Historia e normativización da lingua galega (1936-2024)
Enviado por Comunidad Wikiteka y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 6,58 KB
A lingua galega desde a Guerra Civil ata a actualidade
A Guerra Civil española afectou de maneira directa ao proceso de emerxencia que o galego vivira no primeiro terzo do século XX. O Estatuto de Autonomía, que establecía a cooficialidade da lingua galega, non chega a entrar en vigor. Todos os esforzos de recuperación lingüística e identitaria do período 1916-1936 son eliminados, ben pola represión dos protagonistas (Ánxel Casal, Alexandre Bóveda...), ben polo exilio forzado (Castelao) ou o silencio do exilio interior (Otero Pedrayo) dos líderes galeguistas.
O exilio e a resistencia cultural
Neste período o galego desaparece practicamente da escrita e trasládase á Galicia do exilio. A estrea de Os vellos non deben de namorarse ou a publicación de Sempre en Galiza de Castelao son boa mostra desta actividade cultural. Na Galicia dos anos corenta a promoción pública do idioma é mínima: os libros publicados son poucos e de escaso valor literario. Nos anos 50, tralo ingreso de España na UNESCO, as medidas represivas contra o galego atenúanse. Isto permite a aparición de Bibliófilos Gallegos en Santiago, a Editorial Monterrey de Xosé María Álvarez Blázquez, pero sobre todo a fundación da Editorial Galaxia.
A recuperación nos anos sesenta e setenta
Nos anos sesenta xorden por toda Galicia asociacións culturais que terán un papel fundamental na defensa da cultura propia e na recuperación da autoestima lingüística. Destacan O Galo e O Facho. É tamén nos anos sesenta cando comezan a organizarse partidos políticos galeguistas que desde a clandestinidade denunciarán a represión lingüística e defenderán a oficialidade do galego. O galego convértese así na lingua vehicular dos grupos de oposición á ditadura e propiciará que mozos de formación universitaria e co castelán como lingua inicial recuperen a lingua materna. Acontecementos sinalados desta década son tamén a instauración pola Real Academia Galega do Día das Letras Galegas.
É na década dos setenta cando se produzan cambios significativos na situación do galego, pois coa Lei Xeral de Educación permitirase o estudo das denominadas “linguas vernáculas” nos centros de ensino. A morte do ditador e a chegada da democracia incrementarán as posibilidades sociais do idioma. Un ámbito no que o galego vai experimentar un cambio considerable será o da investigación científica sobre a lingua. Hai outros factores, ademais da represión e propaganda franquista, que repercutirán negativamente na consideración social do galego: o ensino, os medios de comunicación e a emigración.
Evolución da ortografía e a morfosintaxe
No período 1936-1975 consolídanse algúns dos trazos básicos da convención ortográfica moderna. O cambio máis visible é, se cadra, a supresión da maioría dos diacríticos que inzaban os textos de preguerra como marca de encontros gráficos e fonéticos. Esta tendencia irase consolidando nas décadas posteriores ata chegar aos anos setenta como unha tendencia gráfica consolidada e de uso xeral. Desta maneira, o apóstrofo (n'outras, n'un), o guión (d-este, co-a), o acento grave (à, às) e o acento circunflexo (sô, pôr) que caracterizan a imaxe gráfica dos documentos do século XIX e do primeiro terzo do XX irán sendo eliminados nestes anos ata chegar á ortografía depurada de diacríticos que caracteriza a escrita actual: noutras, nun, deste, coa, á, ás, só, pór.
No relativo á morfosintaxe, atopamos nos escritos a variación dialectal. Canto ao léxico, ao igual que na época anterior, continúa a presenza de arcaísmos, lusismos e hipergaleguismos. O galego escrito neste período recibe o nome de galego protoestándar.
A diversidade e a variedade estándar do galego
Todas as linguas presentan unha forte tendencia á diversidade, especialmente no plano oral. A existencia dunha variedade estándar —a que se usa nos ámbitos formais, a que se describe nas gramáticas— contribúe a frear esa dispersión. A construción da variedade estándar é o que se coñece co nome de normativización lingüística: fixación dunha ortografía, unha gramática e un dicionario que sirvan de modelos cultos a imitar.
A maioría das linguas románicas fixeron este labor durante a Idade Media, cando o galego comezara xa a sufrir o proceso de minorización, polo que a nosa lingua non emprendeu esa tarefa —imprescindíbel para a súa normalización social— ata o século XIX, cos autores do Rexurdimento.
Etapas do proceso de normativización
Neste proceso de normativización podemos sinalar catro etapas:
- a) Galego popularizante (ata fins do s. XIX): Non existe realmente unha intención normativizadora; utilizan o galego oral no seu rexistro popular, cheo de vulgarismos, castelanismos e dialectalismos.
- b) Galego enxebrizante (ata 1936): Os autores comezan a sentir a necesidade dunha norma escrita e inclinaranse por un modelo diferencialista que marque distancias co castelán. As súas características son a busca dun galego supradialectal, a eliminación de castelanismos e o uso do portugués como modelo de lingua culta.
- c) Galego protoestándar (ata fins dos 70): Medra a conciencia da necesidade dun modelo culto que apoie a normalización do galego.
- d) Galego estándar (ata a actualidade): O mellor coñecemento lingüístico axuda a atopar solucións apropiadas para as interferencias e desviacións das etapas anteriores.
Interferencias e desviacións lingüísticas
As interferencias son o influxo dunha lingua sobre outra, frecuente en situacións de contacto lingüístico e que afectan maioritariamente á lingua máis débil. Chamámoslle desviacións a aquelas voces que non se axustan á normativa, ben porque non pertencen ao nivel culto (vulgarismos, dialectalismos), ben por non seren palabras de uso actual (arcaísmos), ben por seren inventos motivados indirectamente pola presión do castelán (hipergaleguismos).