A Transformación do Estado e a Economía cos Borbóns no Século XVIII
A. A Nova Administración Territorial
Os Borbóns levan a cabo unha profunda reforma da administración territorial e local. Os Decretos de Nova Planta converten os reinos da Coroa de Aragón en provincias gobernadas por un capitán xeral (representante territorial do poder do rei). Este sistema implantouse en toda España, mediante unha división en 11 capitanías xerais.
O novidoso deste século foi a xeneralización en toda España dun modelo que implicaba a militarización da administración, especialmente na antiga Coroa de Aragón. A achega máis importante foi o cargo de intendente, de inspiración francesa. Os seus campos de acción principais foron:
- Facenda e Guerra: Núcleo central da súa actuación. Na Facenda, era o encargado de recadar os impostos; na Guerra, facía posible o mantemento do exército con eses mesmos recursos.
- Policía e Xustiza.
Estes cargos eran nomeados directamente polo rei ou polo secretario xeral.
O Reformismo Económico dos Borbóns
Crise da Facenda baixo os Austrias
No reinado dos Austrias, a facenda real tiña tres grandes inconvenientes:
- Unha política exterior demasiado custosa debido ás continuas guerras de relixión.
- A Coroa de Castela soportaba case toda a carga fiscal, mentres o resto dos territorios achegaba pequenas cantidades ou donativos á Coroa.
- Unha mala organización da Facenda, con escasos ingresos, onde non era o Estado o que recadaba directamente os impostos.
As Reformas de Felipe V e Fernando VI
Felipe V obrigou a contribuír aos territorios de Aragón para sanear as débedas de Facenda. Cada reino tivo asignada unha cantidade equivalente á que se pagaba en Castela. Este imposto recibiu diversos nomes segundo o territorio: catastro, equivalente, única contribución e talla. Cada territorio podía elixir o sistema de recadación que quixese con tal de reunir a cantidade imposta.
Fernando VI, xunto co seu ministro o Marqués de Ensenada, quixeron realizar unha reforma fiscal en Castela que consistiu en substituír os diversos tipos de impostos por unha única contribución. Para determinar o que debía pagar cada cidadán, realizouse unha conta detallada das propiedades de cada un; o resultado foi o Catastro de Ensenada, unha fonte histórica fundamental para coñecer a economía e sociedade castelás de mediados do século XVIII.
Crise Final e Bancarrota do Estado
Durante o reinado de Carlos III, debido aos gastos derivados da Guerra de Independencia dos EE.UU., tívose que recorrer ao vello sistema de endebedamento. As casas de comercio prestaron diñeiro á Coroa a cambio duns vales reais que se gardarían ata a devolución deste capital. Este sistema fracasou durante o reinado de Carlos IV por mor do abuso do mesmo, xa que a Coroa non podía facer fronte a tantas débedas, o que provocou que o Estado entrase en bancarrota.