A Asemblea Nacional Constituínte e a Revolución Francesa
Clasificado en Historia
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,28 KB
1.3. A Asemblea Nacional Constituínte (1789-1791)
A comezos de xullo, a ameaza dunha reacción dos privilexiados e do exército real conduciu a unha revolta popular, que significou a irrupción do pobo raso na revolución. O 14 de xullo, o pobo de París asaltou a Bastilla, prisión e símbolo do absolutismo.
Os campesiños foron protagonistas de revoltas anti-señoriais, que se coñecen como o Gran Medo. Logo destes feitos, a Asemblea Nacional tomou unha serie de medidas que iniciaron o desmantelamento do Antigo Réxime:
- A noite do 4 de agosto de 1789 foron abolidos todos os privilexios e os dereitos feudais da nobreza e do clero.
- O 28 de agosto aprobouse a Declaración de Dereitos do Home e do Cidadán.
A Asemblea tamén elaborou unha Constitución en 1791, na que o monarca só conservaba o poder executivo, a Asemblea (Parlamento) elaboraba as leis (poder lexislativo) e os xuíces eran independentes (poder xudicial). Así mesmo, estableceu o sufraxio censatario. A aprobación desta Constitución instaurou en Francia unha monarquía constitucional e deu paso a unha nova Asemblea Lexislativa.
A Monarquía Constitucional
A Asemblea Lexislativa comezou a elaborar leis para implantar o liberalismo económico e político. Algunhas delas consagraron o dereito á propiedade privada, a igualdade ante os impostos e a liberdade económica. As propiedades da Igrexa foron declaradas bens nacionais, procedeuse á súa venda e obrigouse o clero a lle xurar fidelidade á Constitución.
As aspiracións da burguesía acomodada de implantar un liberalismo moderado fixéronse realidade, mais non as do pobo raso. Só os ricos participaban na política e a crise continuaba a manter na miseria a gran parte da poboación. Moitos nobres descontentos fuxiron cara a Austria e, coa axuda do emperador austríaco, organizaron unha intervención armada para restaurar o absolutismo. En 1791, o propio rei e a súa familia fuxiron de París para ir a Austria, para poñerse á fronte das tropas invasoras, pero foi detido en Varennes e retornado a París. A difusión da noticia desprestixiou a monarquía e radicalizou o sector máis revolucionario.