Literatura medieval galego-portuguesa: pastorelas, prantos, tenzóns, sirventés, lais, descordo e ciclos narrativos

Otras lenguas extranjeras4,25 KB

Xéneros da literatura galego-portuguesa medieval

A pastorela. É un xénero moi cultivado en Francia e Provenza. O modelo tradicional trata do encontro entre un cabaleiro e unha pastora (moza campesiña) nun medio bucólico, durante o que se produce un requirimento amoroso que pode ser aceptado ou non. A relación que establecen cabaleiro e pastora está fóra do código do amor cortés. Conservamos nove textos susceptibles de catalogarse como «pastorelas», mais que adoptan elementos da cantiga de amor ou da de amigo, dando lugar a unha forma híbrida.

Outros xéneros

  • O pranto. Composición na que un trobador expresa a súa dor pola morte dunha persoa relevante e eloxia as súas calidades en vida. As orixes do pranto medieval remóntanse ao planctus latino. En galego-portugués consérvanse cinco cantigas deste xénero, moi influídas polo planh provenzal. Catro delas foron escritas por Pero da Ponte en homenaxe a figuras como a raíña Beatriz de Suabia e o rei Fernando III; unha quinta dedicóullela o xograr leonés Johán ao rei Don Dinís. Tamén se conservan dous prantos burlescos (un de Pero da Ponte e outro de Pero García D´Ambroa).
  • A tenzón. Texto dialogal en que interveñen dúas voces alternantes que se corresponden con dous autores distintos. Trátase dunha especie de «combate poético» en que non falta a sátira persoal e literaria. A maioría da trintena de textos que podemos adscribir a este xénero parecen ter como intención última a de vilipendiar a pericia e calidade dalgún xograr.
  • O sirventés moral. Serve para lamentar a dexeneración e corrupción dos costumes na sociedade desa época, comparándoa cunha idade dourada anterior, e para reivindicar valores como a verdade e a honestidade. Os seus autores (Martín Moxa, Afonso X...) demostran erudición e refinamento.
  • O lai. Cinco textos transmitidos polo Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa como «lais de Bretaña», que traducen ao galego-portugués libremente poemas franceses de tema amoroso. Están postos en boca de personaxes do ciclo artúrico ou bretón.
  • O descordo. Provén do descort provenzal. Caracterízase pola falta dun esquema métrico único para toda a composición: cada estrofa ten unha fórmula métrica distinta. O único conservado é o poema de Nuno Eanes Cerzeo «Agora me quer´eu já espedir», que usa esta denominación no último verso: e meu descord´acabarei.

Ciclos narrativos

Ciclo bretón ou artúrico

  • Encádranse nel obras e fragmentos do século XV como Estoria do Santo Graal, A demanda do Santo Graal, Joseph de Arimatea, o Livro de Tristán e fragmentos do Livro de Merlín.
  • Todas elas, ambientadas na Bretaña continental ou na Gran Bretaña, desenvolven en clave cabaleiresca e cristiá as lendas probablemente célticas relacionadas co rei Artur, os cabaleiros da Mesa ou Táboa Redonda (Percival, Galaaz, Lanzarote, Galván, Boorz...), a corte de Camelot, a illa de Avalon, o mago Merlín e a maga Morgana, a orixe e procura do Santo Grial ou Graal, a espada Escalibur, os amores tráxicos de Tristán e Isolda...

Ciclo clásico ou troiano

  • Corresponden a este ciclo a Crónica Troiana (copiada polo clérigo Fernán Martíns por orde do nobre Fernán Pérez de Andrade, na segunda metade do século XIV) e a incompleta bilingüe en galego e castelán Historia Troiana.
  • Ambas ofrecen unha visión fantasiosa do mundo clásico (viaxes de Ulises de Ítaca, expedición dos Argonautas, aventuras de Aquiles, guerra de Troia, amores de Paris e Helena...), construída con motivos presentes na Odisea e na Ilíada de Homero, mais reinterpretados a través da ideoloxía medieval.

Ciclo carolinxio

  • Consérvanse fragmentos dunha obra coñecida como Pseudo-Turpín, incluídos nos Miragres de Santiago, que relatan aspectos da historia lendaria do emperador Carlomagno, nomeadamente as súas batallas na Península contra os mouros e a morte do seu sobriño Roldán en Roncesvalles.

Descargar

PDF Word HTML