Liberalismo Político: Locke e Iusnaturalismo

Clasificado en Historia

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,05 KB

O Liberalismo Político: Orixes e Pensadores Clave

As orixes do pensamento liberal atópanse no século XVII, na corrente iusnaturalista, que acada o seu cumio na obra de Locke, e no protagonismo do parlamento británico fronte ao poder real. No século XVIII, as principais achegas débense aos ilustrados franceses Montesquieu e Rousseau.

Iusnaturalismo

Consolídase no século XVII. Baséase no predominio da lei natural sobre calquera outra lei, incluídas as que o monarca poida impoñer: a lei natural limita o poder do rei.

O iusnaturalismo parte da idea da existencia, anterior á sociedade, dun estado de natureza no que todos os individuos son libres e iguais. A partir de aquí dedúcese:

  • O estado civil e político nace por un pacto ou convenio entre todos os homes, que delegan a súa soberanía, da que son titulares naturais, a un goberno que posibilite a convivencia e a seguridade de todos.
  • Todos os homes son titulares duns dereitos naturais: paz, vida, liberdade, seguridade... que ningunha autoridade lles pode negar.
  • Estes dereitos son universais e iguais para todos os individuos e en todas partes.

John Locke (1632-1704)

Foi o principal pensador do liberalismo no século XVII. Na súa obra, entre a que destaca o Segundo tratado sobre o goberno civil (1690), recóllense as súas principais ideas:

  • A propiedade é un dereito natural do home. Sen propiedade non hai liberdade. As diferenzas que existen entre os propietarios xustifícanse no traballo (máis traballo: máis propiedade). Ademais, a acumulación de propiedade mediante o diñeiro é lexítima, defendendo así a capacidade de cada individuo para crear a súa riqueza seguindo a súa propia iniciativa (iniciativa individual que é un dos principios do liberalismo económico).
  • Parte tamén, como os iusnaturalistas, dun estado de natureza. A sociedade civil nace por un pacto entre os homes para defender os dereitos naturais de todos e conservar a propiedade.
  • Despois de constituírse a sociedade civil prodúcese un segundo pacto, que dá lugar á autoridade política: a autoridade política ten como obxectivo administrar e lexislar na sociedade civil para mediar entre os dereitos e intereses contrapostos dos individuos.
  • A autoridade política que pode garantir a propiedade, a liberdade e a felicidade é aquela na que estean separados os poderes. Poderes que Locke establece en tres:
    • Poder lexislativo
    • Poder executivo
    • Poder federativo
  • O poder lexislativo é o poder supremo. Radica nunha asemblea ou parlamento elixida polos propietarios e renovado con frecuencia. O parlamento pode destituír o monarca (xa que a orixe do poder do monarca está nos cidadáns e xa non en Deus). Para Locke, está lexitimado erguerse contra o rei cando este actúe contra os dereitos naturais dos individuos.
  • O poder executivo é propio do monarca e dos seus ministros. Este inclúe tamén o poder xudicial.

Entradas relacionadas: