A Era dos Reis Católicos e Felipe II: Imperio e Transformacións

Clasificado en Historia

Escrito el en español con un tamaño de 10,21 KB

Reis Católicos

Unión Dinástica

O matrimonio formado por Sabela, raíña da Coroa de Castela, e Fernando, rei da Coroa de Aragón, é coñecido como o dos Reis Católicos debido ao título honorífico concedido polo Papa en 1496. Non obstante, esta unión non significou a unión das dúas coroas, senón que foi unicamente unha unión dinástica baseada nun vínculo persoal; non se fusionaron os territorios e cada unha das coroas conservou a súa personalidade, con leis e institucións propias e diferenciadas, manténdose tamén as fronteiras e as aduanas entre elas. Para gobernar os seus reinos acordaron repartirse competencias e administrar conxuntamente os territorios, así como establecer un único escudo (as frechas de Sabela e o xugo de Fernando). Non obstante, na súa situación, os Reis Católicos decidiron manter os seus títulos tradicionais coa enumeración de todas as súas posesións, aínda que na Corte real e no exterior foise impoñendo paulatinamente o título de Reis de España.

Reorganización Política e Administrativa

Para reforzar a súa autoridade e conseguir un mellor goberno dos reinos, os Reis Católicos introduciron modificacións políticas e administrativas entre as que destacan:

  • Reforzamento dos Consellos

    O Consello Real converteuse no principal órgano asesor e de goberno dos reis. Estaba formado por nobres e letrados organizados en comités específicos. Ademais crearon o Consello da Inquisición (1483), o Consello das Ordes Militares (1489) e o Consello de Aragón (1494).

  • Extensión dos Vicerreis

    En aqueles territorios que, como a Coroa de Aragón e Navarra, tiñan organismos e leis específicas. Para Galicia crearon o cargo de Gobernador con poderes similares aos dos vicerreis.

  • Reforma da Xustiza

    Creación de novas Chancelerías e Audiencias, tribunais permanentes que exercían a súa xurisdición sobre un territorio delimitado.

  • Imposición de Corrixidores

    Nas cidades de reguengo de Castela. Actuaban como representantes dos reis e estaban encargados da orde pública, de impartir xustiza e de supervisar a vida municipal.

  • Incremento da Burocracia e Exército Permanente

    Formación dun exército permanente nos terzos (rexementos de infantería) que se crearon e empregaron no dominio de Italia.

As Cortes mantiveron as súas funcións básicas (aprobación de leis a proposta dos reis e recadación de impostos).

Felipe II

A Súa Herdanza

Entre 1515 e 1519, Carlos de Habsburgo recibiu como herdanzas dos seus pais e avós numerosos territorios espallados por Europa e por América. En 1519 foi elixido emperador co nome de Carlos V. Este enorme conxunto de territorios sufriría diferentes modificacións ao longo do tempo, pero subsistiu o seu núcleo principal ata 1700, cando faleceu sen descendencia o derradeiro Austria español.

Principais Acontecementos e Cambios

Entre 1555 e 1556, Carlos I abdicou deixando ao seu fillo Felipe II a maior parte dos seus reinos, agás os territorios austríacos. Durante o seu reinado, a herdanza recibida foi aumentada e sufriu modificacións, sostendo numerosas guerras para manter a súa hexemonía en Europa. Entre os acontecementos destacan:

  • Rebelión en Flandres

    Flandres era unha das provincias que conformaban os Países Baixos. No século XVI, a doutrina protestante espallouse por todos eles. A intolerancia católica do rei Felipe II provocou revoltas e motíns contra a súa autoridade. A pesar da acción represiva exercida polo Duque de Alba, a rebelión non cedeu. En 1579, as provincias do norte, encabezadas por Holanda, non renunciaron ao protestantismo e lograron sacudirse o dominio español formando as Provincias Unidas baixo o liderado de Guillerme de Orange (Unión de Utrecht), e consolidaron a súa posición grazas ao apoio inglés. Pola contra, nas provincias do sur o protestantismo foi erradicado, manténdose na obediencia católica e baixo a soberanía de Felipe II (Unión de Arras).

  • Incorporación de Portugal

    En 1580 morreu sen descendentes directos o rei de Portugal, e Felipe II reclamou o trono por ser fillo dunha princesa portuguesa. Empregando a diplomacia e o exército, conseguiu que en 1581 as Cortes portuguesas o recoñecesen como rei, xurando manter as súas liberdades e institucións propias. A integración de Portugal significou, ademais da unidade peninsular, a incorporación do seu enorme imperio con posesións en África, Asia e América. Naqueles momentos, podíase dicir que nos dominios de Felipe II non se poñía o sol.

  • Guerra contra os Ingleses

    Motivos relixiosos, políticos e económicos decidiron a Felipe II a organizar a invasión e conquista de Inglaterra. Para logralo, formou en 1588 a Gran Armada que debía ir ata os Países Baixos para embarcar alí aos terzos españois e asaltar Inglaterra, pero a operación foi un fracaso. Como represalia, os ingleses enviaron unha frota capitaneada por Drake en 1589 que atacou A Coruña, Lisboa e as Azores.

Galicia no Reinado dos Austrias

Durante o reinado dos Austrias, Galicia mantivo unha posición periférica pero estratexicamente importante por ser un punto vital na ruta marítima cara aos Países Baixos. Os Austrias potenciaron a organización política do vello reino: Capitán Xeneral, Real Audiencia, Xuntas do Reino. Galicia estaba dividida en sete provincias desde mediados do século XVI. As Xuntas do Reino de Galicia actuaban desde 1528 como representación do reino. En 1622, Galicia recuperou o dereito de representación nas Cortes de Castela a cambio da entrega de 100.000 ducados para construír unha escuadra coa que defender as súas costas.

A Agricultura e as Súas Transformacións

Ao longo dos séculos XVI e XVII, a economía galega era fundamentalmente agrícola. Ata 1560-1580, mantívose o sistema de produción feudal baseado no cultivo de cereais e no barbeito, que permitiu o crecemento da poboación. A partir desas datas, o desequilibrio entre poboación e recursos favoreceu a aparición das crises de subsistencia con malas colleitas, fames e pestes, que provocaron a diminución da poboación, sendo especialmente grave o ciclo negativo de 1633-1636. Estas dificultades estimularon a transformación do sistema de cultivo. Desde a costa e cara ao interior, foise estendendo o cultivo do millo, produto procedente de América que alterou o sistema de rotacións, diminuíndo o barbeito. Estes cambios permitiron un forte crecemento da produción e da poboación. Esta situación contrastaba co panorama negativo do século XVII no resto de Europa.

A Importancia da Pesca

A pesca litoral complementaba a dieta alimenticia das poboacións costeiras, e a de altura potenciaba a economía grazas ás campañas de pesca do bacallau en Terranova, que permitía a súa venda nos mercados de Castela. Importante tamén foi a salgadura de peixe, especialmente da sardiña, en numerosas instalacións distribuídas ao longo de toda a costa galega.

Estrutura Social: Sociedade Rendista e Fidalguía

A sociedade galega da época era esencialmente rural e as cidades eran moi pequenas, destacando Santiago polas súas funcións relixiosas, A Coruña como sede das institucións de goberno, e Pontevedra en declive e relacionada coa pesca e a salgadura da sardiña. As actividades artesanais e comerciais eran escasas, predominando a autarquía comarcal. Cómpre destacar a produción doméstica de tecidos de liño.

América no Imperio Español

As expedicións de conquista dos territorios americanos foron organizadas por particulares que, a cambio dun quinto do atopado, conseguían cargos e riquezas. A conquista foi rápida debido á superioridade española, á debilidade interna dos imperios ou ao pacifismo destes. Entre 1519 e 1600, conquístase practicamente todo o territorio. A poboación indíxena minguou drasticamente tanto pola violencia dos conquistadores como pola incidencia das enfermidades que estes levaron, así como pola explotación e traballos forzados aos que foron sometidos. As ordes relixiosas foron as encargadas de evanxelizar aos pobos amerindios, labor que realizaban congregándoos nun único lugar. Deste xeito, foise reorganizando a xeografía das Indias.

A explotación económica realizouse mediante o sistema de encomenda, que consistía na entrega aos colonos —por parte da Coroa— dun número de indíxenas que debían traballar gratuitamente ou pagar tributos a cambio de protección e instrución relixiosa. A mita era outro sistema de explotación semellante pero aplicado ás minas. A dureza do traballo e a súa alta mortalidade levou á Coroa a lexislar sobre o traballo dos indíxenas e eliminar as encomendas, pero a presión dos encomendeiros fixo que se mantivese nos séculos XVI e XVII. Debido á escaseza de man de obra indíxena, procedeuse á importación de escravos negros procedentes de África mediante asentos: contratos entre a monarquía e os escravistas a quen se lles concedía o monopolio (un número determinado de escravos a cambio dunha cantidade de diñeiro).

Para o goberno das Indias, establecéronse diferentes institucións: a administración central con sede en Sevilla e a administración territorial en América con Gobernacións, Audiencias e Vicerreinados.

As Leis de Indias e o Impacto Económico

As Leis de Indias foron redactadas para dominar e controlar o territorio, explotar os seus recursos, someter e evanxelizar aos indíxenas, impoñer o modelo administrativo e centralizado de Castela e aplicar unha lei uniforme a todo o territorio. A gran chegada de metais preciosos desde América levou a unha subida de prezos (a chamada 'revolución dos prezos'), subida que era maior canto maior era a proximidade a Sevilla (núcleo da chegada dos metais), relacionada co incremento da demanda e da poboación e da escasa produtividade da Coroa de Castela. Isto fixo máis rendible mercar noutros reinos europeos produtos máis baratos e abundantes. Deste xeito, a chegada de riquezas americanas paralizou a produción de España e favoreceu aos veciños estranxeiros na produción de manufacturas (Francia, Holanda, Inglaterra e Norte de Italia).

Entradas relacionadas: