Panorama da Literatura Galega Contemporánea: Narrativa, Poesía e Fundamentos Lingüísticos
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 9,46 KB
Narrativa Galega Actual: Finais do Século XX e Inicios do XXI
A literatura galega experimenta un gran crecemento a partir das últimas décadas do pasado século como consecuencia do novo marco político. Este incremento maniféstase de modo evidente na narrativa se consideramos o elevado número de narradores e narradoras existentes, sobre todo se temos en conta que se foron incorporando novas xeracións ás xa existentes. Os autores que se deran a coñecer nos anos 60 –a Nova Narrativa Galega– continúan publicando novos textos: Carlos Casares, Méndez Ferrín, María Xosé Queizán… Á par deles xorde nos 70 unha nova xeración de escritores: Víctor Freixanes, Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Paco Martín, Xosé Manuel Martínez Oca... Nos 80 publican as súas obras un numeroso grupo de narradores que introducen novas temáticas e novas técnicas narrativas: Manuel Rivas, Suso de Toro, Darío Xohán Cabana, Marina Mayoral, Carlos Reigosa.... A partir dos 90 e nas décadas seguintes engádense novos nomes e aumenta considerablemente a presenza de narradoras.
Xéneros Narrativos Destacados
Narrativa Histórica
Pensa Nao (1999), de Anxo Angueira.
Narrativa Policial ou "Negra"
Crime en Compostela (1984), de Carlos Reigosa. Beleza Vermella (2019), de Arantza Portabales.
Narrativa de Terror e Medo
Tres Historias para Ler á Noite (1992), de Paco Martín.
Narrativa Experimental
Polaroid (1986), de Suso de Toro.
Narrativa Fantástica
O Cervo na Torre (1994), de Darío Xohán Cabana.
Narrativa de Misterio
Trece Badaladas (2002), de Suso de Toro.
Narrativa Feminista
O Club da Calceta (2006), de María Ramóndez.
Narrativa Infantil e Xuvenil
Tamén cobra un gran desenvolvemento a narrativa destinada ao público infantil e xuvenil. As editoriais crean coleccións específicas para este lectorado, como Árbore e Costa Oeste (Galaxia), Merlín e Fóra de Xogo (Xerais), e nacen tamén editoriais especializadas (Kalandraka, OQO...).
A Nova Narrativa Galega
Baixo a denominación Nova Narrativa Galega reúnese un grupo de escritores e escritoras que publicaron as súas obras a finais dos anos cincuenta e na década dos sesenta. Son todos escritores moi novos que pretenden superar os modelos literarios existentes ata ese momento e inspíranse en escritores americanos e europeos que revolucionaron a literatura do século XX (Franz Kafka, James Joyce, William Faulkner, Marcel Proust...) incorporando aos seus escritos as innovacións temáticas e técnicas presentes nas obras destes.
Novidades da Nova Narrativa Galega
- Presenza de personaxes anónimos, marxinais, desarraigados, desorientados, violentos, desequilibrados e ás veces sumidos en estados patolóxicos (loucura, delirio, etc.).
- O mundo do subconsciente (traumas, pesadelos, soños...) tomado da psicanálise de Freud.
- Ambientes urbanos claustrófobos e sórdidos.
- Ruptura da linearidade temporal do argumento, con constantes avances (prolepses) e retrocesos (analepses) no tempo.
- Predominio do monólogo interior ou fluír da conciencia, que tenta reproducir os pensamentos tal como brotan na mente do personaxe.
- Técnica do ollo cinematográfico: o narrador actúa como se fose unha cámara, rexistrando con obxectividade o que os seus sentidos perciben.
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938)
As súas primeiras obras encádranse dentro da Nova Narrativa Galega e nelas apréciase a influencia da literatura europea e americana. Están protagonizadas por personaxes antiheroes que se moven en ambientes sórdidos: Percival e Outras Historias (1958), O Crepúsculo e as Formigas (1961), Arrabaldo do Norte (1964). Nos anos 70 escribe obras máis políticas nas que presenta a violencia, a represión do Estado, a clandestinidade: Elipsis e Outras Sombras (1974), Antón e os Inocentes (1976), Crónica de Nós (1980), Retorno a Tagen Ata (1971). Desde 1980 combina a fantasía e as recreacións míticas da materia de Bretaña co compromiso político: Amor de Artur (1982), Arnoia, Arnoia (1985), Bretaña Esmeraldina (1987), Arraianos (1991), No Ventre do Silencio (1999).
Novelas de Méndez Ferrín
- Arrabaldo do Norte (1964)
- Retorno a Tagen Ata (1971)
- Antón e os Inocentes (1976)
- Arnoia, Arnoia (1985)
- Bretaña Esmeraldina (1987)
- No Ventre do Silencio (1999)
Relatos de Méndez Ferrín
- Percival e Outras Historias (1958)
- O Crepúsculo e as Formigas (1961)
- Elipsis e Outras Sombras (1974)
- Crónica de Nós (1980)
- Amor de Artur (1982)
- Arraianos (1991)
O Grupo Rompente
O Grupo de Comunicación Poética Rompente xorde na cidade de Vigo no ano 1975. Estaba formado por Alfonso Pexegueiro, Manuel Romón, Alberte Avendaño, A.R. Reixa e Camilo Valdeorras, que axiña o abandonou. Deron unha chea de recitais colectivos, fixeron programas de radio e espectáculos audiovisuais e publicaron varios libros, algúns colectivos (Silabario da Turbina, Fóra as Vosas Sucias Mans de Manuel Antonio, A Dama que Fala) e outros a título individual (Seraogna, de A. Pexegueiro; As Ladillas do Travesti, de Reixa; Facer Pulgarcitos Tres, de Avendaño, e Galletas Ka Koschka, de M. Romón). Colaboraron con músicos e pintores, impulsando a vangarda artística que caracteriza a creación galega destes anos. Tiveron unha gran influencia. Disolvéronse como grupo no ano 1983.
Poetas dos Anos 70
Dentro dos poetas que se deron a coñecer durante os anos setenta podemos distinguir con claridade dous grupos:
- A) Os poetas da escola de Os Novísimos. Entre eles citaremos a xente como Xesús Rábade Paredes, Darío Xohán Cabana, Margarita Ledo, Lois Diéguez, Fiz Vergara e Xabier Rodríguez Barrio. A súa poesía, inicialmente de tipo social e reivindicativo, evolucionará a partir de finais dos anos 70, acadando unha maior riqueza formal e temática.
- B) Os poetas que se dan a coñecer a partir de 1975. Entre estes poetas, que consolidarán a súa obra xa nos anos oitenta, destacan os nomes de Alfonso Pexegueiro, Antón Reixa, Alberto Avendaño, Manuel Romón, Víctor Vaqueiro, Ramiro Fonte e Claudio Rodríguez Fer.
Conceptos Lingüísticos Fundamentais
1. Lexema ou Raíz
Parte que proporciona o significado léxico, e está presente en todas as palabras: mar, zapat-aría.
2. Morfemas
Únense ao lexema para completar ou modificar o seu significado: zapat-aría, zapat-azo. Poden ser de varios tipos:
2.1. Independentes
Teñen soamente significado gramatical (non léxico). Son palabras variables: preposicións (a, ante, baixo...), conxuncións (e, ou, porque...) ou adverbios (aquí, máis, hoxe...).
2.2. Dependentes
Que á súa vez se dividen en:
2.2.1. Flexivos (ou gramaticais)
Poden ser de xénero (nen-a), número (bonit-o-s) ou desinencias verbais (camiñ-a-ba-s) (morfema modo-temporal e morfema número-persoal).
2.2.2. Alternativos (ou apreciativos)
Modifican o significado do lexema, pero non alteran a súa categoría gramatical: xent-uza. Diferenciamos segundo o seu significado:
- Diminutivos: -iño/a, -echo/a, -ete/eta (rapaciño, pequecha, rapaceta).
- Despectivos: -azo/a, -astro/a, -exo/a, -ucho/a (riacho, tipexo, leirucha).
- Aumentativos: -azo/a, -ón/ona (cochazo, patadón).
2.3. Derivativos
Morfemas que se unen ao lexema para crear novas palabras (nen-ez, nen-eir-o).
2.3.1. Prefixos
Antes do lexema (partir → repartir). A nova palabra formada con prefixos ten sempre a mesma categoría gramatical da palabra base: legal (adx.) → ilegal (adx.).
2.3.2. Sufixos
Despois do lexema (igual → igualdade). Modifican o significado do lexema e crean palabras novas con entradas léxicas independentes no dicionario. Poden tamén cambiar a categoría gramatical da palabra: xente (nome) → xentil (adx.). Segundo o seu significado diferenciamos:
- Colectivos: indican a idea de conxunto, acumulación, abundancia ou multitude: alumnado.
- Locativos: indican lugar: panadaría.
- Temporais: indican o tempo que dura algo: reinado.
- Caracterizadores: forman sobre todo adxectivos que indican unha calidade ou característica: cabezudo.
- Profesionais: indican cargo, profesión, título: bibliotecario.
- De Acción: indican acción ou efecto dun verbo: atadura, conversa, ou persoa que realiza a acción: corredor.
- Abstractos: forman substantivos abstractos a partir de adxectivos: felicidade.
- Xentilicios: designan o lugar de procedencia: ourensán.