A Vitalidade do Galego: Superando Prexuízos e Promovendo a Normalización Lingüística
Clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 1,05 MB
Exemplo de comentario de texto galego popular
Introdución
Estes textos están escritos en galego popular, unha variedade transmitida de pais a fillos nos ámbitos familiares e locais, sen a referencia dunha norma culta. Tras a imposición do castelán nos ámbitos formais a partir do século XV (Séculos Escuros) pérdese a normalidade do galego-portugués medieval. No Rexurdimento vólvese escribir, aparecen as primeiras gramáticas e dicionarios e nos primeiros anos do século XX elaborouse unha norma estándar para levalo á escola tras o Estatuto de 1936. Pero a chegada da ditadura franquista atrasa o proceso de normativización que non se fixo lei ata a democracia (1982). Sen a referencia dunha norma culta establecida por lei e transmitida desde a escola, o galego sepárase do portugués e evoluciona na boca dos falantes enchéndose de variantes como as que observamos nestes textos.
Argumento
O primeiro texto é unha mostra do galego do Morrazo. Observamos trazos dialectais como a gheada (aspiración do fonema /g/) propia da metade occidental de Galicia en___ e seseo total (ausencia de z) que só se dá en puntos determinados da costa occidental en__ ou seseo implosivo (non emprega z no final de palabra) máis xeral en case todo o bloque occidental, en__, diptongo -ui en vez do normativo oi en__ ou formas como__.
Observamos tamén castelanismos léxicos, froito da presión do castelán e da súa imposición desde a escola, adaptados ou non á fonética galega como__. E coloquialismos ou vulgarismos en palabras que engaden vogais__, perden vogais ou cambian de sitio na palabra vogais ou consoantes. Ou en grupos cultos nos que desaparece a primeira consoante ou se vocaliza como__. Por último, son tamén características do galego popular expresións ou frases feitas como__.
No segundo texto observamos tamén castelanismos léxicos, froito da presión do castelán e da súa imposición desde a escola, adaptados ou non á fonética galega como__. E coloquialismos ou vulgarismos en palabras que engaden vogais__, perden vogais ou cambian de sitio na palabra vogais ou consoantes. Ou en grupos cultos nos que desaparece a primeira consoante ou se vocaliza como__. Por último, son tamén características do galego popular expresións ou frases feitas como__. Os trazos dialectais que mostra o falante permítennos situalo no bloque__.
A Lei de Normalización Lingüística, aprobada en 1982, fixa unha variedade estándar ou normativa que se crea para servir como "vehículo expresivo común e válido para todo o pobo galego", tal como se recolle nas propias normas. A norma establece que o modelo a seguir sexa continuador da lingua falada pola comunidade, evitando dependencias do castelán (castelanismos dos textos) pero tamén do portugués (tendencia reintegracionista) do que só acepta uns poucos préstamos (por exemplo, porén, orzamento). Nos casos nos que existen diferentes alternativas no galego falado, a norma fixa a variante correcta, rexeitando as vacilacións e contraccións dos vulgarismos. Das diferentes alternativas dialectais, escolle aquelas con máis extensión xeográfica e demográfica ou as que contan con tradición literaria, procurando que haxa trazos de todos os bloques (forma normativa dos dialectalismos).
O estudo da norma para os que foron á escola a partir dos anos 80 axudou a ter conciencia da necesidade de evitar os castelanismos e vulgarismos do galego máis popular. Aínda así, os dialectalismos e as expresións coloquiais son perfectamente válidos nun rexistro máis informal. A variedade de rexistros e os trazos dialectais da fala son síntomas da riqueza dunha lingua viva e fomentan a función de identidade que nos vincula ao lugar e á familia.
Conclusión
Para avanzar no proceso de normalización, ten que haber axentes que traballen en tres niveis:
- Nivel individual: poboación consciente e orgullosa do seu idioma, que o considere sinal fundamental da súa identidade e decida empregalo en todos os contextos para garantir a súa supervivencia.
- Nivel social: existencia de colectivos, nos que se agrupan os falantes concienciados, que se mobilizan en defensa do idioma propio, esixindo aos políticos medidas que garantan a súa supervivencia e permitan vivir en Galego en Galiza.
- Nivel institucional: é preciso o autogoberno cun poder político comprometido no desenvolvemento de leis e medidas necesarias para a súa presenza en todos os ámbitos sociais, en igualdade co castelán, tal e como establecen o Estatuto de Autonomía e a Lei de Normalización Lingüística.
O feito de que os galegofalantes se concentrasen maioritariamente nas zonas rurais provocou que as características negativas asociadas tradicionalmente a este hábitat (falta de estudos, atraso, ignorancia) se aplicasen tamén a este grupo lingüístico e, por extensión, á lingua galega, mediante un proceso de xeneralización e atribución de causas erróneo. Dado que os habitantes do rural, en xeral, posuían menos estudos e menor nivel económico, atribuíanse estas características aos galegofalantes, dando lugar ao prexuízo de que a lingua galega era síntoma de incultura e pobreza.
Argumentos para desmontar o prexuízo
En primeiro lugar, a falta de estudos dos habitantes das zonas rurais e, por extensión, dos galegofalantes non se debía á lingua que empregaban, senón á falta de oportunidades, que provocaba á súa vez a escasa ou nula opción de mobilidade social e ascenso económico. Hoxe en día as connotacións asociadas ao rural mudaron, de xeito que remiten a un estilo de vida en moitos aspectos mellor có do ámbito urbano, canto a tranquilidade, contacto coa natureza, etc. Ademais, aínda que, como indica o gráfico, os falantes de galego son maioría no rural, tamén hai unha porcentaxe importante nas vilas, case igualados aos castelanfalantes, e incluso nas cidades representan case o 20%. O que está a impedir que moita xente nova que sente orgullo pola lingua propia dea o paso de defendela e falala non é o feito de vivir nunha vila ou nunha cidade, senón o hábito de falar castelán pola perda da transmisión xeracional no franquismo, a falta dun contorno galegófono e a necesidade de identificarse co grupo de amigos maioritariamente castelanfalantes. En definitiva, falar unha lingua ou outra nada ten que ver co lugar de residencia nin implica en ningún caso maior ou menor capacidade intelectual ou maior ou menor nivel económico, do mesmo xeito que ocorre co xénero ou a raza. Non se trata de características intrínsecas, senón circunstanciais, debidas a unha situación social de desigualdade que impide a grupos con estas características o acceso a determinados bens. Normalizar o uso do galego nos ámbitos urbanos, especialmente no mundo do lecer asociado á infancia e á xente nova, será sen dúbida o mellor xeito de superar ese prexuízo que arrastramos do pasado. A emisión do Xabarín Club hai anos galeguizou toda unha xeración, asociando o galego a personaxes de moda como Son Goku ou Shin Chan e bailando e cantando música en galego. Con Internet cambiou a forma de consumo e o galego ten que estar presente nas novas plataformas de consumo de filmes e series como O señor dos aneis (dobrada) ou A lingua das margaridas (orixinal galega).
2. Prexuízo: Falar galego se che falan castelán é de mala educación.
En Galicia, desde o punto de vista cualitativo, o castelán é a lingua dominante e o galego a minorizada, debido a que aquela segue tendo maior presenza en ámbitos de prestixio, como o xudicial, médico, administrativo, etc. Esta situación dábase en maior medida en séculos pasados, de xeito que o galego estaba totalmente marxinado de calquera ámbito formal, o que provocou o prexuízo segundo o cal o castelán era considerado a lingua da cultura e da riqueza e, en consecuencia, os galegofalantes, se querían acceder aos ámbitos de prestixio, tiñan que aprender castelán. Isto deu lugar á norma social de que os galegofalantes se debían adaptar á lingua considerada superior, o castelán, mentres os castelanfalantes mantiñan a súa lingua en todo momento. Non facelo era considerado de mala educación, como se recolle na viñeta.
Argumentos para desmontar o prexuízo
Todas as linguas son iguais, nin mellores nin peores; son instrumentos igualmente válidos para comunicármonos. Coa chegada da democracia, recoñécese por fin o galego como lingua propia e cooficial de Galicia (Estatuto de Autonomía de Galicia, 1981), o que supón que se empece a empregar xa en todos os ámbitos, iniciándose así o seu proceso de normalización. Polo tanto, hoxe en día todos os galegos e galegas teñen dereito a usar tanto o galego como o castelán, ambas as linguas xa se estudan na escola e, de feito, as porcentaxes de competencia e, sobre todo, de comprensión do galego son moi altas entre a poboación. En consecuencia, a norma social de cambiar ao castelán non ten ningún fundamento, senón que cada quen pode manterse na lingua da súa preferencia, sen que isto sexa considerado falta de educación. De considerarmos que hai que adaptarse por educación á lingua da persoa interlocutora, tamén habería que considerar de mala educación falar en castelán cun galegofalante, e iso non sucede. E a situación complícase se hai varios falantes. A pesar da indiscutible liberdade do falante para escoller a lingua de comunicación, o proceso de minorización que sofre o galego fai moito máis difícil mantelo como lingua cando os grupos son castelanfalantes, lingua dominante. Por iso, é un compromiso importante para frear a substitución lingüística que falantes que usan habitualmente o castelán cambien ao galego con galegofalantes e que os galegofalantes manteñan a súa lingua en todos os contextos, independentemente da lingua na que lles falen. Non porque o castelán non sexa igualmente válido senón por un desexo consciente de apoiar un proceso de normalización que permita a supervivencia da nosa lingua, principal sinal da nosa identidade.
3. Actitude: Deixar de falar galego cos nenos e nenas e xente nova.
Prexuízo subxacente
Este comportamento iniciouse no franquismo como consecuencia dos prexuízos cara ao galego, fomentados polo poder que buscaba a uniformización lingüística, rebaixando a lingua propia á categoría de dialecto e asociándoa á ignorancia e á pobreza. Pénsase entón que para ser máis rico ou máis culto hai que abandonar o galego e falar castelán. Esta situación foi xerando desprezo polo propio e perda de autoestima que levou ao falante a avergoñarse e ocultar ou negar a súa identidade lingüística, rompendo a cadea de transmisión da lingua minorizada. Fálaselles en castelán aos nenos para facer menos traumática a entrada nunha escola na que se humillaba e maltrataba aos galegofalantes e para favorecer a titulación que dese acceso aos mellores postos de traballo nos que o uso do castelán era imprescindible. Os efectos desta represión lingüística permanecen no inconsciente e seguen a producirse na actualidade, sendo un comportamento habitual que galegofalantes maiores cambien de lingua cando se dirixen a un neno ou nena. Cabería esperar que a entrada do galego no ensino, coa chegada da democracia, cambiase esta tendencia, pero non só non sucedeu senón que, en moitos casos, é na escola onde nenos e nenas educados en galego abandonan esa lingua pola presión do grupo.
Argumentos para desmontar o prexuízo
Deben promoverse campañas que rompan con este hábito e creen o contrario: máis pais e nais que queiran que os seus fillos e fillas falen galego porque é o mellor para eles e elas; é saber máis, porque sabendo galego non deixan de saber castelán (ao contrario si), e polo tanto é o único xeito de garantir que teñan unha educación bilingüe, moi beneficiosa para a capacidade intelectual, como defende a iniciativa dos servizos de Normalización de varios Concellos co proxecto Apego. Esta campaña promove a educación en galego de 0-6 anos desde unha web con xogos, vídeos, tarxetas, menús… en galego e organiza actividades nos concellos implicados. Precisaríase ademais unha política lingüística na escola moito máis comprometida desde infantil, cunha maior inmersión en galego, para o que cumpriría unha mellor preparación do profesorado de infantil e primaria. Xa existe algunha experiencia, como no concello de Ames, na que colaboran o concello e a RAG. Ou o proxecto “21 días en galego”, que propón, en escolas e institutos, desde os Equipos de Dinamización da Lingua Galega, unha inmersión de 21 días porque é o tempo que se considera preciso para acadar un hábito. Tamén é importante incidir noutros ámbitos, como nos medios de comunicación, sobre todo a televisión e outros dispositivos audiovisuais (tableta, móbil, etc.), creando e difundindo máis contidos en lingua galega adecuados para a infancia e a mocidade. Iniciativas como o programa “Digochiño”, versión infantil de Digochoeu, iniciativa da CRTVG con presenza nas redes sociais. Ou a creación de tres novas canles dixitais infantís: ‘Pequerrech@s’, ‘Cativo@s’ (6-9) e ‘Mociñ@s’, unha nova oferta dixital na web e na aplicación da CRTVG que programa máis de 2.600 episodios en lingua galega adaptados a eses tres tramos de idade. Neste sentido, destaca a campaña da Mesa pola Normalización Lingüística para a creación dunha canle integramente en galego da TVG (canle Xabarín). Hai que destacar a importancia na transmisión do galego da dobraxe de debuxos como Son Goku, Shin Chan, Doraemon, Arale... Pódense atopar na rede en https://www.dballengalego.es/. Tamén destaca Enreguéifate, concurso de regueifas en primaria e secundaria.
4. Prexuízo: Restrinxir e reducir as posibilidades de uso dunha lingua en determinados ámbitos.
Restrinxir e reducir as posibilidades de uso dunha lingua en determinados ámbitos ou con determinados falantes, debido a que esta lingua é percibida como menos prestixiosa e, polo tanto, indigna para ser empregada nestes usos “elevados”: no ámbito médico, na igrexa ou nos traballos de responsabilidade, tradicionalmente. Na actualidade aínda persisten claras consecuencias deste prexuízo, como o feito de que a maioría da prensa diaria escrita en papel sexa publicada en castelán ou que a maior parte das veces que consultamos a carteleira de cine non se ofreza nin unha soa película na nosa lingua, a pesar de que a cinematografía galega sexa de alta calidade. Do mesmo xeito, podemos observar pegadas deste prexuízo no escaso uso que se realiza da nosa lingua no ámbito, por exemplo, da xustiza. Ou a prohibición do seu uso na empresa. Por último, resulta moi revelador do mantemento deste prexuízo que, tras 40 anos desde que se aprobou a Lei de Normalización Lingüística, estea prohibido por lei (Decreto 79/2010) en Galicia impartir as materias de Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en galego na Educación Primaria ou Secundaria.
Argumentos para desmontar o prexuízo
Todas as linguas son iguais; naceron como instrumentos de comunicación e son perfectamente válidas para calquera uso ou función, adaptándose sen problema aos novos contextos como poden ser a ciencia e a tecnoloxía. O galego foi unha lingua plenamente normalizada na Idade Media. A perda de funcións que experimentou a partir dos Séculos Escuros nada ten que ver con que non fose unha lingua válida, senón coa imposición do castelán por un poder político que quería asegurar deste xeito o control político sobre o territorio. Desde o Rexurdimento comeza a recuperación das funcións perdidas, nun proceso de normalización que volve retroceder co franquismo, e por fin na democracia conseguiuse un marco legal que fai posible a súa entrada na administración, no ensino e nos medios de comunicación. Aínda así, quedan moitos prexuízos por superar. Ofrecer modelos de uso do galego en todos os contextos é, sen dúbida, o mellor xeito de axudar a superar os prexuízos. Neste sentido, a decisión tomada desde o goberno no Decreto de Plurilingüismo de establecer o ensino obrigatorio na Educación Primaria e Secundaria das Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía en castelán non axuda en absoluto a avanzar no camiño da normalización. Só un maior compromiso individual, social e institucional poderá garantir a supervivencia do elemento que mellor representa a nosa identidade e o noso patrimonio cultural: o idioma. Pola contra, é un avance importante a implicación desde o goberno e as universidades no Proxecto Nós, que procura avances no campo da intelixencia artificial, traballando para que sexa posible a tradución automática do texto á voz e da voz ao texto ou asistentes de voz como Siri (Carmela). Tamén podemos considerar unha iniciativa institucional de éxito, xa que depende da CRTVG: o programa “Dígocho eu” (xornalista Esther Estévez), que ten tamén presenza nas redes sociais. Aínda así, a maioría das iniciativas normalizadoras parten de colectivos concienciados e non teñen o apoio institucional que deberían para que o galego poida sobrevivir nun mundo dominado polo castelán e o inglés. Formando estes colectivos hai galegos e galegas que optaron libremente por facer do galego a súa lingua de comunicación habitual, sen dúbida, a maior esperanza para a supervivencia do idioma.
5. Novos Prexuízos: Resultado do Proceso de Normalización
"O galego é algo imposto", "non é útil", etc.
“O galego é algo imposto”, “o galego normativo é unha invención”, “é moi difícil”, “non é útil, non serve fóra de Galiza”...
"Se falas galego na cidade, ou es do bloque ou profe de galego"
Se un pobo quere recuperar a súa lingua, minorizada pola presión dunha lingua hexemónica que foi imposta durante séculos e que conta co apoio dun poder máis forte, ten que ser cun proceso de normalización que lle permita superar prexuízos e estereotipos e recuperar todas as funcións sociais que foi perdendo ao longo do tempo. Este proceso pode crear novos prexuízos, provocados pola resistencia ao cambio, en especial dos falantes da lingua dominante que non queren perder os seus privilexios. Xorden así prexuízos que dificultan a entrada do galego en novos ámbitos e a consolidación da variedade estándar: “o galego é algo imposto”, “o galego normativo é unha invención”, “é moi difícil”, “non é útil, non serve fóra de Galiza”... Aínda hoxe podemos observar como hai estudantes que din odiar o galego polas dificultades na aprendizaxe da materia, cousa que non din xamais do castelán, aínda que o suspendan. A lingua minorizada é a que sempre se ten que xustificar, mentres que iso non sucede co castelán. Os casos que rompen cos estereotipos son cualificados como excepción (“se falas galego na cidade, ou es do bloque ou profe de galego”) ou marcados negativamente (o galego normativo non é auténtico), dificultando a tarefa aos castelanfalantes que quererían pasarse ao galego e seren neofalantes, porque se senten xulgados fronte aos que falan castelán, que é a lingua neutra, que non marca socialmente, a lingua útil e moderna pola que non hai que dar explicacións. Superar os prexuízos non é fácil porque tendemos a agochalos ou non recoñecemos a súa existencia. É necesario adquirir competencia e hábito para sentirse seguros, pero tamén é necesario que a lingua a normalizar forme parte do contorno no que nos movemos e ter a posibilidade de compartila co grupo. Por iso, os axentes de normalización teñen que actuar a tres niveis: institucional (leis que defendan a lingua propia nun marco de autogoberno e que desenvolvan as medidas necesarias para a súa presenza na sociedade), social (colectivos en defensa do idioma propio, esixencia aos políticos e ás administracións) e individual (poboación que empregue a lingua propia para todas as funcións). Isto non significa en absoluto que rexeitemos o coñecemento doutras linguas para abrirnos ao mundo nin que renunciemos ás nosas vantaxes para comunicármonos tanto en castelán como en portugués. E que aprendamos inglés, francés e cantas linguas queiramos. Pero nunca renunciando á nosa propia identidade, que ten na lingua propia a súa máxima expresión. Porque, ademais, non é necesario. As linguas suman: cantas máis sabes, máis fácil é aprender outras novas e aceptar a diversidade como natural.