A Poesía Galega da Resistencia: Xeracións e Tendencias (1940-1970)
A Poesía Galega na Posguerra (1940-1970)
A Guerra Civil paralizou toda a actividade cultural ata a década dos 40. En 1947 publícase Cómaros verdes de Aquilino Iglesia Alvariño. En 1950 fúndase Galaxia, na que se publicarán as obras literarias de referencia e se construirá o novo sistema literario galego, ademais de ser un medio de resistencia cultural ao franquismo. O primeiro título que publicará será Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas.
Tendencias da Poesía na Posguerra
As principais correntes poéticas deste período son:
- Tendencias herdadas da preguerra:
- Imaxinismo ou Hilozoísmo: Cultivado por autores como Iglesia Alvariño.
- Neotrobadorismo: Representado por Álvarez Blázquez.
- Ruralismo: Destaca Díaz Castro.
- Paisaxismo renovador: Caracterizado pola unión entre o home e a natureza. Exemplos clave son Novoneyra e Manuel María.
- Clasicismo e Culturalismo: Con referencia á cultura grecolatina. Autores como Iglesia Alvariño e Carballo Calero.
- Intimismo e Escola da Tebra: Escola existencialista e angustiada iniciada por Cuña Novás e seguida por Manuel María e Celso Emilio Ferreiro.
- Socialrealismo: Tendencia dominante da época. Os seus máximos expoñentes son Celso Emilio Ferreiro e Manuel María.
As Xeracións Poéticas
A Xeración de 1936
Formada por autores que viviron a Guerra Civil. Iniciaron a publicación de poesía na posguerra e cultivaron moitas das tendencias anteriores, abordando temas como a saudade, o paso do tempo e a morte.
Aquilino Iglesia Alvariño
Iniciou a publicación de poesía na posguerra. Cultivou moitas das tendencias anteriores. Entre as súas obras destacan Señardá e Corazón ao vento, ademais de Cómaros verdes.
Xosé María Díaz Castro
Autor de Nimbos, obra de temática relixiosa, preocupada polos grandes interrogantes da existencia e que contrapón o mundo material e o mundo espiritual. Destaca o poema “Penélope”, no que equipara a Galicia coa dona de Ulises.
Celso Emilio Ferreiro
É o poeta máis importante desta xeración. Comprometido politicamente, é o principal cultivador da poesía socialrealista.
- O soño sulagado: Poesía intimista e saudosa.
- Longa noite de pedra: A orixe está no encarceramento do poeta no mosteiro de Celanova, presuntamente por facer comentarios sobre a crueldade dos fascistas na guerra. O primeiro poema remite a este feito e convértese nunha metáfora do franquismo. O poemario desenvolve un alegato en favor da liberdade, a xustiza social, o antimilitarismo e contra a intolerancia.
- Viaxe ao país dos ananos: Xorde da experiencia da emigración a Venezuela e o choque que supón para el o descubrimento da realidade dos colectivos emigrados: materialistas, desgaleguizados e controlados por axentes franquistas.
- Cantigas de escarnio e maldicir: Afonda na poesía satírica.
- Antipoemas: Continúa coa sátira sociopolítica.
A Promoción de Enlace
Os autores deste grupo constitúen un caso de “xeración perdida”. Eran nenos durante a guerra e medraron na posguerra sen posibilidade de acceso a unha formación sólida e á cultura galega. Comezan a escribir en castelán e danse a coñecer tarde.
Antón Tovar
Reflexiona sobre o sentido da vida e da morte dun xeito pesimista e con grande preocupación relixiosa. Obras destacadas: Arredores e O vento no teu colo.
Luz Pozo Garza
Cultiva unha temática intimista e saudosa. Obras: O paxaro na boca e Verbas derradeiras.
Manuel Cuña Novás
Iniciador da “Escola da Tebra” pola súa temática sombría, o clima angustiado e onírico e o uso de imaxes de influencia surrealista. Obra: Fabulario novo.
A Xeración das Festas Minervais
É a xeración máis importante destes anos. Estes autores non viviron a Guerra Civil, pero criáronse nun clima de represión. O nome provén dun certame poético que se recuperou na Universidade de Santiago nos anos 50 e no que case todos foron premiados. Constitúen unha xeración que consegue acceso aos estudos superiores, aínda que queda desencantada da pobreza da vida universitaria da década de 1950. Introducidos no galeguismo polos persoeiros de Galaxia, posteriormente moitos desvinculáronse deste grupo e recuperaron a acción política na clandestinidade. Abriron a cultura galega a influencias doutras culturas como a francesa e a anglosaxoa.
Uxío Novoneyra
Obras principais: Os Eidos, Os Eidos 2 e Elexías do Courel. Crea unha poesía que constitúe un canto ó Courel na que o home destaca pola súa insignificancia. A súa poesía tamén posúe unha vertente social e política, de denuncia do imperialismo e da represión das liberdades.
Xosé Luís Méndez Ferrín
Autor controvertido e influente na literatura e na cultura galega das últimas décadas, desde a actividade galeguista á militancia política ata presidente da Real Academia Galega.
- Voce na néboa: Obra de estética existencialista que se insire na Escola da Tebra.
- Poesía política: Publicou Antoloxía popular e Sirventés pola destrución de Occitania baixo o pseudónimo de Heriberto Bens, reunidas co título Poesía enteira de Heriberto Bens. Esta poesía está centrada en Galicia como nación derrotada.
- Con pólvora e magnolias: Combina poesía política e revolucionaria co intimismo preciosista. Está presente o compromiso social e patriótico e a construción mítica da nación galega.
Manuel María
Destaca a vertente inspirada na Escola da Tebra dos seus primeiros poemarios como Muiñeiro de brétemas ou Advento. A poesía paisaxística aparece en Terra Chá. Nas décadas do 60 e 70 destaca a poesía social, polo seu ton coloquial e satírico-humorístico: Documentos personaes e Laio e clamor pola Bretaña.