A Prosa Galega de Fins do XX e Comezos do XXI: Autores e Temas

Clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,02 KB

A Prosa de Fins do S. XX e Comezos do XXI: Temas e Autores

A morte de Franco en 1975 trouxo un novo marco constitucional que recoñeceu a realidade plurinacional e plurilingüística de España e supuxo un cambio radical no panorama social e cultural. A oficialidade da nosa lingua e a aprobación da LNL (1983) incrementaron a presenza do galego en ámbitos públicos. En 1980 constitúese a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

A narrativa galega entra nunha etapa de forte expansión. Entre os autores: Víctor Freixanes, Domingo Villar, Diego Ameixeiras, Manuel Rivas... é preciso destacar unha importante obra de autores xa consagrados dos que destacan Xosé Luís Méndez Ferrín (Crónica de nós, Arnoia Arnoia...) e Carlos Casares (Ilustrísima, Deus sentado nun sillón azul...).

Temáticas da Narrativa Galega

A temática é diversa. A narrativa vai seguir dous camiños fundamentais:

Na literatura comercial explóranse modalidades narrativas como:

  • A novela policial (Crime en Compostela de C. Reigosa).
  • A novela negra (Ollos de auga, de Domingo Villar).
  • O relato erótico (en Anel de mel de Xulio L. Valcárcel).
  • A ficción científica (inaugurada en 1976 por Lois Diéguez coa novela Galou Z-28).
  • Aventuras (Cárcere verde, de Xavier Alcalá).
  • Terror ou misterio (Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz).
  • A novela do Oeste (Os outros disparos de Billy de Carlos Reigosa).

A tendencia máis autóctona está orientada fundamentalmente á revisión da nosa tradición e da nosa historia. Destacan:

  • A histórica. Víctor Freixanes (O enxoval da noiva, A cidade dos césares) e Alfredo Conde (Xa vai o grifón no vento). Salientar obras que recrean a Guerra Civil e a posguerra (O bosque das antas, de Fernández Naval; Agosto do 36, de Fernández Ferreiro).
  • Realismo sociolóxico (Morrer en Castrelo de Miño, de Fernández Ferreiro).
  • A narrativa artúrica (Galván en Saor, de Darío Xohán Cabana).
  • Narrativa intimista (O lapis do carpinteiro, de Manuel Rivas).
  • Outras tendencias: A narrativa urbana, experimental (Polaroid (1986) e Tic-tac (1993), ambas de Suso de Toro), a narrativa bravú (recrea o choque cultural que se produciu en Galicia cando a sociedade tradicional adopta as modas da sociedade de consumo Xurxo Souto, Santiago Jaureguízar e mesmo Manuel Rivas), a novela feminina ou feminista...

Literatura Infantil e Xuvenil

A literatura infantil e xuvenil cobra gran forza e está relacionada coa presenza do galego nos plans de estudos. Inaugurada nos anos 60 e 70 con obras como A galiña azul de Casares ou O cabaliño de buxo de Neira Vilas, pero a partir dos anos 80 aparecen numerosos títulos como O pazo baleiro de Xabier P. Docampo, O pintor do sombreiro de malvas de Marcos S. Calveiro.

O Novo Século

Os comezos do novo século caracterízanse pola consolidación de tendencias de décadas anteriores e pola diversidade de temáticas. É relevante nos últimos anos a chamada “literatura de muller”. Destacan Teresa Moure (Herba moura), Rosa Aneiros (Resistencia), Inma López Silva (Concubinas), María Reimóndez (O club da calceta). Ademais, aparece unha intensa actividade na rede, que os escritores empregan como plataforma de difusión da súa obra e como foro de debate cos seus lectores.

Entradas relacionadas: