A arte clásica: arquitectura e urbanismo en Grecia e Roma

Clasificado en Francés

Escrito el en catalán con un tamaño de 2,92 KB

Unidade VI: A arte clásica

I. Arquitectura

1. A cidade antiga

Grecia

Na época arcaica, as cidades construíanse aproveitando outeiros elevados e fortificábanse (a acrópole). Co tempo pasaron a construírse nun val e a acrópole pasou a ser o centro relixioso, pois acollía case todos os templos.

Este novo espazo urbano medrou en torno á ágora ou praza pública, na que se atopaban o mercado, a stoa (edificio porticado que tiña como función protexer das inclemencias meteorolóxicas), bibliotecas, ximnasios, etc.

Polo que se refire ao trazado, usábase o hipodámico (ideado por Hipódamo de Mileto). Era unha especie de taboleiro no que cada cuadrícula constituía un grupo de casas.

Roma

A praza pública ou forum era o centro da vida económica e social. Nela estaban os mercados, a Curia (sede do Senado), a Rostra (tribuna dos oradores), a basílica (bolsa de comercio e tribunal de xustiza), templos, etc.

Para o trazado, tomouse como punto de partida o hipodámico, pero o modelo que máis influíu foi o do campamento militar. Así, a cidade tiña forma cadrada, con dúas rúas centrais cruzadas: o cardo maximus (de norte a sur) e o decumanus maximus (de leste a oeste), situándose o foro no centro. O resto das rúas ían paralelas formando unha cuadrícula, e cada unha conformaba unha insula destinada a vivendas.

2. O templo

Era a morada do deus e o lugar onde se gardaban as ofrendas, mais non un lugar de reunión para os fieis.

Grecia

A estrutura baseábase nunha gran nave central (naos), diante dela un vestíbulo (pronaos) e unha sala posterior para gardar as ofrendas (opistódomo). Estaban feitos de pedra, con formas rectilíneas e rodeados de columnas pertencentes a unha das seguintes ordes:

  • Dórica: as columnas, co fuste ou parte central percorrido lonxitudinalmente por 20 estrías, ían lixeiramente ensanchadas, alzábanse directamente sobre o estilóbato ou gradas e estaban rematadas por un capitel liso. Ex.: Partenón.
  • Xónica: as columnas non están ensanchadas e levan 24 estrías. Van sobre unha basa ou soporte e o capitel está decorado con volutas. Ex.: Erecteion.
  • Corintia: é similar á xónica, pero co capitel decorado con follas de acanto. Ex.: Templo de Zeus Olímpico.
Roma

Os templos seguen no fundamental o modelo grego, aínda que introducen novidades como o pódium ou plataforma elevada con escaleiras de acceso sobre a que se constrúe o templo, dobres filas de columnas e elementos curvos (arcos e bóvedas, grazas ao emprego masivo do ladrillo e do formigón). Ex.: templos de Mérida e Itálica.

Entradas relacionadas: