A Industria en España: Evolución, Retos e Conceptos

Clasificado en Geografía

Escrito el en gallego con un tamaño de 10,82 KB

A industria en España: evolución e retos

España é un país integrado no conxunto dos países industriais do mundo. Mais o desenvolvemento da actividade industrial en España non acadou un nivel notable ata a segunda metade do século XX. A crise industrial de 1973-1974, que evidenciou a necesidade de cambiar os sistemas de produción, coincidiu coa revolución tecnolóxico-informática ou terceira revolución industrial. Desenvolveuse unha nova etapa denominada postindustrial ou informacional, que deu lugar a novos modelos de empresas cunha importancia crecente das novas tecnoloxías, a innovación e a investigación. O ingreso de España na Unión Europea (a partir de 1986) supuxo o final do proteccionismo e a apertura do mercado á competencia exterior, que provocou unha reconversión industrial e o peche de moitas industrias non competitivas.

Desafíos e problemas estruturais

A industria española presenta diversos problemas estruturais que afectan negativamente á súa competitividade fronte á economía europea e global:

  • Existe un escaso número de grandes empresas.
  • A produtividade industrial é inferior á da Unión Europea.
  • O nivel de intensidade tecnolóxica é baixo, e a porcentaxe de investimento en I+D é insuficiente.

Todo isto provoca unha balanza tecnolóxica deficitaria: as principais empresas de automóbiles, maquinaria eléctrica, aparellos electrodomésticos e produtos farmacéuticos fabrican con patentes estranxeiras, o que supón un enorme gasto para España, que debe pagar pola súa aplicación.

A industria española, tras a entrada na Unión Europea, viviu un proceso de modernización produtiva que pasou por sucesivas crises (1990-1993, e a actual, desde 2007-2008). A mediados da década de 1990, a industria española, recuperada da primeira reconversión industrial, convertérase no sector de actividade máis produtivo grazas á moderación salarial e á flexibilidade na contratación laboral. A economía medraba por riba da media europea e aumentaba o investimento español nos países da Unión Europea, mentres que en Portugal, o norte de África e Latinoamérica se instalaban empresas españolas.

Tendencias recentes: globalización e deslocalización

A industria tivo un ritmo positivo de crecemento de vendas, produción e demanda, aínda que vai perdendo importancia dentro do conxunto de actividades económicas a causa da terciarización xeral da economía e do emprego.

A crise financeira de 2007, xurdida inicialmente nos Estados Unidos, afectou posteriormente a toda a economía mundial. Na Unión Europea iniciouse unha tendencia xeral á baixa, que en España se reflicte nunha recesión da carteira de pedidos, un aumento dos stocks e unha desaceleración do emprego. A incorporación de novos países á UE afecta á industria española por diversos motivos: estes países gozan dunha maior proximidade ao grande eixe industrial europeo que constitúen os países nórdicos, Alemaña e o norte de Italia; ademais, a estrutura produtiva é semellante á española, a man de obra máis barata, e a súa produtividade e cualificación en alta tecnoloxía, maior. Así mesmo, o investimento de capital estranxeiro permitiulles a implantación de empresas de alta tecnoloxía, co que aumentou o seu potencial industrial dentro da UE. Un dos sectores da industria española máis afectados é o dos automóbiles, no que España mantivo un bo ritmo de exportacións; o sector está dominado por empresas de capital estranxeiro que poden deslocalizar as industrias na procura de menores custos.

O actual tecido industrial español estase a incorporar á globalización económica, de maneira que as nosas zonas industriais se configuran como puntos dunha rede de produción a nivel mundial. Nunha economia globalizada, as empresas buscan a competitividade para aumentar a súa cota de mercado; disto derívanse as causas da deslocalización: a busca de menores custos laborais e de mellores condicións fiscais e técnicas. Por esta razón, as empresas trasládanse a lugares como o Leste de Europa, o Sueste asiático, China... As consecuencias das deslocalizacións son o incremento da taxa de paro e a perda de emprego no sector secundario, que tende cada vez máis a terciarizarse.

Glosario de conceptos clave

  • Enerxías renovables: son aquelas que se obteñen de fontes naturais virtualmente inesgotables, ben sexa pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen, ben porque son capaces de rexenerarse por medios naturais. Entre as enerxías renovables cóntanse a hidroeléctrica, eólica, solar, xeotérmica, maremotriz, a biomasa e os biocombustibles.
  • Subcontratación: tamén denominada outsourcing ou tercerización, é o proceso económico no que unha empresa destina os recursos orientados a cumprir certas tarefas cara a unha empresa externa por medio dun contrato. Por exemplo, unha compañía dedicada ás demolicións pode subcontratar a unha empresa dedicada á evacuación de residuos para a tarefa de desfacerse dos escombros das unidades demolidas.
  • Industrias verdes: son aquelas nas que o valor central non é o crecemento económico senón o desenvolvemento sostible —a través do respecto ao medio ambiente e o uso preferente de enerxías alternativas ou renovables—. Unha industria verde crea valor económico, medioambiental e social. Por tanto, nelas un valor fundamental é o de evitar a contaminación industrial e a deterioración da paisaxe.
  • Materias primas estratéxicas: trátase daquelas que acadan nos mercados internacionais un valor notable pola súa asociación a industrias de tecnoloxía punta e a escaseza das mesmas. En moitos casos traen consigo guerras neoimperialistas para abastecer as grandes potencias industriais. Ademais dos tradicionais petróleo, gas e uranio, están na lista outras que condicionan o crecemento da produción ou a riqueza mundial e que son clave por razóns políticas ou estratéxicas para a economía das potencias, as grandes multinacionais e para o sector armamentista: coltan, diamantes, manganeso, cobalto, aluminio, cobre, xermanio, grafito, cromo, níquel, platino, titanio...
  • Parque tecnolóxico: é unha instalación industrial que mantén relacións formais e operativas coas universidades, centros de investigación e outras instituicións de educación superior; está deseñado para alentar a formación e crecemento de empresas baseadas no coñecemento e doutras organizacións de alto valor engadido pertencentes ao sector terciario, normalmente residentes no propio parque; e posúe un organismo estable de xestión que impulsa a transferencia de tecnoloxía e fomenta a innovación entre as empresas e organizacións usuarias do parque.
  • Acuicultura: técnica de cultivo de especies acuáticas vexetais e animais en ambientes físicos controlados, co obxectivo de manter as condicións que estas especies atopan no seu ambiente natural.
  • Agricultura ecolóxica: tipo de agricultura que prescinde de utilizar produtos químicos (fertilizantes, insecticidas, sementes modificadas, etc.) para aumentar a fertilidade do solo e das plantas, ou limita o uso de fármacos nas explotacións gandeiras. Supón apostar por unha menor produtividade, a cambio de produtos máis saudables e un maior respecto ás condicións ambientais de cada área. A súa maior limitación é que se obteñen produtos máis custosos.
  • Denominación de orixe: certificación de calidade que se outorga a produtos dun determinado territorio do que toman o seu nome, que asegura certas características comúns que todos deben cumprir. Resulta cada vez máis frecuente en produtos agrarios (viños, aceites, carnes, legumes, queixos, doces, etc.).
  • Desagrarización: proceso de redución do emprego agrario, ante o maior dinamismo doutras actividades e a mecanización das tarefas do campo.
  • Explotación intensiva: forma de explotación agraria localizada sobre unha superficie reducida de terreo, que proporciona altos rendementos grazas aos elevados investimentos que recibe en traballo ou no emprego de técnicas avanzadas.
  • Silvicultura: explotación económica dos bosques, dos que se obtén, sobre todo, madeira, pero tamén resina, froitos silvestres, etc.
  • Política Pesqueira Comunitaria (PPC): política europea que vai encamiñada a unha explotación sustentable do medio mariño e dos seus recursos e a fomentar o cultivo de especies polo sistema da acuicultura, así como a negociar acordos con países non comunitarios para poder pescar nos seus caladoiros.
  • Efecto invernadoiro: situación que se dá no planeta de forma natural pero que, nas últimas décadas, se acentuou pola actividade humana. A acumulación de emisións de gases procedentes da queima de combustibles fósiles crea unha capa que, como o teito dun invernadoiro, impide saír ao espazo a calor emitida pola terra e os océanos. Esta calor acumúlase e favorece o quecemento global.
  • Paisaxe: calquera parte do territorio, tal como é percibida polas poboacións, cuxo carácter resulta da acción de factores naturais ou humanos e das súas interrelacións.
  • Maquis: matogueira arbustiva que pode alcanzar dous metros de altura, composto, entre outras especies, por lestiscos e palmeiras.
  • Vexetación antrópica: vexetación introducida polo home nun espazo determinado da biosfera polo seu valor económico, ou a degradación da cuberta vexetal existente. Cando a vexetación dunha zona é o resultado da intervención humana, denomínase vexetación secundaria. Un exemplo sería a repoboación de piñeiros e eucaliptos na paisaxe vexetal de clima oceánico. Un exemplo sería a repoboación de piñeiros e eucaliptos na paisaxe vexetal de clima oceánico.
  • Vexetación clímax: vexetación que se estableceu por si mesma nun determinado lugar, en determinadas condicións climáticas, en ausencia de accións antrópicas por un longo tempo, é dicir, é o estado de equilibrio ou cuasi equilibrio asintótico dun ecosistema local. A vexetación clímax da España húmida, por exemplo, inclúe os bosques caducifolios de carballo e faia, en combinación coa matogueira de landa atlántica.
  • Landa: formación vexetal de matogueira, característica da rexión eurosiberiana e como consecuencia da degradación do bosque mixto atlántico. Está formada por matogueiras como a xesta, o toxo e o breixo, podendo acadar os 3 m de altura. É característica da España húmida, asentándose sobre solos pobres e pouco aptos para o cultivo.

Entradas relacionadas: