Temas principales en Cantares gallegos y Follas novas de Rosalía de Castro
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3 KB
Temas en Cantares gallegos
- Prólogo e epílogo: O libro comeza cun prólogo (“Has de cantar”) e remata cun epílogo (“Eu cantar, cantar cantei”). Estes poemas están postos na boca dunha meniña gaiteira, que serve para introducir e despedir o libro. Grazas a isto, todo o conxunto de poemas queda máis unido.
- Poemas folclórico-etnográficos: É o grupo de poemas máis numeroso. Nestes poemas, Rosalía quere reflectir a vida e os costumes do pobo galego con dignidade. Aparecen tradicións e costumes (romarías, supersticións, festas, devocións…), traballos e vida na aldea e relacións entre campesiños. Moitos poemas falan tamén das relacións amorosas e do papel da muller nelas. Algúns son monólogos e outros diálogos entre personaxes.
- Poemas sociais e/ou patrióticos: Nestes poemas, a autora denuncia a situación difícil de Galicia no seu tempo: pobreza, marxinación e emigración. Tamén aparece a defensa de Galicia e da súa identidade fronte ao centralismo de Castela. Por iso teñen un carácter social e galeguista.
- Poemas intimistas: Nestes poemas, Rosalía expresa sentimentos persoais e profundos, como a soidade, a nostalxia, a lembranza da infancia e a evocación da paisaxe galega. Mostran unha Rosalía marcada pola tristeza e pola desgraza, sentimentos que aínda serán máis fortes nos seus seguintes libros.
Follas novas
- A lírica solitaria ou subxectiva: Neste apartado inclúense os poemas dos libros “Vaguedás” e “Do íntimo”. En Vaguedás, que funciona como unha especie de prólogo poético e consta de 20 poemas, Rosalía reflexiona sobre a escrita feminina (por exemplo no poema “Daquelas que cantan…”) e tamén sobre as características da súa propia obra. No segundo libro, Do íntimo, con 36 poemas, a autora expresa reflexións persoais, filosóficas e existenciais, mostrando o seu mundo interior. Aparecen temas como a soidade, a melancolía, o paso do tempo, a perda das ilusións, o amor e o desamor, así como o sufrimento humano. Tamén trata cuestións como a violencia ou o suicidio, e presenta unha visión profunda e íntima da vida.
- A lírica solidaria ou obxectiva: Neste apartado inclúense os poemas que forman parte de “Da terra” e “As viúdas dos vivos e as viúdas dos mortos”. Aquí, Rosalía mostra unha identificación co pobo galego, coa súa maneira de ser, valores, cultura e lingua. En moitos poemas aparecen escenas da vida popular e recordos do espírito dos Cantares gallegos. Ademais, a autora denuncia problemas sociais da época, como a emigración, os abusos dos poderosos, a pobreza ou o atraso económico. Especial atención reciben as mulleres do campo, que quedan soas cando os homes emigran e teñen que traballar duro e criar os fillos. Con estes poemas, Rosalía expresa a súa solidariedade coa xente humilde e co sufrimento do pobo galego.