Do Antigo Réxime á Revolución Industrial e o Movemento Obreiro

Clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,35 KB

O Antigo Réxime

Durante os séculos XVII e XVIII, as sociedades europeas mantiñan un modo de vida baseado no absolutismo monárquico, na economía agraria de tipo señorial e na sociedade estamental. Naquela época imperaba o chamado feudalismo.

A estrutura política caracterizábase pola soberanía real e pola xustificación do poder absoluto das monarquías na súa orixe divina.

A economía do Antigo Réxime caracterizábase polas actividades agrícolas e gandeiras, que eran as predominantes tanto en volume de produción como en poboación adicada a elas; por iso, a maior parte da poboación vivía no mundo rural. Ao longo do século XVIII tivo lugar o desenvolvemento do mundo urbano e o crecemento das actividades económicas asociadas á cidade.

A agricultura caracterizábase pola escasa tecnificación e unha numerosa man de obra. Estes elementos fóronse modificando coa chegada da revolución científica e da revolución industrial. En canto á propiedade, a terra estaba en mans principalmente da nobreza e o clero. Aínda que a implantación do absolutismo ao longo da Idade Moderna lles restou poder político e xudicial sobre os señoríos, seguían recibindo rendas do campesiñado. A artesanía estaba dominada polos gremios, agrupacións de artesáns en vilas e cidades.

A sociedade estamental

A sociedade estaba dividida en estamentos:

  • Clero: formado polos representantes da Igrexa.
  • Nobreza: estamento composto por un catálogo variado de títulos de distinto rango e poder. O clero e a nobreza teñen en común que son os estamentos privilexiados: son os grandes propietarios da terra e os que reciben os beneficios.
  • Terceiro Estado: campesiños, artesáns e burgueses. Non tiñan privilexios.

O Liberalismo

A partir dos séculos XVII e XVIII, inspirado polas ideas da Ilustración, xorde o liberalismo. A finais do século XVIII, as ideas ilustradas serviron de punto de partida para a independencia das colonias inglesas de Norteamérica e a Revolución Francesa de 1789. Os principios básicos do liberalismo son:

  • Política: Fronte á soberanía real xustificada na relixión e fronte ao absolutismo, defendían a soberanía nacional e a división de poderes. O poder lexislativo recae nos Parlamentos e o xudicial, nos xuíces.
  • Sociedade: Fronte á sociedade estamental, defendían unha sociedade de clases na que existise a igualdade ante a lei de todos os cidadáns.
  • Economía: Fronte á economía intervida e supeditada aos intereses dos estamentos rendeiros, defendían o capitalismo ou liberalismo económico, un sistema baseado fundamentalmente na propiedade privada e no mercado libre.

O liberalismo creou unhas revolucións que aglutinaron tanto á burguesía como aos grupos populares. O Antigo Réxime resistiuse a desaparecer e en Europa houbo, no século XIX, unha tentativa de poñer freo e marcha atrás á historia: a Restauración.

As Revolucións Industriais

Proceso iniciado no século XVIII en Inglaterra que supuxo unha das transformacións máis profundas da historia da humanidade: dunhas formas de vida baseadas fundamentalmente nas actividades agropecuarias e no mundo rural, pasouse a unha nova situación na que os fundamentos económicos foron a industria e a mecanización.

As zonas que experimentaron un grande impacto da industrialización foron Europa, EUA e Xapón. A primeira fase da Revolución Industrial tivo como escenario Inglaterra. O símbolo da revolución foi a máquina de vapor. No que se refire aos sectores, os protagonistas da primeira Revolución Industrial foron o téxtil e o siderúrxico. As principais materias primas desta fase foron o algodón e o ferro; e a fonte de enerxía principal foi o carbón. Ao proceso de industrialización fóronse sumando outros países, os first comers: Francia, Bélxica e Alemaña.

Rasgos da segunda Revolución Industrial

  1. Novas fontes de enerxía como o petróleo ou a electricidade, substituíndo ao vapor.
  2. A industria téxtil foi desprazada por outras como a química. O ferrocarril continuou estimulando a industria siderúrxica.
  3. A organización do traballo nas fábricas mudou na procura dunha maior eficiencia e especialización, xurdindo sistemas de produción en cadea.
  4. Desenvolvéronse novas formas de organización e concentración industrial, entre as que destacan os cárteles, os trusts e os holdings.
  5. O liderado económico desprazouse cara a Alemaña e Estados Unidos.
  6. Tivo lugar un proceso de industrialización fóra do ámbito occidental: o Xapón da época Meiji.

Consecuencias comúns: a sociedade agraria foi substituída pola sociedade industrial; crecemento demográfico resultado do aumento da produción e dos avances científicos; aumento das migracións; substitución da sociedade estamental pola sociedade de clases.

O Movemento Obreiro

Fronte á burguesía, propietaria dos medios de produción, alzábase unha masa de obreiros ou proletarios cunha situación radicalmente oposta: salarios moi baixos, duras xornadas de traballo, ausencia de medidas de seguridade e carencia de sistemas de protección social.

Ante isto, o proletariado comezou a organizarse para reivindicar os seus dereitos. Podemos sinalar as seguintes etapas:

  • Ludismo: reacción contra a mecanización no primeiro terzo do século XIX, que era aproveitada para reducir salarios e postos de traballo.
  • Sindicalismo: desenvólvese en Gran Bretaña a partir da década de 1820. As súas reivindicacións son de carácter laboral e o seu medio, a folga.
  • Cartismo: reivindica a participación do proletariado na política mediante o sufraxio universal.

As ideoloxías obreiras

  1. Socialistas utópicos: aspiraban a superar os enfrontamentos entre as clases apelando á razón e á intelixencia.
  2. Socialismo marxista: buscaba unha sociedade comunista sen explotadores nin explotados.
  3. Anarquismo: pretendía acabar con calquera forma de opresión, rexeitaba a actividade política e confiaba na abolición do Estado mediante unha insurrección.

Entradas relacionadas: