As Paisaxes Industriais e o Sector Turístico en España
Clasificado en Geografía
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,95 KB
As paisaxes industriais
A industria é unha actividade xeradora de fortes impactos sobre a paisaxe. Pódense identificar varios tipos básicos de paisaxes industriais:
1 Paisaxes industriais tradicionais
a) Áreas de antiga industrialización en declive: Son espazos industriais de longa tradición, asociados á proximidade de fontes de enerxía e materias primas. Foron zonas moi afectadas nos anos oitenta pola crise das súas actividades tradicionais, o que conduciu ao seu declive. A súa localización correspóndese coas zonas minerais e industriais das rexións do Cantábrico (Asturias e País Vasco), as comarcas catalás dos vales dos ríos Llobregat, Besós e Ter, certos núcleos do interior peninsular (Puertollano en Cidade Real, ou Ponferrada en León) e algunhas cidades do litoral (Ferrol, baía de Cádiz).
Eran espazos industriais con forte especialización en actividades como: minería do carbón, siderurxia, metalurxia pesada, construción naval e téxtil. Sectores que se enfrontaron con dificultade ao encarecemento dos custos da enerxía, á tecnoloxía obsoleta e, sobre todo, á aparición de novos competidores tras o ingreso na Unión Europea e a globalización do comercio mundial. A maioría destas empresas eran públicas, das que dependían un importante número de pequenas compañías subcontratadas. O seu peche provocou un gran impacto social (paro e conflitividade) e paisaxístico (baldíos industriais e ruínas).
As políticas de reindustrialización e de renovación urbana tiveron éxito desigual. Nalgúns casos mantivéronse as antigas empresas con melloras tecnolóxicas e forte redución do emprego, ou ben xurdiron outras actividades; noutros casos, estas áreas reutilizáronse para novos parques empresariais, equipamentos, vivendas e servizos.
b) Paisaxes industriais de áreas urbanas: Tradicionalmente, as cidades foron espazos de concentración industrial (infraestruturas, servizos, man de obra, consumidores). Mais, desde a crise dos anos 80, produciuse unha intensa reestruturación e importantes cambios na localización das empresas. Coa terciarización industrial, moitas empresas manteñen nas grandes cidades soamente os centros de I+D e atención ao cliente, trasladando as súas fábricas a espazos de menores custos e especializándose en industrias de maior contido tecnolóxico (farmacéutica, informática, aeronáutica, etc.). Na periferia, xunto aos antigos polígonos, xorden parques empresariais de menor densidade e maior calidade, mentres que moitas áreas industriais foron substituídas por espazos de oficinas e vivendas.
2 Paisaxes industriais actuais
- Eixes de desenvolvemento industrial: Núcleos dispostos ao longo das grandes vías de comunicación. Neles instalouse un gran número de empresas debido ao solo barato e ás boas infraestruturas.
- Plataformas loxísticas: Grandes naves destinadas ao almacenamento de mercadorías situadas xunto aos grandes eixes de comunicación.
- Paisaxes industriais en áreas rurais: Zonas que, contando cunha tradición industrial, experimentan unha forte reindustrialización ao ofrecer solo e man de obra barata.
- Parques tecnolóxicos e científicos: Espazos de alta tecnoloxía que integran actividades de I+D+i (informática, telecomunicacións, novos materiais, enerxías renovables, biotecnoloxía, etc.). Localízanse na periferia urbana, son de elevada calidade ambiental e adoitan ser impulsados por iniciativa pública para dinamizar a economía comarcal.
Os espazos turísticos
España é unha gran potencia turística e un dos destinos preferidos a nivel mundial. En 2019, o sector ocupaba ao 13% da poboación activa e producía o 12,4% do PIB español, sendo un dos piares da economía do país.
O despegue turístico naceu nos anos 60, co lema "Spain is different". Creouse o turismo de masas aproveitando que España era un país barato (tras o Plan de Estabilización de 1959) e dispoñía de recursos naturais (sol e praia) e culturais. A mellora dos transportes e a creación dos tour operadores consolidaron o sector, provocando a transformación do litoral mediterráneo cun rápido crecemento urbanístico, fortes impactos medioambientais e unha alta dependencia exterior. Este modelo, caracterizado pola estacionalidade e o poder adquisitivo medio-baixo, resentiuse coa crise do petróleo e a competencia doutros países.
A recuperación nos anos 90 baseouse na diversificación da oferta (turismo rural, de congresos, de saúde, cultural, etc.) para combater a estacionalidade. A demanda estatal medrou co nivel de vida, procedendo principalmente de Madrid e Cataluña. A maioría dos turistas estranxeiros proceden de Europa (británicos, alemáns, franceses, italianos e nórdicos), destacando nos últimos anos o aumento de visitantes de Europa do Leste e Rusia.