Actitudes ante a diversidade cultural: etnocentrismo, racismo e xenofobia
As diferentes actitudes ante a diversidade cultural
Como dixemos, os nosos comportamentos e a nosa conciencia son creados e adquiridos socialmente; por tanto, os distintos grupos humanos posúen culturas diversas. Nacemos abertos, por iso podemos moldear as nosas potencialidades de diversas maneiras. A diversidade cultural é algo natural e enriquecedor para a especie humana; non obstante, os prexuízos e a ignorancia non sempre levan a consideralo así.
Etnocentrismo, racismo e xenofobia: o rexeitamento do diferente
O etnocentrismo
O etnocentrismo é a actitude irracional que manteñen aqueles que xulgan as demais culturas desde as súas propias categorías culturais, considerando que só son bos, sensatos e normais os seus valores e pautas culturais; como consecuencia, consideran que todas as demais culturas son malas, insensatas e absurdas.
O etnocentrismo é un efecto da socialización. Ao seren educados dentro dunha determinada forma cultural, os individuos identifícanse totalmente coa súa propia cultura, xa que esta chegou a converterse nunha segunda natureza; por iso, os nosos comportamentos parécennos naturais e os dos demais, estraños.
Con todo, unha cousa é que nos resulten estraños e outra que consideremos que os nosos son normais e os dos demais non (xa que ningún é normal, ambos son invencións ou construcións artificiais humanas). A pouco que pensemos, darémonos conta da irracionalidade desta actitude, xa que a nosa cultura é tan artificial coma a dos demais: ningunha é máis natural ca a outra.
Segundo o prexuízo etnocentrista, as formas de vida propias son consideradas «normais», mentres que os costumes e tradicións alleas tenden a ser vistas como «estrañas», «anormais» e mesmo «irracionais» e «salvaxes». Esta actitude, entre outras, estivo na base de fenómenos como o imperialismo ou a colonización. Así, nos últimos séculos, a cultura occidental creu un deber impor a súa forma de vida a culturas consideradas máis «primitivas». Esta postura, á súa vez, pode dexenerar en posicións máis radicais, como o racismo ou a xenofobia.
A xenofobia e a aporofobia
A xenofobia é unha actitude de desprezo e rexeitamento cara ao estranxeiro, diferente ou estraño. A miúdo, é unha actitude emocional provocada polo medo ao descoñecido e pola ignorancia.
Segundo a filósofa española Adela Cortina, na actualidade hai grupos que asumen estas formulacións radicais (por exemplo, os skinheads), aínda que é máis corrente atopar manifestacións máis sutís de superioridade en expresións, ideas ou actitudes (ollo cos que din: «eu non son racista, pero...»).
E, sobre todo, a posición máis estendida é a que ela denomina aporofobia (de áporos, «necesitado»), que consiste no rexeitamento e no desprezo cara ao pobre (non se recibe igual, por exemplo, a un árabe que chega en patera ca a outro que chega no seu jet privado). O concepto de «aporofobia» foi creado pola nosa filósofa Adela Cortina.
O racismo
Por racismo enténdese toda crenza, actitude ou conduta que se basea na consideración de que hai unhas razas superiores a outras; é dicir, defende que hai razas humanas e razas «subhumanas».
O racismo maniféstase en calquera comportamento que fomente ou permita a marxinación ou o illamento dun grupo ou persoa en función das súas características físicas, sexuais, relixiosas, culturais...