Conflito lingüístico, diglosia e prexuízos sociais

Enviado por ALEJANDRO y clasificado en Derecho

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,11 KB

Funcións sociais da lingua, conflito e diglosia

O encontro de dúas ou máis linguas nun mesmo espazo xeográfico denomínase conflito lingüístico e ten repercusións tanto no ámbito social e cultural como no individual e psicolóxico. O bilingüismo é unha consecuencia directa do contacto de linguas. Distinguimos entre bilingüismo social e bilingüismo individual, aínda que están relacionados.

Os factores que debemos ter en conta á hora de describir unha situación de bilingüismo social son:

  • Demográficos
  • De status
  • De apoio institucional

Diglosia e evolución do conflito lingüístico

A situación de diglosia aparece naquelas comunidades que presentan dúas linguas ou variedades lingüísticas, de xeito que só unha delas (a alta ou dominante) se utiliza nas situacións formais, mentres que a outra (a baixa ou dominada) se restrinxe a situacións informais. Cando se altera a estabilidade diglósica e unha lingua se introduce nos ámbitos reservados á outra, falamos de conflito lingüístico, que pode evolucionar en dúas direccións opostas: cara á normalización da lingua dominada ou cara á substitución pola dominante.

Estereotipos e prexuízos lingüísticos

Os prexuízos son un tipo de actitude e o grande interese que espertan débese á súa suposta capacidade de influír no comportamento, tamén no lingüístico.

No proceso de formación dun prexuízo, o primeiro paso é a creación do estereotipo; isto é, a división dun grupo en clases en función de diversos criterios e a asignación a cada clase de determinadas características en oposición ás outras clases.

Os prexuízos e estereotipos non son innatos, senón aprendidos. Apréndense ao longo dun proceso de socialización do individuo, no que a infancia e a adolescencia constitúen períodos críticos.

Axentes de transmisión dos prexuízos

Os principais axentes na transmisión de prexuízos son:

  • Pais
  • Profesores
  • Medios de comunicación de masas (sobre todo a televisión)
  • Grupo de iguais

Uns van substituíndo aos anteriores a medida que o individuo medra. Na primeira infancia os pais e despois os profesores desempeñan un papel preponderante; este dilúese en gran medida na adolescencia, onde cobra maior relevancia o grupo de iguais.

Detección dos prexuízos e realidade sociolingüística

Os prexuízos son difíciles de detectar porque a xente intenta ocultalos ou, polo menos, «disfrazalos», sexa consciente ou inconscientemente. Podemos manter determinados prexuízos e non recoñecelos nin sequera ante nós mesmos. De aí que para descubrilos sexa necesario recorrer a técnicas cualitativas que permiten analizar o nivel implícito dos discursos, como a entrevista en profundidade ou o grupo de discusión.

O galego concéntrase maioritariamente nas zonas rurais e nas xeracións de máis idade, fronte ao castelán, que funciona como lingua urbana e da xente nova.