancia da paisaxe.

Outra obra destacada é Terra brava. Contos da Solaina, que reflexiona sobre a desintegración da cultura popular debido á introdución da mentalidade científica a través de persoas de autoridade (médicos, mestres, etc.). Os relatos desta obra están sometidos á análise da razón.

O realismo fantástico de Álvaro Cunqueiro

**Álvaro Cunqueiro** posúe unha técnica que o distingue dos demais:

Características da obra de Álvaro Cunqueiro

  • Tendencia á disgregación da novela, construíndose mediante a acumulación de relatos que non teñen que ver entre si.
  • Mestura lúdica e por veces paródica de diferentes xéneros e fontes literarias (libros de cabalerías, lendas orientais, etc.).
  • Predominancia da oralidade no estilo.
  • Eliminación de fronteiras entre realidade e fantasía.
  • Humor e poeticidade.

Merlín e familia é un exemplo claro da disgregación da novela. Ten como protagonista o mago Merlín, extraído das lendas bretoas para instalarse nun ambiente galego. A fragmentación vese unificada por elementos como a voz narrativa e a historia do criado de Merlín, que lembra, xa vello, as súas aventuras na casa do mago. Tamén a estrutura se repite: chegada de forasteiros á casa de Merlín → petición de axuda ao mago → resolución do problema.

O realismo social de Eduardo Blanco Amor

**Eduardo Blanco Amor** escribe A esmorga en Bos Aires. Esta obra ten un carácter innovador por varias razóns. Atopamos narradores limitados: un narrador editor e un narrador protagonista, o que xera un distanciamento que provoca dúbida sobre a veracidade da historia. A novela esixe un lector activo, que ten que reconstruír o texto recreando as preguntas do xuíz omitidas polo autor. Sitúa a novela en Ourense, con personaxes marxinados como Cibrán o Castizo, Milhomes e Bocas, que están predestinados a un drama de destrución. A esmorga tivo diversas interpretacións: picaresca, existencialista, sociolóxica ou feminista.

Tamén escribe Os biosbardos, composto por contos caracterizados pola diversidade técnica e temática. Conforma unha especie de relato de aprendizaxe no que o personaxe, o neno, que aparece en cada conto con distintos aspectos biográficos e sociais, se enfronta a experiencias que destrúen a súa inocencia e cambian a súa maneira de relacionarse cos outros.

Xente ao lonxe reflexiona sobre o papel do escritor nunha cultura minorizada como a galega e sobre os problemas que debe afrontar para crear unha narrativa moderna cunha lingua non normalizada.

Descargar

PDF Word HTML