Orixe e etimoloxía dos topónimos galegos e peninsulares

Clasificado en Latín

Escrito el en gallego con un tamaño de 11,14 KB

Etimoloxía e orixe dos principais topónimos

  • 1. A Coruña: Para algúns o topónimo é de orixe romana. Procede de Acruniam, que significaría "península". Debido a unha mala interpretación, considerouse un falso artigo e de aí "A Crunia" > A Coruña. Outra explicación considera que probablemente procede do topónimo de raíz celta Cluniam. Esta explicación apóiase na existencia na hoxe Coruña del Conde (Burgos), a antiga cidade romana de Clunia Sulpicia. Hai quen explica este topónimo a partir da raíz prerromana Cor- / car- que significa "pedra, rocha".
  • 2. Aciveiro: O Ilex aquifolium (esixe unha variante latina con aci- como primeiro elemento, acicŭla/acucŭla) recibe en galego as denominacións de acevo, acivo, acevro, acivro e outras formas derivadas. En castelán é acebo. Os derivados mediante o sufixo –ariu poden ter valor colectivo. Pode confluír na toponimia con zootopónimos derivados de *eciferu (< equu feru), cf. infra Cebreiro.
  • 3. A Estrada: De (viam) stratam, nome alusivo aos diferentes "estratos ou niveis" con que os soldados romanos construían as vías.
  • 4. Armenteira: De armentariam e este de armentum, "grea" ou "rabaño de gando maior".
  • 5. Astorga: De Asturicam Augustam. Asturica era o nome da antiga capital dos ástures. Augusta débese ao emperador Octavio Augusto. A cidade nace como campamento romano da Legio X Gemina a finais do século I a. C.
  • 6. Bembibre: Hai quen considera que este topónimo ten unha orixe prerromana, Paemeiobris, "fortaleza entre ríos". Outra explicación defende que deriva de Bene vivere, "ben vivir", expresión latina medieval que faría referencia á "bondade do terreo".
  • 7. Bierzo: A orixe deste topónimo é prerromana. Procede de Bergidum, posiblemente do celta berg, "montaña". A diptongación do e breve tónico é un proceso estraño en galego e próximo ao astur-leonés.
  • 8. Bonaval: Procede de bonam vallem, "val bo".
  • 9. Braga: Procede do topónimo prerromano Bracara. O topónimo ten que ver cos Bracari, a tribo celta que habitaba esas terras. O lugar foi chamado despois das guerras cántabras Bracara Augusta.
  • 10. Caldas: Deriva de (aquas) calidas, mentres que o topónimo Caldelas deriva do diminutivo (aquas) calidellas. Ambos os topónimos fan referencia á presenza de augas quentes, augas termais. Son dous hidrotopónimos.
  • 11. Cartagena: A cidade cartaxinesa Quart-Hadast ("cidade nova") foi refundada polos romanos e pasou a chamarse en latín Cartago Nova. Este nome foi despois arabizado dando lugar a Qartagina, do que deriva a actual Cartaxena.
  • 12. Castrelo: Trátase do diminutivo de castrum, que significa "cidade fortificada". O plural deste substantivo, castra, significa "campamento".
  • 18. Córdoba: O topónimo Corduba pode ser unha adaptación latina dun topónimo fenicio anterior, Kartatuba ("cidade grande"). Hai quen considera que o topónimo é de orixe íbera. Sexa cal sexa a orixe, na evolución do topónimo Corduba o resultado esperable sería *Cuerva, por perda do u átono; Córdoba quizais sexa un semicultismo con intención eufemística.
  • 19. Couto: Procede de cautum, lugar que se cercaba para poder defendelo mellor.
  • 20. Donostia: Procede do vasco Dono Bastia, pois a cidade medra arredor do mosteiro de San Sebastián.
  • 21. Feáns: Do plural latino fenales, derivado mediante o sufixo -ale de fenu, "herba segada e seca para alimentar o gando". Presenta na toponimia as variantes Fiás, Feás, Fiais e Feán.
  • 22. Filgueira: Derivado do colectivo filicaria, "mata de fentos", e este de filix, -icis ("fento, fieto") + sufixo abundancial -arium/a que dá lugar a -eiro/a (cf. castelán helecho e topónimos como La Felguera/Helguera).
  • 23. Fisterra: De finis terrae, "fin da terra". A forma Finisterre non deixa de ser un neocultismo con pouca evolución fonética desde o nominativo-xenitivo do sintagma latino.
  • 24. Fondevila: De fontem e villa, co apócope do –te de "fonte".
  • 25. Fonsagrada: De fontem sacratam, "fonte sagrada", con perda de vogal interior (e, polo tanto, sílaba) como en Fonfría, Fonmiña e outros como Monforte e Ponferrada.
  • 26. Fontefría: De fontem frigidam. Tamén temos o topónimo Fonfría onde se produce o apócope, antes mencionado, da sílaba –te.
  • 27. Fontoira: De fontem auream, "fonte de ouro", probablemente pola cor da limonita (mineral de óxido de ferro hidratado) no fondo da auga.
  • 28. Foz: Do latín vulgar focem e este de faucem, "gorxa, desembocadura, fauces". Numerosos topónimos en castelán coa forma Hoz ou La Hoz.
  • 29. Frades: De fratres, "irmáns", seguramente no sentido relixioso de "monxes, frades", que atopamos como Freires na súa evolución patrimonial.
  • 30. Lavacolla: Pode derivar de lava colea, "lava testículos", e estaría en relación coa tradición dos peregrinos de se lavaren antes da súa chegada á cidade, á que o Códice Calixtino (s. XII), por eufemismo, chama Lava mentula. Hai quen suxire unha relación con Lavapés e Lavapiés.
  • 31. León: De legionem, "lexión do exército", primeiramente a Legio VI Victrix e máis tarde como asentamento permanente da Legio VII Gemina Felix.
  • 32. Louredo: Louredo/Lourido < lauretum, lugar onde hai moito loureiro, co sufixo colectivo –edo/-ido, de Laurus, "loureiro".
  • 33. Lugo: De lucum, "fraga sagrada". Algúns pensan que o topónimo pode ser prerromano en alusión ao deus céltico Lugus ou á tribo dos lougei. Os romanos denominaron ao lugar Lucus Augusti, na honra de Augusto.
  • 34. Maceda: Procede de malam mattianam, que era unha variedade de mazá. Mais esta variedade rematou por dar nome a todo tipo de mazá. Isto foi así para evitar utilizar a palabra mala (a longa) = mazá, pois como a cantidade vocálica xa non se distinguía moi ben, confundíase con mala (a breve) = mala.
  • 35. Mérida: De Emerĭta, cidade para colocar os soldados "licenciados" (emeriti) despois de diversas campañas en Hispania. A súa evolución fonética non deixa de ser un semicultismo, xa que a evolución patrimonial daría *Mierda.
  • 36. Milladoiro: De humiliatorium, "lugar onde axeonllarse para dar grazas a Deus", ou de *ad miliatorium, "lugar onde os peregrinos botaban unha pedra", que deu lugar ao milladoiro.
  • 37. Mondoñedo: Era na Idade Media Mindunietum, cun significado moi discutido. Posiblemente a primeira parte do topónimo procede do preindoeuropeo mun-n/mun-d, que significa "monte". A segunda parte viría do termo celta onna co significado de "fonte, río" (o mesmo termo en Urueña, Oña).
  • 38. Oleiros: Pode referirse nun principio aos labores artesanais e industriais de oleiros, pero tamén pode significar lugar de enterramentos antigos –Ollas Cinerarias–, segundo o P. Sarmiento.
  • 39. Ortigueira: De urticaria, "lugar onde hai ortigas". Ortiga é a forma común ao galego, portugués e castelán. Unha forma sinonímica é estruga, sen exemplos na toponimia maior de Galicia.
  • 40. Orxal: Derivado do latín hordeum, "cebada". A forma tradicional orxo foi substituída por "cebada", derivada de cibus, "alimento". A forma co sufixo -ale equivale aos Urdial, Ordiales e Urdiales doutras áreas peninsulares. Cf. tamén formas como Orxais, Orxás.
  • 41. Oseira: Remite a un antigo ursaria, derivado de ursus, "oso", e faría referencia á abundancia deste animal no lugar.
  • 42. Ourantes: Hidrónimo de orixe prerromana, da raíz *awer- co significado de "mollar, humedecer, fluír". O étimo deriva, pois, de *Awrantis con terminación indoeuropea en -ntis (cf. Serantes) e co significado de "(o río) que humedece, que molla, que flúe". É a mesma raíz da que proceden os hidrónimos Vara, Varón, Avia, Avión, Auria > Ouro e Ourense.
  • 43. Ourense: Procedente con seguridade dun adxectivo Auriense que substituíu o nome da antiga Auria, relacionado para uns con explotacións auríferas en territorio galaico e para outros, máis recentemente, coa raíz de orixe hidronímica mencionada na voz anterior.
  • 44. Outeiro: De altarium. O significado de "elevación do terreo, parte alta" é típica do latín falado no Noroeste peninsular, cf. Vilouta.
  • 45. Padrón: Quizais de patronum ("patrón"), pero é preferible asocialo a "pedróns ou marcos sinalizadores de divisións territoriais", polo tanto de petram ("pedra"), e que no caso da vila cerca de Santiago estaría relacionado con tradicións xacobeas e un penedo que existía no río Sar.
  • 46. Pedrafita: De petram fictam, "pedra fita ou fincada no chan", vella tradición consistente en delimitar antigos territorios ou comunidades con pedras cravadas. Cf. Pedrafita do Cebreiro, que delimita a zona galega da leonesa. Unha variante súa é Parafita, étimo usado como apelido e topónimo.

Entradas relacionadas: