Vocabulario Esencial de Arte Gótica e o Estilo Hispano-Flamenco
Estilos e Movementos Artísticos
ESTILO HISPANOFLAMENCO
Movemento pictórico da segunda metade do século XV dentro do Gótico que se caracteriza pola minuciosidade, o detallismo e a riqueza das telas e xoias. Os pintores máis importantes son Bartolomé Bermejo e Fernando Gallego.
GÓTICO-MUDÉXAR
Estilo artístico achegado pola poboación de orixe musulmá que permaneceu nos territorios cristiáns. Caracterízase polo emprego de elementos góticos e mudéxares, tales como:
- O arco apuntado.
- A utilización de ladrillo.
- O traballo decorativo en xesería.
- Cerámica vidrada nos exteriores.
- As cubertas e artesoados en madeira tallada e policromada.
Técnicas Pictóricas
PINTURA AO ÓLEO
Técnica pictórica empregada sobre todo por pintores flamengos a partir do século XV que combina os pigmentos con aceite. O óleo permanece húmido moito tempo, favorecendo a mestura de cores, o retoque das pinturas e a aplicación de moitas capas de pintura, entre outros beneficios.
PINTURA Á TÉMPERA
Técnica pictórica que consiste en que os pigmentos de cor se disolven con auga e unha materia graxa, normalmente xema de ovo. As pinceladas non poden ser nunca grosas e secan moi rápido, permitindo pouca rectificación.
Elementos Arquitectónicos e Estruturais
RETABLOS
Estrutura artística que se sitúa detrás do altar dunha igrexa e que adoita ser de madeira (táboa). Pode conter pinturas, esculturas ou ambas as dúas. Nos retablos pictóricos pódense presentar diversas formas, segundo os compartimentos do cadro:
- Se teñen dous compartimentos, chámanse díptico.
- Se son tres, chámanse tríptico (que son os máis habituais).
- Se teñen múltiples compartimentos, denomínanse polípticos.
DOELAS
Pezas de pedra que forman os arcos, as portas ou as ventás.
BALDAQUINO
Dosel que cobre unha tumba ou altar.
GABLETES
Remate formado por dúas liñas que crean no alto un ángulo apuntado.
CHAPITEL
Remate apuntado dunha torre ou dun cruceiro, xeralmente de forma cónica ou piramidal no Gótico. En ocasións, estas terminacións son de pedra calada (perforadas), como sucede na Catedral de Burgos. Tamén reciben o nome de
agullas.
Terminoloxía Relixiosa
DIOCESE
Distrito de carácter relixioso no que exerce a súa autoridade un bispo. Na actualidade, a cidade de Pontevedra pertence á diocese de Santiago, mentres que o sur da provincia pertence á diocese de Tui-Vigo.