O Pensamento de Friedrich Nietzsche e a Crise da Cultura Occidental

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,78 KB

A Filosofía Vitalista de Friedrich Nietzsche

A solución nietzscheana é unha filosofía asistemática de variada temática que critica a cultura occidental desde unha posición vitalista e atea. Considera a vida como un devir constante de aparencias sensibles, que resulta da loita entre dúas forzas ou instintos contrarios.

Raíces e Influencias do Pensamento

Continuadora do dinamismo de Heráclito, do relativismo e escepticismo dos Sofistas e do voluntarismo de Schopenhauer, a filosofía de Nietzsche trata de recuperar o concepto grego tráxico de vida como transfundo orixinario de todo o que acontece.

Crítica ao Racionalismo e ao Cristianismo

Opónse a toda a filosofía occidental polo seu carácter racionalista e moralista cristián. Tanto un coma o outro teñen a súa orixe no medo e fuxida da vida tal e como é, no que el considera unha enfermidade do espírito: o nihilismo pasivo, inventor da transcendencia do ficticio mundo suprasensible socrático-platónico.

Contexto Histórico e Obra

Nietzsche foi un destacado filósofo e humanista alemán de finais do século XIX. Foi autor de numerosas obras das que destacamos as seguintes:

  • O nacemento da traxedia (período romántico).
  • O Gai saber (período ilustrado).
  • Así falou Zaratustra, Máis alá do ben e do mal, A xenealoxía da moral e O crepúsculo dos ídolos (período crítico).
  • Os chamados Fragmentos póstumos, que son unha recompilación de fragmentos soltos que completaban algunhas das súas obras.

A Alemaña de Bismarck

Viviu na Alemaña do chanceler Bismarck, político autoritario que favoreceu a expansión da clase terratenente e empresarial, ao tempo que con subsidios axudaba á masa dos traballadores e reprimía co exército a todo aquel que se lle rebelaba. Así foi como logrou unha rápida industrialización e liderou o proceso de unificación política de Alemaña (1871).

O Enfrontamento Ideolóxico e a Crise da Razón

No que atinxe ao panorama filosófico, había un enfrontamento entre o socialismo marxista e o utilitarismo liberal de signo burgués. A evolución destas dúas ideoloxías, herdeiras da filosofía ilustrada, trouxo consigo unha crise no pensamento occidental que será denunciada rapidamente polo filósofo vitalista A. Schopenhauer (†1860).

A Crise da Cultura e a Transmutación de Valores

A orixe real da filosofía de Nietzsche atópase precisamente nesta crise da cultura occidental avisada anos antes por Schopenhauer. Para Nietzsche, a concepción ilustrada da razón como forza emancipadora e de progreso acabou restrinxida a un uso científico-técnico con fins utilitaristas-hedonistas que ocultan a realidade do sufrimento e negan o sentido tráxico da existencia.

O Estado, co seu enorme poder, chantaxea os cidadáns ofrecéndolles protección social e pequenas melloras económicas a cambio da renuncia á súa liberdade creativa e autenticidade. Para solucionar este problema, Nietzsche ten a intención de criticar a cultura occidental e os seus falsos valores para construír unha nova cultura mediante unha transmutación de valores.

Entradas relacionadas: