Lingua minorizada e minoritaria: O caso do galego

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,6 KB

Lingua minorizada e lingua minoritaria

A lingua minorizada é aquela que, sendo historicamente propia dun pobo, está sometida a condicións sociais tales que ve restrinxidas as súas funcións de uso. A competencia desigual cunha ou varias linguas alleas de maior prestixio constitúe o factor básico desencadeante desta situación.

Aspectos das linguas minorizadas

Ao falarmos de linguas minorizadas, deberemos ter en conta dous aspectos:

  • A non existencia dun estado que as recoñeza como oficiais: En Europa cómpre facer excepción nos casos do maltés, o luxemburgués e o gaélico irlandés, linguas que, aínda sendo oficiais dos correspondentes estados (Malta, Luxemburgo e República de Irlanda, respectivamente), atópanse nunha situación de minorización.
  • A non coincidencia de fronteiras políticas e fronteiras lingüísticas: As primeiras foron establecidas de maneira artificial (mediante tratados, a través de concesións, por herdanza...) mentres que as lingüísticas responden a criterios de formación naturais e históricos; por iso é raro que estas delimitacións coincidan. Neste sentido, poderiamos citar o caso do catalán, lingua que ten un ámbito xeográfico que abrangue puntos de catro estados diferentes (España, Francia, Andorra e Italia).

Linguas dominantes ou hexemónicas

As linguas dominantes ou hexemónicas son, pola contra, as que gozan dun gran prestixio social, determinado pola existencia dun poder político-económico que as potencia. Cantas máis funcións matrices cumpra unha lingua, maior prestixio social acada. O inglés é unha lingua hexemónica por excelencia, xa que é a que maior prestixio social posúe actualmente no mundo e tamén a que se emprega en moitos países de gran potencial económico (o conxunto de estados que teñen o inglés como lingua oficial representan o 60% da riqueza do planeta).

Debe engadirse que esta dominancia non ten por que darse en todos os territorios nos que sexan faladas estas linguas. Así, o castelán, que é dominante en Galicia, está minorizado en Porto Rico fronte ao inglés. O francés, que é hexemónico no Estado francés, está minorizado no Québec (Canadá). Outro exemplo sería o do alemán no norte de Italia.

Definición de linguas minoritarias

As linguas minoritarias son aquelas que, independentemente da consideración social que teñan, son as que posúen un escaso número de falantes en comparación con outras. Por exemplo, o islandés (200.000 falantes) é minoritaria dentro do conxunto de linguas do mundo xa que o castelán, o chinés ou mesmo o galego, teñen moitos máis falantes. En cambio, o islandés non é unha lingua minorizada, posto que goza de plena normalidade no seu territorio.

O esloveno, o lituano e o letón, idiomas oficiais de estados de recente ingreso na UE, aínda que teñen cada un deles un número de falantes inferior ao do galego, convértense en linguas oficiais deste organismo.

O caso do galego: minoría vs. minorización

Ao concluirmos, cómpre dicir que os conceptos de lingua minoritaria e lingua minorizada non deben confundirse. Podemos exemplificar co caso galego no que a que segue sendo a lingua maioritaria da súa poboación (2.000.000-2.500.000 falantes) está minorizada. Acadou un gran prestixio durante a Idade Media, pero tivo que competir co castelán en loita desigual a partir de mediados do século XV. A imposición do castelán, que a relegou a un segundo plano, provocou que tivese que subsistir durante máis de trescentos anos unicamente como lingua oral. A recuperación na escrita que se produce durante o século XIX proseguirá no XX, mais durante todo este tempo o galego non sería recoñecido de forma oficial como a lingua propia de Galicia ata 1981.

Exemplos comparativos en Europa

Fronte á situación do galego, o sueco en Finlandia, que só é falado polo 6% da poboación (300.000 falantes), está declarado lingua oficial, xunto co finés, e todo o alumnado a ten como materia obrigatoria no ensino, existindo mesmo modelos educativos que permiten desenvolver toda a aprendizaxe nesta lingua. Outro caso curioso é o das Illas Feroe que, sendo territorio oficialmente pertencente a Dinamarca, teñen o feroés como lingua oficial desde 1937, ademais de ser a única de relación (Illas Feroe: 44.000 habitantes).

O galego, lingua en vías de normalización

A normalización lingüística dunha lingua é un proceso que ten como obxectivo convertela en vehículo habitual e normal de comunicación entre os cidadáns dunha comunidade.

Normalizar o galego consiste, pois, en que este recupere a súa implantación en todos os ámbitos da vida (ensino, medios de comunicación, administración, xustiza, comercio, relixión, relacións interpersoais...) e en todos os estamentos sociais; é dicir, que cumpra de facto a totalidade das funcións posibles no seu territorio.

Axentes do proceso de normalización

Para poder levar a cabo o devandito proceso cómpre a intervención de diferentes sectores sociais:

  • A acción institucional do poder político (Xunta de Galicia, Parlamento, deputacións provinciais, administracións locais, etc.).
  • A acción colectiva non institucional (asociacións culturais, de veciños, profesionais...).
  • A acción individual.

No ámbito público, a institución de rango superior é a Secretaría Xeral de Política Lingüística dependente da Consellería de Educación. Esta é a encargada de desenvolver as intervencións oficiais destinadas á elaboración dun modelo estándar e a recuperación dos ámbitos de uso do galego. Ademais da Secretaría, existen tamén moitos servizos de normalización lingüística en concellos, universidades, etc.

No plano privado, foron tamén xurdindo organizacións con esta mesma finalidade, que superan amplamente o labor e os resultados conseguidos polos organismos oficiais e públicos: a Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Galicia-Empresa, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Nova Escola Galega, Pais e Nais polo Ensino en Galego ou a Mocidade pola Normalización Lingüística. Todas elas abordan o seu labor normalizador en diferentes ámbitos da vida pública galega.

O futuro da lingua galega

O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura. Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia importante de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas... A cultura agraria e mariñeira, que mantivo a lingua, está a desaparecer, aínda que é certo que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos. Pero esta corrente regaleguizadora non compensa a perda progresiva de falantes. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua "ritual".

Entradas relacionadas: