Obras e personaxes de Plauto: Guía do teatro cómico latino
Clasificado en Francés
Escrito el en
catalán con un tamaño de 4,18 KB
Obras de Plauto
- Anfitrión: É a única comedia de tema mitolóxico de Plauto. O deus Zeus / Xúpiter namórase de Alcmena, a muller do xeneral grego Anfitrión. Para conseguila, toma o aspecto do xeneral e pídelle axuda ao deus Hermes / Mercurio.
- Comedia do asno: Conta as peripecias do vello Demetrio, un marido necio que, dobregado por unha esposa fachendosa, trata de quitarlle as vinte moedas que sacou da venda duns asnos, pois el desexa dallas ao fillo.
- Comedia da pota: Un vello avaro atopa unha pota chea de cartos e vive no terror constante de que lla rouben.
- As dúas Báquides: As protagonistas son dúas irmás xemelgas orfas cuxos pais as chaman así por seguir o culto a Baco. O seu gran parecido provoca enredos cos seus amantes.
- Os cautivos: Hexión logra liberar o seu fillo a pesar das falcatruadas de Stalagmus (escravo).
- Comedia das sortes: Dous escravos da mesma casa perseguen a mesma escrava, un en proveito do pai e outro do fillo.
- A cestiña: Baséase no recoñecemento dunha rapaza que foi abandonada nunha cesta de xoguetes cando era unha nena.
- Curculio: Narra as aventuras e desventuras dun parasito.
- Epídico: Un vello compralle unha escrava a un mozo pensando que era a súa filla; o mozo, con eses cartos, compra a súa irmá, a quen non coñecía.
- Os xemelgos: Malentendidos acontecidos con dous xemelgos que foron separados ao nacer e se atopan nunha cidade cando xa son maiores.
- Mercador: Un mozo merca unha fermosa escrava para ser criada da nai, pero o pai quere quitalla.
- O soldado valentón: Falso heroe, soldado fachendoso do que todos se burlan, que axudou o seu amo a ver a súa prometida facendo un burato na parede.
- Comedia da pantasma: O escravo Tranión fai crer a Filólaques, ao regreso dunha viaxe, que nunha casa hai pantasmas.
- O persa: Farsa tramada contra un avaro por un amigo que se disfraza de mercador persa.
- O mozo cartaxinés: O ancián Hannón descobre que dúas das súas escravas son as súas fillas (vítimas dun rapto) e o seu sobriño namorouse dunha delas.
- O impostor: Conta as maquinacións e mentiras do escravo Pseudolus e a separación e unión duns namorados.
- A corda: Unha moza escrava, propiedade dun lenón, era filla de pais libres e fora raptada de nena por un pirata.
- Stichus: Dúas irmás son censuradas polo seu pai por seren fieis aos seus homes, que emigraron para buscar traballo; estes volven ricos e recompénsanas.
- Comedia das tres moedas: Conta entre cómicas aventuras como un tesouro é devolto ao seu lexítimo dono.
Personaxes principais
- Servus (escravo): Liante e intelixente; busca o seu proveito e a liberdade.
- Senex (ancián): Vello avaro ou rosmón. Tamén existe a figura do senex amator (vello verde).
- Adulescens: Mozo namorado e cegado polo desexo.
- Meretrix: Prostituta moi interesada polos cartos.
- Matrona: Nai de familia, severa e dominante.
- Parasitus: Home de fame insaciable, sen escrúpulos e moi imaxinativo.
- Leno / Lena: Traficante de escravos e meretrices (leno) ou vella encargada destas mulleres (lena).
- Coquus: Cociñeiro larpeiro, falangueiro e ladrón.
- Miles: Soldado mullerengo que, ademais, presume de fazañas que nunca fixo.
- Puella: Moza que foi raptada de nena e resulta recoñecida pola súa familia ao final.