Autoconcepto, Autoestima e Eus Posibles na Psicoloxía Educativa
Autoconcepto, autoconcepto académico, autoestima e eus posibles. O sistema do eu
O papel central que xogan as representacións que elaboramos as persoas na nosa conduta constitúe un dos principios indiscutibles da psicoloxía científica contemporánea. Entre estas representacións destacan:
- A representación que a persoa ten de si mesma, a súa autoimaxe ou autoconcepto. O autoconcepto, na actualidade, tende a concibirse como unha noción pluridimensional que engloba representacións sobre distintos aspectos da persoa (aparencia e habilidades físicas, capacidades e características psicolóxicas diversas, capacidades de relacións interpersoais e sociais, características morais, etc.).
- Entre os diversos compoñentes da representación dun mesmo ten particular interese, dende o punto de vista psicoeducativo, o autoconcepto académico: a representación que o alumno ten de si mesmo como aprendiz, como persoa dotada de determinadas características ou habilidades para afrontar a aprendizaxe nun contexto instruccional.
- Porén, non percibimos as nosas propias características dunha forma distante e imparcial, senón que nos atopamos afectivamente implicados nesa percepción. A isto chamámoslle autoestima (segundo algúns autores, na liña do exposto). Fai referencia á avaliación afectiva que levamos a cabo do noso autoconcepto nos seus diferentes compoñentes; é dicir, como se valora e se sente a persoa en relación ás características que se autoatribúe.
A noción de eus posibles
Algúns autores expoñen a necesidade de superar o carácter excesivamente estático destas nocións (autoconcepto e autoestima) e propoñen considerar tamén a representación que a persoa ten de si mesma no futuro, é dicir, a noción de eus posibles. A representación dun mesmo no futuro inclúe, segundo Markus e Nurius, unha variedade de eus posibles:
- O eu que a persoa espera ser.
- O eu que a persoa non quere chegar a ser.
- O eu que a persoa cre que debería ser.
- O eu que a persoa desexaría ser.
- O eu que a persoa teme chegar a ser.
Os eus posibles orientan e guían o comportamento da persoa na medida en que existen metas que desexa acadar e outras que trata de evitar. Constitúen marcos de referencia nos que a persoa avalía e interpreta o seu autoconcepto e a súa conduta actual e, neste sentido, teñen un impacto determinante na autoestima. A valoración que un alumno leva a cabo das características que se autoatribúe nun momento dado (por exemplo, «non son hábil redactando») probablemente cambiará segundo os eus posibles que este manexe (por exemplo, esperar ou desexar ser un gran novelista).
O sistema do eu e a súa xénese
A inclusión da noción de eus posibles xunto ao autoconcepto e á autoestima completa o conxunto de elementos que configuran o sistema do eu. Este sistema créase e evoluciona ao longo da vida das persoas e na súa construción inflúen especialmente:
- A súa historia persoal de éxitos ou fracasos.
- A súa relación con outras persoas.
- O nivel de aceptación e soporte emocional que esas persoas lle proporcionan, sobre todo os outros significativos (pais, titores, amigos, profesores...).
Na medida en que este sistema organiza as interpretacións persoais sobre a propia experiencia e dirixe o comportamento da persoa, ten unha incidencia notable na conduta dos alumnos e docentes, así como no desenvolvemento dos procesos educativos escolares.
1.4. Prácticas escolares que poden reducir a autoestima e o autoconcepto
A institución escolar é, despois da familia, o factor máis importante na xénese da autoestima, sendo, polo tanto, máis incisivas na súa redución determinadas prácticas educativas debido á significatividade que teñen para o alumnado afectado. Entre outras, pódense sinalar:
- A utilización da comparación e a competitividade para motivar condutas desexables: Cara aos 4 e 5 anos, e tamén con posterioridade, a competitividade é moi acusada nos nenos. Resulta fácil para o docente empregar fórmulas como «A ver quen de vós...». O problema desta estratexia motivacional radica en que establece comparacións e crea situacións nas que só uns poucos nenos acadan o éxito. É moito máis recomendable comparar, nun mesmo neno, os fitos actuais cos pasados, de forma que sempre poida percibir a súa evolución persoal (por exemplo: «Cada vez che saen mellor os debuxos»).
- A axuda excesiva e a sobreprotección: En ocasións, para aforrar tempo ou por outras razóns prácticas, o profesor axúdalle en exceso ao neno para que conclúa a tarefa, impedindo que experimente a súa propia competencia e autonomía.