A Revolución Francesa e a Arte do Século XVIII: Historia, Rococó, Neoclasicismo e Goya

Clasificado en Historia

Escrito el en español con un tamaño de 7,59 KB

A Revolución Francesa (1789-1799)

A Revolución Francesa desenvolveuse entre 1789 e 1799 e estivo influída pola independencia dos Estados Unidos. A Revolución pasou por tres etapas principais:

  • A monarquía constitucional: Aprobouse unha constitución e estableceuse o sufraxio censatario.
  • A república social: Proclamouse a república e estableceuse o sufraxio universal masculino.
  • A república conservadora: Caracterizouse por un liberalismo moderado.

Causas da Revolución

As causas da Revolución foron as protestas dos distintos grupos sociais:

  • O campesiñado protestaba no ámbito rural porque non tiña terras propias e pagaba altos impostos.
  • Os obreiros e artesáns protestaban no ámbito urbano tamén polos impostos elevados.
  • A burguesía reclamaba o dereito á propiedade privada e á compravenda de terras, participación nas votacións, soberanía nacional e liberdades políticas.

Primeira Etapa: A Monarquía Constitucional

Na etapa da monarquía constitucional destacan os Estados Xerais, unha asemblea convocada polo rei na que participaban os privilexiados (clero e nobreza) e o Terceiro Estado (campesiños, obreiros e burgueses). A súa función era asesorar o monarca e aprobar impostos e medidas.

O Terceiro Estado protestou porque cada estamento tiña un único voto, o que favorecía o clero e a nobreza, que xuntos podían impoñerse. Por iso reclamaron a supresión dos dereitos señoriais e a soberanía nacional.

A continuación formouse a Asemblea Nacional, co obxectivo de cambiar o sistema de votación e elaborar unha constitución. Reuniuse en Versalles, na sala do xogo da pelota, onde se realizou o histórico Xuramento do Xogo da Pelota, no que o Terceiro Estado decidiu non separarse ata redactar unha constitución. Como resposta á tensión, o pobo asaltou a Bastilla. Posteriormente aprobouse a Declaración dos Dereitos do Home e do Cidadán, e tamén a primeira constitución, baseada na separación de poderes, soberanía nacional e sufraxio censatario, reservado a homes maiores de 25 anos con certo nivel económico.

Despois formouse a Asemblea Lexislativa, encargada de gobernar segundo a nova constitución. Houbo oposición por parte da monarquía, a nobreza e o clero. Luís XVI intentou fuxir para liderar a contrarrevolución, pero foi detido e considerado un traidor.

Neste contexto xurdiron diferentes grupos políticos:

  • Absolutistas e patriotas: Dentro do proceso revolucionario.
  • Republicanos: Diferenciábanse os moderados, chamados xirondinos, e os radicais, chamados xacobinos.

Segunda Etapa: A República Social (A Convención Nacional)

A cuarta fase da Revolución Francesa, correspondente á república social, estivo marcada por novas revoltas das clases populares, os chamados sans-culottes, que protagonizaron o asalto ao Palacio das Tullerías. Como consecuencia, Luís XVI e a súa muller María Antonieta foron encarcerados, e a monarquía quedou abolida.

Tras isto convocáronse eleccións por sufraxio universal e formouse a Convención Nacional, que proclamou a república. Nesta etapa inicial gobernaron os xirondinos, de tendencia moderada, pero posteriormente o poder pasou aos xacobinos, máis radicais.

Durante o dominio xacobino producíronse as execucións do rei e da raíña na guillotina. Ante esta situación, varias potencias europeas como Gran Bretaña, Holanda, España, Austria e Rusia interviñeron contra a Revolución, defendendo o absolutismo. Na etapa xacobina instaurouse o Reinado do Terror, liderado por Maximilien Robespierre, onde se impuxo un réxime de control extremo e a obrigatoriedade de mobilización cidadá. Nesta etapa aprobouse unha nova constitución e aplicáronse medidas sociais como a educación obrigatoria e o salario mínimo. Porén, foi un período de gran violencia, con numerosas execucións na guillotina.

Terceira Etapa: A República Conservadora (O Directorio)

Posteriormente produciuse unha nova etapa na que os xacobinos foron expulsados polos sectores moderados mediante un golpe de Estado, dando lugar ao Directorio. Estableceuse unha nova constitución na que se reforzou o poder da burguesía. Nesta etapa, o exército francés realizou campañas militares en Italia e Exipto, aumentando o seu poder e prestixio.

Finalmente, chegou ao poder o xeneral Napoleón Bonaparte, que deu un golpe de Estado e puxo fin á Revolución Francesa, consolidando un modelo de liberalismo moderado.

Estilos Artísticos do Século XVIII: Rococó e Neoclasicismo

O Estilo Rococó

O estilo rococó xorde na primeira metade do século XVIII en Francia, derivado do barroco, e está destinado ás clases privilexiadas.

Caracterízase por unha decoración exuberante, abundancia de adornos, uso de cores pastel e suaves (aínda que tamén o dourado) e temas elegantes, refinados e festivos. Predominan as escenas cotiás, festas aristocráticas, paisaxes idealizadas e temas mitolóxicos. Transmite unha sensación de luxo, pracer, elegancia e movemento.

Na pintura destacan escenas como O columpio ou diversións aristocráticas, cunha forte sensación de sedución e dinamismo. En arquitectura destaca o Palacio de Versalles, símbolo do poder absoluto, con grandeza, suntuosidade e o gran Salón dos Espellos.

O Neoclasicismo

O neoclasicismo aparece na segunda metade do século XVIII como reacción ao rococó. Fronte á decoración excesiva, propón sobriedade e orde.

Recupera os principios da arte grega e romana, influído polos descubrimentos de Herculano e Pompeia en Italia. Caracterízase pola orde, o equilibrio e a claridade. Aparecen columnas dóricas, xónicas e corintias.

Exemplos arquitectónicos son o Panteón de París, o Palacio de Raxoi e a Universidade de Santiago de Compostela.

Na escultura destaca Antonio Canova, con obras como Eros e Psique.

Na pintura sobresae Jacques-Louis David, autor de O xuramento dos Horacios, onde se aprecia a influencia clásica, cunha composición ordenada e unha temática moral e patriótica.

Francisco de Goya: Xenio e Evolución Artística

Francisco de Goya naceu en Fuendetodos (Zaragoza). Formouse no barroco pero desenvolveu un estilo propio.

Sufriu xordeira, o que influíu notablemente no seu estilo, facéndoo máis escuro e expresivo. Nas súas primeiras obras destaca unha etapa máis alegre, como os cartóns para tapices (O quitasol).

Chegou a ser pintor de corte de Carlos III e Carlos IV, retratando a familia real.

Representou tamén acontecementos históricos como a Guerra da Independencia, destacando Os fusilamentos do 3 de maio, onde se mostra a violencia da guerra, coa oposición entre os que van ser executados, os que observan e os soldados franceses. A luz céntrase na vítima principal, simbolizando a humanidade fronte á brutalidade.

Nas súas últimas obras destacan as Pinturas Negras, con escenas de terror e escuridade, como Saturno devorando os seus fillos e O aquelarre.

Entradas relacionadas: