Brunelleschi e Alberti: a arquitectura do Renacemento florentino
Clasificado en Arte y Humanidades
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,66 KB
Arquitectura do Quattrocento: Brunelleschi e Alberti
Filippo Brunelleschi (1377-1446)
Foi fillo de notario e estudoso das matemáticas e da mecánica. Foi escultor, arquitecto e deseñador.
Os seus estudos en boceto serviron para desvelar os segredos da perspectiva lineal. Os seus principios teóricos baséanse en tres leis:
- Disposición clara e ordenada do trazado, en planta e alzado.
- Edificación proporcionada segundo un módulo.
- Modelado sinxelo dos detalles da construción.
Só conserva unha suave decoración arquitectónica resaltada cunha cor gris sobre branco.
A cúpula da catedral de Santa María del Fiore
Quizais a construción da cúpula da catedral de Santa María del Fiore en Florencia sexa a gran obra que sintetiza todo o seu esforzo por recuperar a linguaxe do pasado clásico. A catedral de Florencia fora construída en estilo gótico por Arnolfo di Cambio, e só faltaba nesta época construír a cuberta do cruceiro, un cruceiro amplísimo e moi difícil de cubrir. Brunelleschi idea unha enorme cúpula octogonal para ese lugar; desde a antigüidade non se construíra unha cúpula de dimensións tan grandes.
A xenialidade de Brunelleschi púxose de manifesto ao construír dúas cúpulas, unha dentro da outra: unha interior de faixas de carballo en sentido vertical e aneis horizontais do mesmo material, e unha exterior de ladrillos ocos e máis alta para que sirva de contrapeso á interior e así diminuír a presión sobre o tambor. Desde o interior da catedral non se aprecian as dúas cúpulas, nin a de carballo, xa que se atopa revestida de pinturas al fresco realizadas por Vasari. Construíuna entre 1420 e 1446, pero non a viu acabada; concluíuse no ano 1471. A idea de colocar unha cúpula dentro doutra para que se contrarrestasen entre si sería copiada máis tarde por Miguel Ángel no Cinquecento en San Pedro do Vaticano.
Igrexa de planta basilical: San Lorenzo de Florencia
Como planta basilical estudaremos aquí a igrexa de San Lorenzo de Florencia. Nesta obra Brunelleschi plasma os ideais renacentistas sen romper bruscamente coa tradición medieval.
A planta é basilical. A cabeceira remata cunha parede recta e varias capelas aos lados. Na cuberta empréganse dúas solucións: na nave central, na cabeceira e no transepto a cuberta é plana, pero nas naves laterais empréganse cúpulas vaídas.
No interior usa elementos alleos ao gótico: arcos de medio punto, entablamentos e columnas corintias. O espazo está sometido a leis matemáticas: proporción entre a anchura e a altura. O espectador sitúase no centro dunha pirámide imaxinaria cuxo vértice está ao fondo, xusto en fronte do espectador, e cara a ese vértice converxen todas as liñas visuais: é o punto de fuga.
Na igrexa do Santo Spirito volve xogar co mesmo sistema e perspectiva que en San Lorenzo. Cómpre destacar a sancristía, de planta central e cuberta cunha cúpula; no seu interior sobresae a harmonía que logra ao resaltar os elementos estruturais na decoración.
Plantas centrais e obras civís
En plantas centrais realizou tamén a capela Pazzi, unha pequena capela no claustro da igrexa de Santa Croce de Florencia. É de pequenas dimensións; desta vez a planta é rectangular, con cúpula no centro. Cómpre destacar a fachada desta pequena capela, que é a única fachada de igrexa que sabemos que concluíu Brunelleschi. Nela é evidente o emprego de elementos clásicos: a parte baixa lémbranos a arquitectura romana, mentres que a de arriba, o remate, non é obra súa.
Como obras civís atribúeselle o palacio Pitti, atribución hoxe moi cuestionada. Non hai dúbida ningunha da súa autoría na logia ou pórtico dianteiro do Hospital dos Inocentes, fronte a Santa María Novella en Florencia. Neste pórtico usa arcos de medio punto e o mesmo esquema de perspectiva que vimos en San Lorenzo.
León Battista Alberti (1406-1472)
De orixe florentina, a súa obra repártese por outras cidades, sobre todo Mantua. Fronte a Brunelleschi, Alberti é un deseñador teórico e especialista en remodelar edificios vellos. É o gran tratadista do primeiro Renacemento; o seu tratado De re aedificatoria está baseado directamente en Vitruvio.
Domina perfectamente o método científico matemático, do que é o máximo expoñente. Emprega ademais elementos clásicos nun novo contexto.
Templo Malatestiano de Rímini
Un exemplo do dito atopámolo no Templo Malatestiano de Rímini. No exterior atopamos unha fachada xa plenamente elaborada que lembra un arco de triunfo romano; emprega arcos, frontóns, columnas e dinteis, todas referencias ao pasado. A parte de arriba está sen concluír.
No interior atopámonos cunha soa nave con fornelas laterais.
Igrexas de Mantua e a fachada de Santa María Novella
Resultados similares conseguiu en San Andrea de Mantua, igrexa de cruz latina, cunha única nave cuberta con bóveda de canón con casetóns e cúpula no cruceiro; na súa fachada exterior apréciase mellor que na anterior esta idea de arco de triunfo. En Mantua realiza tamén unha igrexa de planta central: San Sebastián. Pero será na fachada de Santa María Novella onde alcance as súas máis altas cotas de perfección.
Palacio Rucellai
Tamén é importante o seu palacio Rucellai, que supón o perfeccionamento do modelo xa analizado no Medici-Riccardi. En diante os palacios seguirán esta innovación aportada por Alberti. No século XVI empregarase o mesmo esquema, pero máis perfeccionado; o prototipo témolo, entre outros, no palacio Farnese de Roma, obra de Sangallo e Miguel Ángel.