A Busca da Verdade e o Coñecemento na Filosofía Moderna e Contemporánea

Otras lenguas extranjeras21,36 KB

René Descartes e o Racionalismo

O fragmento a comentar pertence á obra Discurso do Método de René Descartes (filósofo da época da filosofía moderna, século XVII, e gran representante do Racionalismo), no que se lle deu moita importancia á pregunta polos límites do coñecemento, á raíz da que xurdiron dúas correntes: o empirismo e o racionalismo. Descartes foi defensor desta segunda, que alegaba a razón como fonte de coñecemento.

Contexto e Tema do Fragmento

Unha vez contextualizada a súa obra, temos este fragmento que ten como tema a posibilidade do coñecemento absoluto por analoxía co modelo dedutivo das matemáticas. Nas liñas 1, 2 e 3 afirma o carácter dedutivo do método de coñecemento da filosofía e nas restantes liñas 4, 5 e 6, esboza o método: obtemos o coñecemento absoluto a partir das ideas innatas. A estrutura argumentativa da que fai uso o autor é: primeiro a afirmación do carácter dedutivo do método de coñecemento e logo a súa explicación, nas liñas 4, 5 e 6.

O Racionalismo e o Coñecemento Absoluto

Este texto é claramente pertencente ao movemento filosófico do racionalismo, que alega a posibilidade do coñecemento absoluto e que acepta algo como verdade cando o captamos mediante a intuición intelectual, é dicir, cando é obtido como coñecemento mediante as ideas innatas. Do mesmo modo, o racionalismo entende a razón como a fonte principal de coñecemento polo que o auténtico coñecemento é racional e, por tanto, loxicamente necesario e universal. A partir de ideas innatas, é dicir, a partir de ideas evidentes que a razón atopa en si mesma, os racionalistas constrúen dedutivamente todo o sistema do coñecemento e consideran posible acadar o coñecemento absoluto. O filósofo francés René Descartes (século XVII) pensaba que a verdade debe ser evidente e indubidable. Para Descartes, o criterio de verdade é a evidencia: algo é indiscutiblemente verdadeiro cando o captamos mediante a intuición intelectual.

Contrastes con Outras Correntes Filosóficas

Sen embargo, non todos os modelos filosóficos son iguais, e estas ideas racionalistas non son aceptadas por outros modelos, como o empirismo, que sostén que non hai ideas innatas, senón percepcións, e asegura que a base do coñecemento está na experiencia, nas impresións sensibles, sendo así imposible dar por verdadeiro algo do que non posuímos unha impresión correspondente, só podendo ser probable (por exemplo, non cre na conexión necesaria entre dous sucesos que ocorren seguidos un doutro).

Tamén está o realismo, que sostén que podemos coñecer as cousas xa que son independentes do suxeito que as coñece; o idealismo, que alega que o noso coñecemento dos obxectos depende da forma de coñecer, xa que non coñecemos as cousas propiamente ditas, senón as súas representacións mentais; o perspectivismo, que sostén que cada un coñece a verdade dende a súa circunstancia; e a teoría da verdade como consenso, que alega que a forma de chegar á verdade é mediante os argumentos, chegando a unha intersubxectividade compartida.

Posibilidades e Límites do Coñecemento

Poderiamos contrastar tamén información segundo as diferenzas entre o que propón o autor e outras proposicións segundo as posibilidades e límites do coñecemento e criterios de verdade. Se falamos de posibilidades, ademais da posibilidade do coñecemento absoluto, tamén atopamos o escepticismo, que sostén que a verdade non existe ou que non podemos acadala, e o relativismo, que di que a verdade existe pero que non é única (o racionalismo non desbota ningunha idea se é obtida pola percepción intelectual).

Falando dos límites do coñecemento, xa comentamos anteriormente que o empirismo atopa o límite na experiencia sensible, o irracionalismo sostén que a razón e a realidade non coinciden, e o criticismo kantiano une ambas, sensibilidade e entendemento.

Criterios da Verdade

Finalmente, como criterios da verdade, é obvia a postura de Descartes da verdade como coherencia (unha proposición é verdadeira cando non é contraditoria), mais tamén podemos ver que existen as posturas da verdade como propiedade das cousas (o permanente é real, o cambiante é aparentemente real) e a verdade como adecuación ou correspondencia (o que digo e penso correspóndese coa realidade).

Immanuel Kant e os Graos do Coñecemento

O fragmento a comentar pertence á obra Crítica da Razón Pura de Immanuel Kant (filósofo pertencente ao período moderno da historia da filosofía, século XVIII, e gran representante do criticismo kantiano e do idealismo), no que se lle deu moita importancia á pregunta pola orixe e límites do coñecemento, creándose así diferentes modelos e conceptos.

Tema e Estrutura do Fragmento

Unha vez contextualizado, temos este fragmento que ten como tema os graos do coñecemento segundo o autor. Na liña 1 esboza os tres graos de coñecemento e, a continuación, nas liñas 1 e 2 define a opinión como o ter por verdade con conciencia de que é insuficiente tanto subxectiva coma obxectivamente. Na liña 3 define como crenza o ter por verdade que é suficiente tanto subxectiva coma obxectivamente. Finalmente, nas últimas dúas liñas, define convicción como a suficiencia subxectiva e certeza como suficiencia obxectiva. A estrutura argumentativa da que fai uso o autor no texto consiste na definición dos tres graos do saber (así como dos termos evidencia e certeza).

A Gnoseoloxía e os Intereses da Filosofía

Para entender as ideas do texto é importante entender a filosofía, a partir da cal se crearon todos estes termos, que mediante a gnoseoloxía (a relación entre suxeito que coñece e obxecto coñecido), persegue uns intereses:

  • Práctico: comunicación e comprensión.
  • Teórico: dominar e explotar a natureza.
  • Emancipatorio: liberar ao ser humano.

Poderiamos resumir dicindo que a filosofía gnoseolóxica interésase polo coñecer, e ten uns graos de coñecemento que son estes dos que fala o autor: opinión, crenza e saber, que pódense clasificar como tal segundo a existencia ou non de certeza e evidencia.

Ferramentas do Coñecemento

Pero é importante saber tamén que, ademais do que nos fala o autor, hai outros conceptos moi importantes, como as ferramentas do coñecemento, que son as seguintes:

  • Sensibilidade: recibimos sensacións polos sentidos e levan información ao cerebro que a percepción organiza (o empirismo baséase nela).
  • Entendemento: que xunto co coñecemento e a información recibida crea conceptos grazas ao proceso de abstracción (é dicir, extraer características esenciais para diferenciar), e con iso xulga.
  • Razón: que cuestiona conceptos e xuízos facendo unha crítica, unha segunda reflexión dos resultados do entendemento.

Posturas sobre as Posibilidades e Límites do Coñecemento

A partir de todo isto, derivan varias posturas acerca das posibilidades e dos límites de coñecemento. Falando de posibilidades, atopamos o dogmatismo, que sostén que a verdade existe e que podemos acadala; o escepticismo, que di que a verdade non existe ou non podemos chegar a ela; e o relativismo, que alega que a verdade existe pero que non é única.

Acerca dos límites do coñecemento, atopamos a postura que tiña Kant, autor do fragmento que estamos a comentar, o criticismo kantiano: sintetiza empirismo e racionalismo, sostendo que o límite de coñecemento é a experiencia sensible, pero concedendo ao racionalismo que o suxeito pon algo de si mesmo de carácter innato, unhas estruturas (para Kant non eran ideas innatas, senón estruturas), polo que a razón pode chegar máis aló da experiencia sensible.

Sen embargo, non todas as posturas son iguais nin defenden o mesmo. Tamén existe o racionalismo, que considera posible acadar o coñecemento absoluto mediante ideas innatas; o empirismo, que atopa o límite na experiencia sensible; e o irracionalismo, que sostén que a razón e a realidade non coinciden.

Todas estas posturas teñen en común a busca do coñecemento, que foi e será sempre tema de interese para a filosofía, que a estuda mediante a gnoseoloxía.

Martin Heidegger e a Natureza da Filosofía

Estamos ante un fragmento do texto Que é a Filosofía? de Martin Heidegger. Heidegger foi un filósofo da época da filosofía contemporánea (séculos XIX-XX), no que se lle deu moita importancia á análise da linguaxe en todas as súas formas naturais e artificiais e á existencia e esencia do ser humano, tanto no plano ontolóxico como no axiolóxico.

O Principio de Causalidade e o Carácter Radical da Filosofía

Unha vez contextualizada a época, atopámonos cun fragmento que ten como tema a enunciación do principio de causalidade ou de que nada é sen razón. Da liña 1 á 5 enuncia o principio de razón ou o principio de causalidade, e da liña 5 á final explica que na busca de razóns chegamos a preguntarnos pola razón última, isto é o carácter radical da filosofía. A estrutura argumentativa que emprega o autor para dicirnos isto é primeiro a afirmación do principio de razón e na segunda parte, o carácter radical da filosofía.

Características Fundamentais da Filosofía

Para comprender o texto e a caracterización que se fai nel, debemos saber que a filosofía é entendida como a relación entre suxeito que coñece e obxecto coñecido, cuns intereses:

  • Emancipatorio: liberar ao ser humano.
  • Práctico: comunicación e comprensión.
  • Teórico: dominar e explotar a natureza.

A filosofía ten unha serie de características que a definen como o que é, e entre as que se atopa á que se fai referencia no fragmento, que é radical. Primeiro, a filosofía é racional, polo que as súas afirmacións teñen que ser loxicamente coherentes e deben someterse á autocrítica permanente. Tamén é problemática, porque se pregunta constantemente sen dar nada por válido definitivamente; e profana, xa que non acepta a revelación como a súa fonte de coñecemento. Outras características serían que é un saber radical, porque intenta ir á raíz das cousas, buscar as explicacións últimas; histórico, xa que ao estar permanentemente sometido á crítica, estamos tamén nun permanente diálogo co pasado; normativo, xa que das súas afirmacións tíranse consecuencias para a forma de vida individual e colectiva; universal, porque dá conta de todo o que hai e aspira a ser recoñecido por todo ser racional; e conta cunha experiencia ampla, xa que non se reduce ás experiencias obtidas mediante o método experimental. Finalmente, podemos clasificar á filosofía como un saber non anónimo e con pretensión de verdade.

Diferenzas entre a Filosofía e Outros Saberes

Sen embargo, non todos os saberes son iguais e moito menos contan con estas características. Así, atopamos diferenzas entre a filosofía e saberes como o mito, a relixión, a arte ou a ciencia.

Filosofía vs. Mito

Primeiro, se o comparamos co mito, atopamos que comparte coa filosofía as características de radical, normativa e a de pretensión da verdade. Sen embargo, a diferenza da filosofía, é irracional, dogmática (non hai problematización posible), sagrada (acepta como fonte de coñecemento a revelación), atemporal, cre ser universal pero é etnocéntrica, a súa experiencia está limitada pola experiencia do sagrado e é anónima (case sempre).

Filosofía vs. Arte

Se falamos da arte, vemos que comparte algunhas características coa filosofía: é racional (en parte tamén pode ser irracional), problemática, profana, histórica, universal (en parte si e en parte non) e non é anónima. Pero tamén se diferencian en que a arte non é radical, é normativamente neutral, a súa experiencia está limitada pola experiencia individual e non ten pretensión de verdade, senón de beleza.

Filosofía vs. Ciencia

Finalmente, se comparamos a ciencia coa filosofía, atopamos características comúns como que ambas son racionais, problemáticas, profanas, históricas, universais, non anónimas e teñen pretensión de verdade. Sen embargo, a ciencia, a diferenza da filosofía, non é radical, é normativamente neutral e a súa experiencia está limitada polo método científico.

Disciplinas Filosóficas

Por último, cabe destacar que a filosofía estuda uns aspectos da realidade ou outros segundo a disciplina á que se dedique. Entre as disciplinas filosóficas, destacan:

  • Metafísica: pregúntase polos principios e fundamentos últimos da realidade.
  • Gnoseoloxía: pregúntase pola orixe, límites e fundamento do coñecemento humano (se é coñecemento científico chámase epistemoloxía).
  • Lóxica: estuda as leis do pensamento correcto.
  • Antropoloxía: reflexiona sobre o ser humano.
  • Ética: reflexiona sobre o bo e o malo das accións humanas.
  • Filosofía política: estuda as condicións dunha boa vida en comunidade.
  • Estética: busca explicar que é a beleza e a arte.

Así, podemos ver que, como ben di o autor, as características coas que conta a filosofía fan dela un saber único e, debido a elas tamén, esencial para facer unha segunda reflexión acerca de todo o que os outros saberes deixan nun segundo plano. O carácter radical da filosofía queda xustificado no texto polo autor.

Alan Chalmers e a Filosofía da Ciencia

Estamos ante un texto pertencente á obra Que é esa cousa chamada ciencia? de Alan Chalmers (filósofo británico da época contemporánea, coñecido pola súa obra anteriormente nomeada). O tema principal deste texto é o cuestionamento da natureza e o papel dos feitos no coñecemento científico.

A Natureza dos Feitos na Ciencia

Da liña 1 á 4, o autor sinala dous aspectos a considerar nos feitos que son a base da ciencia. Na liña 5, cuestiona a natureza dos feitos en tres sentidos. O primeiro aspecto ten que ver coa natureza dos feitos e o segundo ten que ver con como se derivan teorías e leis deles. Da liña 5 á final, cuestiona a natureza dos feitos en tres sentidos:

  • Primeiro, os feitos danse a observadores desprexuizados (liñas 6-7).
  • Segundo, os feitos son anteriores á teoría e independentes dela (liñas 7-8).
  • Terceiro, os feitos constitúen un fundamento firme para o coñecemento científico (liña 8-final).

A estrutura é da liña 1 á 4, onde diferencia entre a natureza dos feitos que son a base da ciencia e o coñecemento obtido con eles. Da liña 4 á final, cuestiona tres aspectos da natureza dos feitos que se adoitan dar por seguros no discurso habitual sobre o funcionamento da ciencia.

O Método Experimental e os seus Resultados

Para poder chegar ata unha lei científica, teoría, paradigma ou revolución, hai que poñer en práctica o método experimental. Este segue varias etapas para chegar a isto, as cales son:

  • Primeiro, ter un problema científico.
  • Elaborar unha hipótese.
  • Deducir consecuencias da hipótese e comprobalas experimentalmente.

Finalmente, dependendo do alcance do descubrimento, podemos dar cunha:

  • Lei científica: unha expresión matemática que trata de describir unha lei da natureza.
  • Teoría científica: un conxunto sistemático de leis que explican un determinado eido da realidade.
  • Paradigma: un conxunto de teorías científicas acerca dun ámbito determinado da realidade nun momento histórico determinado.
  • Revolución científica: cando un paradigma científico substitúe a outro.

Para poder verificar unha hipótese teremos que deducir unha serie de consecuencias dela e comprobalas experimentalmente, para ver se tales consecuencias se cumpren ou non. Para a súa comprobación farase un experimento, o cal entendemos como feito que se pode repetir e cuxas variables podemos controlar. É o encargado de determinar se a hipótese é verdadeira ou non. Para iso ten que ser repetible e só así o poderemos demostrar. Ao cumprir isto, desempeñarase a intersubxectividade da ciencia, que é o proceso recíproco polo que se comparte a conciencia e coñecemento dunha persoa a outra.

Presupostos e Problemas da Ciencia

Todo isto nos leva aos presupostos e problemas da ciencia. Vou comezar falando dos presupostos, nos que podemos diferenciar tres tipos:

  • Presupostos metafísicos: buscan identificar a realidade co cosmos, excluindo unha realidade sobrenatural. Este cosmos está ordenado, polo que as mesmas causas producen idénticos efectos.
  • Presupostos gnoseolóxicos: a orde do cosmos descríbese matematicamente. A verdade ou falsidade demóstrase mediante a observación e experimentación e permite a súa predición. Presenta unha descrición obxectiva xa que é verdadeira e o coñecemento científico non se deixa influír polos prexuízos ou intereses das persoas que o desenvolven. Por ser demostrable e obxectivo, o coñecemento científico é universal.
  • Presupostos éticos: asumen que a predición científica do comportamento da natureza é a base do seu control tecnolóxico; de maneira que as ciencias naturais se vinculan ao proxecto histórico de control humano do cosmos mediante a tecnoloxía.

Pero estes presupostos tamén presentan unha serie de problemas:

  • Problemas metafísicos: reflexionan sobre se é o mesmo a realidade e a natureza. Como xa comentei anteriormente, os experimentos son feitos repetibles, pero en sentido loxicamente estrito, os feitos repetibles non existen. Polo que concluímos que se non é repetible, non pode ser demostrable e, polo tanto, non é universal.
  • Problemas gnoseolóxicos: baséanse nas falacias, que son provocadas polas ciencias naturais que ás veces incorren en erros lóxicos. Podemos destacar varios problemas gnoseolóxicos:
    • O problema da verificación das hipóteses: o esquema de argumentación que se emprega para a verificación dunha hipótese é loxicamente incorrecto e incorre nunha falacia chamada “falacia da afirmación do consecuente”. Isto ocorre pola verificación dunha hipótese pola confirmación das consecuencias que se derivan dela, pero esas consecuencias poden deberse a hipóteses non contempladas.
    • A falsación das hipóteses: atópase un experimento que refuta a hipótese.
    • O problema da indución: en distintas ocasións, a ciencia asume como hipóteses verdadeiras, hipóteses que carecen de suficiente base experimental.
    • As “condicións ideais”: afirmacións científicas sobre situacións imposibles de experimentar xa que non existen na realidade.
    • As hipóteses ad hoc: para falsar unha afirmación universal non é suficiente con atopar un contraexemplo, senón que se adoita introducir a hipótese ad hoc, que son hipóteses que se introducen para, recollendo as excepcións descubertas, seguir mantendo a teoría en vigor.
  • Problemas éticos: diferenciamos tres grupos:
    • Ciencia e verdade: baséase no compromiso da ciencia coa verdade, pero a ciencia pode darlle as costas tanto de xeito consciente (fraude) como de xeito inconsciente (autoengano).
    • Ciencia e interese: en xeral, investígase o que demanden as teorías científicas en vigor, pero tamén se investiga segundo intereses sociais, políticos ou económicos. Isto supón a marxinación á investigación primaria e ás clases sociais máis baixas.
    • Ciencia e experimento: a ciencia e a tecnoloxía ofrécennos un gran poder sobre a natureza, pero ten moitos riscos, polo que podemos progresar cientificamente pero non ten por que haber progreso humano.

Descargar

PDF Word HTML