Vangardas na Poesía Galega: Movementos, Autores e Obras Clave
A Poesía de Vangarda en Galicia: Movementos, Autores e Obras Clave
A literatura e a arte galegas experimentaron nos anos vinte e comezos dos trinta un proceso de renovación e modernización coa incorporación das vangardas europeas. Estas, un conxunto de movementos artísticos europeos (1910-1930), xurdiron cun afán de ruptura con todo o anterior, manifestando unha actitude provocadora que se aplicou a todos os campos estéticos: pintura, escultura, música, literatura, etc.
Características Xerais das Vangardas
- Non conciben a arte como imitación da realidade, senón como unha nova interpretación persoal desta.
- Buscan a orixinalidade e a experimentación con novos rexistros artísticos.
- Na poesía, prescinden dos moldes tradicionais, ordenando os versos a xeito de caligramas.
- O poema baséase en imaxes vangardistas e na experimentación formal.
- Cada un destes movementos denominouse ismo, difundiuse a través dos chamados manifestos vangardistas e sucedéronse uns a outros de maneira vertixinosa.
Principais Movementos Vangardistas (Ismos)
Futurismo
Iniciouse coa publicación en 1909 dun manifesto de Marinetti, no que se exaltan a violencia e a luxuria, a velocidade e as máquinas, a técnica e o progreso.
Cubismo
Naceu como escola pictórica cara a 1907. Procura a percepción intelectual da realidade, descompoñendo os obxectos en liñas e planos xeométricos que no cadro se presentan recompostos libremente. Un proceso semellante prodúcese na literatura, mesturando conceptos ou imaxes, distorsionando a sintaxe e revolucionando a tipografía cos Calligrammes de Apollinaire, poemas nos que se crean imaxes visuais grazas á disposición dos versos na páxina.
Dadaísmo
Naceu en Zúrich en 1916 da man de Tristan Tzara como resposta violenta contra a racionalidade que conduciu á devastación e ao horror da 1ª Guerra Mundial. Rebélase contra a lóxica e a racionalidade. Busca a destrución total das ideas, a escrita por azar e unha primitiva expresividade infantil (Dá-Dá).
Surrealismo (Superrealismo)
Constitúe a gran revolución estética e ideolóxica do século XX. Encamíñase a unha transformación liberadora do ser humano, dando vía libre ás manifestacións do subconsciente coa escritura automática e defendendo o acto gratuíto. O seu primeiro manifesto publicouse en 1924.
Creacionismo
Impulsado por Vicente Huidobro, para quen a arte non debe imitar a realidade, xa que o poeta é un pequeno Deus que pode "crear un poema como a Natureza crea unha árbore". Deste xeito, o poema é unha realidade autónoma froito da intelixencia (ao contrario do surrealismo), servíndose para isto dos xogos de palabras.
Ultraísmo
Caracterízase por poemas moi breves, o antisentimentalismo e a deshumanización da arte.
As Vangardas na Literatura Galega
Foi o Grupo Nós, co seu obxectivo de restaurar a cultura galega, quen abriu as portas á incorporación das vangardas á literatura galega.