Panorama da Poesía Galega de Posguerra e Procesos de Planificación Lingüística
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 6,17 KB
A Poesía Galega na Posguerra: Os Poetas do 98
A recuperación poética na posguerra está marcada pola publicación de Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño (poeta da xeración do 36, xunto con Xosé María Díaz Castro).
Aquilino Iglesia Alvariño
A súa obra presenta unha poesía cunha paisaxe humanizada e temáticas como a soidade, o paso do tempo ou a morte. Entre as súas obras destacan:
- De día a día
- Nenias
- Lanza de soedá
Xosé María Díaz Castro
Publica Nimbos (1961). Os seus temas recorrentes son o amor, a morte, a vida, a nostalxia da infancia e a relixiosidade.
A Poesía da Promoción de Enlace
Este grupo está formado por escritores nacidos arredor dos anos 20, que supuxeron a unión entre os poetas anteriores e os novos autores.
- Antonio Tovar: conxuga a intención social cos poemas intimistas en libros como Arredores (1962), Calados esconxuros (1980) e A nada destemida (1991).
- Luz Pozo Garza: desenvolve unha poesía dialogante co pensamento clásico e coa tradición poética galega, con tons moi intimistas, existenciais e culturalistas. Publica obras como Concerto de outono, Códice calixtino (1991) e Vida secreta de Rosalía.
A Xeración do 50 e a Escola de Tebra
Nesta etapa aparecen os primeiros libros de poetas que comparten certas características: non viviron directamente a Guerra Civil, realizaron estudos universitarios e comprometéronse política e culturalmente coas liberdades e a situación de Galicia. Protagonizan unha renovación técnica e formal.
Nos seus primeiros libros pódese apreciar a poesía de angustia, presidida polo conflito da persoa consigo mesma e coa vida (denominada Escola de Tebra pola súa visión atormentada da existencia). Conforme avanza a década dos 60, estes autores evolucionan cara á poesía social, influídos pola publicación de Longa noite de pedra (1962) de Celso Emilio Ferreiro.
Autores Destacados da Xeración do 50
- Uxío Novoneyra: escribe poemas paisaxísticos en obras como Os eidos e Elexías do Courel e outros poemas; tamén cultiva a poesía social de carácter político e reivindicativo en Poemas caligráficos e Do Courel a Compostela.
- Manuel María: posúe unha obra moi variada. Comezou con poemas intimistas e de desacougo, para logo realizar crítica social e, posteriormente, retornar ao carácter íntimo e amoroso. Obras destacables: Terra Chá e Poemas para construír unha patria.
- Bernardino Graña: autor de Profecía do mar e Non vexo Vigo nin Cangas, que lle valeron o apelativo de "poeta do mar", xa que o seu tema principal é a vida mariñeira.
- Xohana Torres: a principal voz feminina dos 50. Entre os seus poemarios importantes destacan Do sulco e Tempo de ría.
A Obra Poética de Celso Emilio Ferreiro
A súa produción inclúe títulos fundamentais da literatura galega contemporánea:
- O soño sulagado (1955)
- Longa noite de pedra (1962)
- Viaxe ao País dos Ananos (1968)
- Cantigas de escarnio e maldicir (1968)
- Onde o mundo se chama Celanova (1975)
Estilo e Contexto
A súa obra bebe dunha sólida tradición de poesía cívica, con exemplos en Curros Enríquez e Ramón Cabanillas. Debe entenderse nun contexto de politización do discurso poético, cunha mensaxe comprometida e un mantemento do rigor formal. Celso Emilio pensaba que a súa misión era reflectir a súa época e as relacións humanas coas circunstancias históricas e sociais. Predomina un ton coloquial en consonancia cun sentido claro e directo, cunha métrica variada onde destaca o verso libre.
Liñas Temáticas de Celso Emilio
- Liña social: mostra solidariedade cos reprimidos e denuncia problemas como o fascismo, a deshumanización, a emigración e a inxustiza. É unha poesía de protesta e revolucionaria que pretende transformar a sociedade.
- Liña intimista: expresa o inconformismo e o desacougo existencial, a identificación coa terra, a fugacidade da vida e a evocación do amor ou a infancia (vista como un paraíso perdido).
- Liña irónica: realiza unha crítica dura e corrosiva. Denuncia a mesquindade humana con humor sarcástico e defende unha visión universal do ser humano por riba de razas, linguas ou fronteiras.
Planificación Lingüística: Normalización e Normativización
A normalización e a normativización son dous procesos estreitamente relacionados incluídos no concepto de planificación lingüística.
Conceptos Fundamentais
- Normalización (Planificación do status): consiste en estender a lingua en ámbitos de prestixio e aumentar o número de falantes. Ao poñer en marcha a normalización dunha lingua marxinada, preténdese que pase a desempeñar funcións sociais que lle foron prohibidas anteriormente.
- Normativización (Planificación do corpus): consiste en dotar a lingua dos recursos necesarios, elaborando unha variedade estándar, dicionarios, gramáticas e vocabularios específicos, así como ampliar e actualizar o seu léxico.
Para levar a cabo todas estas medidas, precísase da implicación tanto dos poderes públicos como dos privados; é dicir, de toda a sociedade.
Prexuízos Lingüísticos
Un paso importante na planificación lingüística consiste na superación dos prexuízos. Todas as medidas para normalizar unha lingua supoñen determinados cambios sociais en maior ou menor medida e, en moitos casos, estes cambios son rexeitados debido aos prexuízos existentes.