Historia do teatro galego no primeiro terzo do século XX
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 5,06 KB
O teatro galego no primeiro terzo do século XX
A literatura galega do primeiro terzo do século XX conta xa cunha apreciable tradición histórica, a diferenza da do Rexurdimento, na que os autores tiveron que partir practicamente de cero á hora de escribir en galego. O acontecemento decisivo desta etapa é a aparición en 1916 das Irmandades da Fala, unhas asociacións que tiñan como obxectivo a defensa do idioma galego, combinada con todo un plan de rexeneración do país.
Como sabemos, o teatro é unha manifestación artística só parcialmente literaria e falar de teatro é falar de representación, de espectáculo e todo o que iso acarrexa: interpretación, dirección escénica, deseño dos decorados, vestiario, iluminación, música, danza... Pois ben, é fundamentalmente na época das Irmandades cando se detecta un gran interese por crear unha infraestrutura estable de teatro en Galicia, con actores, directores e técnicos. Así, en 1919 créase o Conservatorio Nacional de Arte Galega e en 1922 a Escola Dramática Galega.
Hoxe sabemos que mentres esas institucións existiron, o teatro coñeceu en Galicia unha época brillante, xa que chegaron a realizarse ata cen representacións anuais nas principais cidades do país. Ademais, nas editoriais Nós e Lar publicáronse neste período bastantes textos teatrais. Os integrantes das Irmandades consideraban o teatro un dos mellores medios para dignificar a lingua e difundir as ideas galeguistas entre un público máis amplo e variado.
O teatro das Irmandades
Entre os autores máis importantes podemos salientar a Antón Vilar Ponte, Armando Cotarelo Valledor e, sobre todo, Ramón Cabanillas, que escribiu dúas obras fundamentais:
- A man de Santiña: unha obra na que por primeira vez os personaxes de clase alta tamén falan en galego.
- O Mariscal (1926): considerada por moitos o primeiro clásico da dramaturxia galega.
O Mariscal é unha traxedia escrita en verso e nunha lingua refinada, na que o mariscal Pardo de Cela, que fora decapitado en Mondoñedo en 1483, se erixe en símbolo da resistencia galega fronte á política centralista do Estado, neste caso representada polos Reis Católicos.
O teatro do Grupo Nós
Os escritores do Grupo Nós crían que a modernización das nosas letras pasaba tamén pola actualización do teatro e con eles este xénero atinxiu unha calidade extraordinaria. O Bufón de El-Rei (1926), de Vicente Risco, é unha obra de carácter simbolista, ambientada na Idade Media. Nela o autor usou unha linguaxe moi elaborada, con moitas imaxes e figuras retóricas que por veces recordan a Shakespeare, e con algunhas das verbas de amor máis intensas e apaixonadas escritas nunca no teatro galego, as da raíña Iolanda e o cabaleiro Guindamor.
Ademais das dificultades nas que se atopan dous amantes para atinxir a súa felicidade, na obra fálasenos, a través do personaxe do Bufón, de como nos condiciona o nacemento nese intento tamén de alcanzala: o Bufón é un ser deforme que non pode aspirar a obter o amor da persoa que quere e iso condúceo á maldade.
De Otero Pedrayo podemos salientar dous títulos escritos antes da Guerra Civil: A lagarada e o Teatro de máscaras. Os textos de Otero teñen un carácter moi experimental e novidoso: as didascalias son moi elaboradas e adoitan ter un alto valor expresivo na creación de ambientes; os espazos son moitas veces simbólicos e os personaxes poden ser persoas, animais, cousas ou mesmo entes abstractos.
A obra máis popular do teatro galego, Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, concibida como un espectáculo integral, foi estreada en Bos Aires o ano 1941, polo que pertence xa á literatura do exilio.
O teatro das vangardas
Incluímos aquí un grupo de autores que, sen formar parte da xeración Nós, comparte con eles a concepción do teatro como unha "arte total", á vez que asumía as tendencias das vangardas europeas do momento (simbolismo, expresionismo...). O máis importante dramaturgo deste grupo é Rafael Dieste, coa súa coñecida obra A fiestra baldeira (1927), unha alegoría sobre a identidade galega e as dúas posturas enfrontadas que xera: a dos que renegan dela, e a dos que a consideran como algo propio e da que sentirse orgullosos.
Cómpre dicir, ademais, que Dieste participou durante a II República nas chamadas Misións Pedagóxicas e levou a cabo un intenso labor de difusión do teatro por vilas e aldeas, a través do Teatro Guiñol. As Misións Pedagóxicas foron un fermoso proxecto no que ducias de intelectuais se apuntaron como voluntarios para facer chegar a cultura ata os recantos máis esquecidos do país.