Poesía Galega Contemporánea: Autores, Obras e Planificación Lingüística

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,16 KB

Poetas da promoción de enlace

Denomínase así un grupo de escritores nados arredor dos anos vinte do século pasado que supuxeron un nexo de unión entre os poetas anteriores e os máis novos que os seguiron no tempo. Os máis importantes son:

  • Antonio Tovar: Conxugou a intención social xunto cos poemas de corte intimista nos seus libros Arredores (1962), Non (1967), Calados esconxuros (1980) e A nada destemida (1991).
  • Luz Pozo Garza: Escribe unha poesía que dialoga co pensamento clásico e mais coa tradición poética galega previa, con altas doses de intimismo, existencialismo e culturalismo. Publicou Concerto de outono (1981), Códice calixtino (1991) ou Vida secreta de Rosalía (1996), entre outras moitas obras.

Autores da xeración dos 50

Uxío Novoneyra escribiu poemas paisaxísticos, onde se expresa a soidade da persoa en contacto coa natureza agreste da súa bisbarra natal do Courel, á que pertencen obras como Os eidos ou Elexías do Courel e outros poemas (1985), e poesía social, recollida nos libros Poemas caligráficos (1978) ou Do Courel a Compostela (1988). Tamén escribiu poesía amorosa, reunida no libro Muller pra lonxe (1986).

A obra de Celso Emilio Ferreiro

A obra de Celso Emilio bebe dunha sólida tradición de poesía cívica, que ten en Curros Enríquez e Ramón Cabanillas os mellores exemplos. Ten un discurso poético que tenta conxugar a mensaxe comprometida co mantemento do rigor formal.

Celso Emilio pensaba que a misión do poeta era reflectir a época que lle tocou vivir e as relacións dos seres humanos coas circunstancias históricas e sociais. Predomina o ton coloquial en consonancia co contido directo e claro. Polo que respecta á métrica, é moi variada e predomina o verso libre.

Temas principais na obra de Celso Emilio Ferreiro

Podemos distinguir tres grandes núcleos temáticos que se achan en case toda a súa obra:

  • Liña social: Solidaria cos oprimidos de calquera latitude e denunciadora dos males sociais: o fascismo, a deshumanización, a emigración, a inxustiza, a solidariedade cos que sofren, o antibelicismo... É unha poesía que se erixe en protesta contra a inxustiza e incluso se fai revolucionaria, porque pretende conseguir a transformación da sociedade.
  • Liña intimista: Celso Emilio manifesta o seu inconformismo e desacougo existencial, a forte identificación coa terra, a fugacidade da vida, a evocación da infancia ou o amor. O poeta evoca un tempo pasado e feliz, un tempo en que as cadeas que aferran o ser humano aínda lle eran descoñecidas, relembrando así unha sorte de paraíso perdido.
  • Liña irónica: Fortemente corrosiva e crítica, que se pode observar en libros como Cantigas de escarnio e maldicir ou nos Antipoemas. Celso Emilio denuncia a mesquindade humana con ton acedo, cheo de humor sarcástico. É esta unha poesía universal, que canta as traxedias do ser humano en xeral, por riba de razas, cores, linguas ou fronteiras.

Obra poética de Celso Emilio Ferreiro

  • O soño sulagado (1955)
  • Longa noite de pedra (1962)
  • Viaxe ao País dos Ananos (1968)
  • Cantigas de escarnio e maldicir (1968)
  • Onde o mundo se chama Celanova (1975)

Normativización e normalización

A normalización e a normativización son dous procesos estreitamente relacionados que se inclúen no concepto máis xenérico de planificación lingüística. Cando pomos en marcha a normalización dunha lingua marxinada, pretendemos que esta pase a desempeñar funcións de prestixio que lle foran prohibidas até o momento. Para acadar este obxectivo, é necesario dotar a lingua dos recursos necesarios, elaborar unha variedade estándar ou normativa, así como ampliar e actualizar o seu léxico. A normalización persegue incidir no status da lingua, mentres que a normativización afecta ao seu corpus.

Planificación lingüística

  • Planificación do status (normalización): Estender a lingua a ámbitos de prestixio e aumentar o seu número de falantes.
  • Planificación do corpus (normativización): Elaborar unha variedade estándar, gramáticas, dicionarios e vocabularios específicos.

Para levar a cabo con éxito estas medidas, cómpre a implicación dos poderes públicos e privados, así como, en xeral, de toda a sociedade.

Exercicios

  • Profecía do mar - Bernardino Graña
  • As torres no ar - Antón Avilés de Taramancos
  • Cómaros Verdes - Aquilino Iglesias Alvariño
  • Fabulario novo - Manuel Cuña Novás
  • Códice Calixtino - Luz Pozo Garza
  • Nimbos - Xosé María Díaz Castro
  • Do sulco - Xohana Torres
  • Terra de ningures - Celso Emilio Ferreiro
  • Terra Chá - Manuel María

Entradas relacionadas: