Poetas Galegos Contemporáneos: Obra e Evolución Literaria

Clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,15 KB

Bernardiño Graña

Na súa produción poética inclúense: Poema do home que quixo vivir, Profecía do mar, Non vexo Vigo nin Cangas, Se o noso amor e os peixes e Himno verde.

  • Traxectoria: Foi un dos poetas máis premiados nos certames das Festas Minervais.
  • Primeira etapa: O seu primeiro libro, Poema do home que quixo vivir, sitúase na estética da Escola da Tebra, caracterizada pola angustia existencial e a desesperanza.
  • Evolución: En 1966 saíu á luz Profecía do mar, título que marca unha nova orientación na súa obra. Emprega a súa voz, dotada da forza expresiva e a riqueza léxica da fala mariñeira do Morrazo, para denunciar a destrución do mar e da terra, consolidando unha conciencia ecolóxica recorrente en títulos posteriores.

Uxío Novoneyra

Produción destacada: Os Eidos, Os Eidos 2, Poemas caligráficos e Muller pra lonxe.

  • Estilo e tradición: Unha boa parte da produción de Novoneyra insírese na tradición da poesía paisaxística de Noriega Varela ou Aquilino Iglesia, se ben o courelés acrecéntalle un ton existencial e amósase nunha compenetración máis íntima coa paisaxe: o poeta (ser humano) en soidade ante a natureza.
  • Técnica: A súa expresión adoita ser breve, condensada e con frecuentes enumeracións. Como culminación máxima desa unión coa paisaxe aparece o recurso do fonosimbolismo: repetición e combinación de fonemas para evocar sons da natureza ou emocións que esta provoca.
  • Novas liñas: En obras como Muller pra lonxe ou Poemas caligráficos, Novoneyra ensaia outras liñas creativas: no primeiro caso a poesía amorosa, e no segundo a poesía social e de denuncia.

Méndez Ferrín

Produción destacada: Voce na néboa, Con pólvora e magnolias, Poesía enteira de Heriberto Bens, O fin dun canto, Erótica e Estirpe.

  • Inicios: Destacado narrador, os seus primeiros pasos como poeta deunos con Voce na néboa, na máis ortodoxa liña da Escola da Tebra: unha poesía de ton íntimo e angustiado, cunha temática que vai desde a preocupación existencial (o sentido da vida, a desesperanza...) ata a visión fatal da propia Galicia.
  • Renovación: Nos anos 70, a súa poética evolucionou adquirindo unha manifesta intención reivindicativa e concienciadora. En 1976, o seu poemario Con pólvora e magnolias marcou unha definitiva renovación na poesía galega, dando paso ás tendencias da nosa lírica actual.
  • Madurez: Son poemas que se abren a novos temas (a lembranza do pasado, o amor, o tempo...) e nos que se investigan novas formas e posibilidades estilísticas da linguaxe. Ferrín mantén estas liñas temáticas e formais nas obras máis recentes: O fin dun canto, Erótica e Estirpe.

Entradas relacionadas: