Fenomenismo e Causalidade en Hume: Teoría do Coñecemento

Clasificado en Francés

Escrito el en catalán con un tamaño de 6,68 KB

1. Fenomenismo e Causalidade en Hume

Hume pretende construír unha ciencia da natureza humana ao modo da ciencia da natureza de Newton.

Como bo empirista, afirma que todo o contido da mente provén dos sentidos. El parte dun principio empirista sobre a orixe do coñecemento: as impresións son causa das ideas, por ser anteriores a elas. O noso entendemento é unha “tabula rasa”, non existen ideas innatas.

Se para Descartes todos os contidos da mente eran “ideas”, para Hume os nosos contidos mentais ou “percepcións” clasifícanse en:

  • 1) Impresións: son representacións mentais actuais, nas que teño o obxecto ante min, datos inmediatos da experiencia presente. Constituyen todo o que sentimos, oímos, vemos, amamos, odiamos, etc.
  • 2) Ideas: son copias debilitadas de impresións, imaxes mentais derivadas dunha impresión. Son menos intensas que as impresións e empréganse cando pensamos ou razoamos.

Segundo Hume, unha idea é verdadeira cando lle corresponde unha impresión sensible; do contrario, é falsa. Polo tanto, o límite do coñecemento humano está nas impresións.

Á súa vez, distingue as impresións en:

  • Impresións de sensación (orixinais): derivan dos nosos sentidos, praceres e dores corporais.
  • Impresións de reflexión (secundarias): proceden dalgunha impresión orixinal e son as paixóns e emocións semellantes.

Hume realiza outra división das impresións en simples e complexas.

A seguinte proposta de Hume é explicar como se forman as ideas complexas a partir das simples. A imaxinación une as ideas seguindo tres procedementos ou leis:

  • A de semellanza (unha pintura conduce o noso pensamento ao orixinal).
  • A de contigüidade no espazo e no tempo (se menciono unha habitación, isto lévame a preguntar ou comentar sobre as demais habitacións).
  • A de causa-efecto (se penso nunha ferida, iso lévame a pensar na dor que produce).

Tipos de Coñecemento

A continuación, Hume distingue dous tipos de coñecemento:

  • 1) O derivado das relacións entre ideas: Son coñecementos que se forman por asociación de ideas. A súa verdade é independente da realidade empírica e expresa conexións necesarias, polo que a súa negación implica contradición. Proporcionan un coñecemento estrito pero sen referencia real. É a base do coñecemento como a lóxica e as matemáticas. Ex.: “O todo é maior cá partes”, “a suma dos ángulos dun triángulo equivale a dous rectos”.
  • 2) O derivado das cuestións de feito: É o tipo de coñecemento que se forma a partir das impresións, da experiencia. Establecen relacións continxentes entre os feitos. Refírense á realidade, aínda que non é un coñecemento universal e necesario. Constitúen razoamentos probables. A súa negación pode ser falsa, pero non contradictoria. As ciencias empíricas utilizan este tipo de razoamento.

Toda proposición, para ser lexítima, debe conter ou algún razoamento abstracto sobre cantidade e número, ou algún razoamento experimental acerca de cuestións de feito. Do contrario, en palabras de Hume, “tírese ao lume, pois non pode conter máis que sofistería e ilusión”.

A Perspectiva Fenomenista e a Crítica á Metafísica

A filosofía de Hume presenta unha perspectiva fenomenista, pois defende que as únicas entidades reais son os fenómenos, realidades das que posuímos algún tipo de experiencia sensorial (as filosofías racionalistas son, en cambio, esencialistas, pois defenden que existen realidades que van máis aló da nosa experiencia sensible).

E no seu propósito de analizar os distintos modos nos que se constrúe o coñecemento sobre a realidade, Hume aplicará os seus principios metodolóxicos aos conceptos metafísicos, en especial, ao concepto de “causa”.

Segundo Hume, a metafísica ocúpase de cuestións escuras e complexas que nos conducen a unha serie de ideas que, aínda que aparentan ser racionais, non teñen un fundamento válido no que sustentarse. Estas cuestións correspóndense coas ideas analizadas tradicionalmente polos filósofos racionalistas:

  • A idea de causalidade afirma que a relación causa-efecto se pode coñecer a priori porque existe unha conexión necesaria entre ambos os elementos.
  • A idea de substancia é innata, evidente e intuitiva para os racionalistas, pero non atopamos ningunha impresión correspondente a esa idea.

1. A Causalidade

Comecemos pola causalidade. A conexión causa-efecto é o fundamento da ciencia e de todo o noso coñecemento cotián. Sempre que se produza A, producirase B. E así pensamos que existe unha conexión necesaria (a priori) entre A (causa) e B (efecto) que nos leva a supoñer que o futuro será igual que o pasado (sempre que poña a man no lume, queimareime; o sol sairá mañá).

Pero estas afirmacións son cuestións de feito; polo tanto, teñen carácter probable e o seu contrario é posible. Así pois, segundo isto, o coñecemento queda limitado ás impresións actuais e ós acontecementos pasados, pero non hai ningún coñecemento referido a cuestións futuras. Non hai ningunha conexión necesaria, senón unha sucesión constante: sempre que sucede A, sucede B.

2. A Substancia e a Crítica á Metafísica Tradicional

Polo que respecta á idea de substancia, leva a cabo unha crítica das tres realidades da metafísica tradicional, que Descartes denominara como substancia pensante (eu), substancia extensa (mundo dos corpos) e substancia infinita (Deus).

A súa posición consiste en negar a existencia da substancia, pois non hai ningunha impresión que se corresponda con esa idea. Nin o mundo, nin o suxeito, nin Deus se corresponden con ningunha impresión.

E, por último, respecto da idea que temos de Deus ou da perfección infinita, tampouco se corresponde con ningunha impresión. Polo tanto, dedúcese que non existe ningún tipo de coñecemento de Deus.

E, polo que se refire ás razóns aducidas en favor da existencia de Deus, no século XVII aínda apelaban a dúas circunstancias: o feito moral e os milagres. Pero tamén nesta época comezan a cuestionarse ditas argumentacións.

Entradas relacionadas: