Situación e retos da normalización do galego
Clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en
gallego con un tamaño de 2,81 KB
O galego, lingua en vías de normalización
Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, estas reproducen a xerarquía social existente dentro dela: a lingua dominante vai ocupando os ámbitos da outra, a dominada, e provocando a substitución. A lingua dominada tamén se coñece como lingua minorizada e é empregada só nos ámbitos socioculturais máis baixos ou ignorada ou menosprezada nos máis elevados.
O concepto de lingua minorizada non ten que ver con lingua minoritaria, que se refire só a cantos a usan. Pode suceder que unha lingua minorizada sexa a máis falada ou non.
No caso de Europa, case todos os Estados actuais son plurilingües e a coexistencia destas linguas prodúcese no plano da diglosia. Hai, polo tanto, un gran número de linguas minorizadas.
O actual marco legal (Constitución do 78, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua, mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:
- a) Acción institucional do poder político: Levada a cabo polas Administracións públicas de Galicia (Xunta, Concellos e Deputacións), elementos indispensables no proceso de normalización, por coherencia e por imperativo legal.
- b) Acción colectiva non institucional: Exercida polas asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Mesa pola Normalización Lingüística...) xoga un papel importante na recuperación lingüística fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.
- c) Acción individual: Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores.
Para conseguir o éxito destas accións, hai que conseguir comportamentos positivos cara ao idioma, a través de medidas que promovan o uso da lingua producindo un cambio de actitude na sociedade.
O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas, pero, por outro lado, o perigo de substitución nunca foi tan claro.
A corrente regaleguizadora actual non compensa a perda progresiva de falantes. Se isto continúa, o galego pode chegar a converterse nunha lingua “ritual”. Só a lealdade lingüística, froito dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso. Ademais, a aposta pola lingua dos grandes poderes políticos e empresariais será un factor decisivo.