Análise da obra de Celso Emilio Ferreiro: Temas e Estilo

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 2,21 KB

Temas principais

O conxunto do libro vertébrase sobre dous eixes temáticos en constante balanceo: un de marcado carácter político reivindicativo e outro (máis reducido) de intención intimista. A maior presenza da «poesía belixerante» determina a consideración de poesía social que tivo esta obra e que foi reivindicada polo poeta. El mesmo insistiu na débeda coa veta civil de Curros Enríquez, Guerra Junqueiro, Rosalía de Castro e Cabanillas.

Esta liña de compromiso, unida á autenticidade da voz poética, é a realidade na que o individuo, en fusión panteística, adquire os seus sinais de identidade. Este desexo de comuñón vai tamén acompañado doutras referencias temáticas, como:

  • A crítica moral.
  • A reflexión.
  • A defensa da cultura popular.

Estrutura da obra

En consonancia con este duplo discurso poético (o que canta a dor íntima ou as denuncias político-sociais), o libro presenta unha organización que se move entre a intensidade política e os textos máis líricos dunha maneira ondulatoria. Na parte central da obra agrúpanse os poemas nos que o poeta mantén un diálogo lírico consigo mesmo. A unidade do libro conséguese porque hai unha poesía radicalmente lírica enfrontada a unha radicalmente social. O intimismo pode transcenderse e recoñecerse no ámbito colectivo.

Estilo e métrica

Como tendencia propia da poesía social cabería sinalar a aplicación das fórmulas de prosaísmo crítico: a tendencia a incorporar o léxico e os rexistros coloquiais. Porén, a carón desta linguaxe directa, atopamos un simbolismo imaxinativo que enfronta, por medio dos campos da luz e da escuridade, do aire e da pedra, a liberdade á represión; o pasado, ao presente; a vida, á morte.

Tamén son abundantes os recursos estilísticos empregados:

  • Uso de paralelismos.
  • Reiteracións léxicas.
  • Encadeamento de metáforas.

Sempre baixo o signo do versilibrismo, Celso Emilio utiliza a diversidade métrica. Con frecuencia a rima e a estrofa están ausentes, sendo tamén frecuente a combinación de heptasílabos e hendecasílabos.

Entradas relacionadas: