Evolución do Teatro Galego: Resistencia, Innovación e Consolidación
O Teatro Galego na Posguerra: Censura e Resistencia
O teatro sufriu tamén as adversas circunstancias da censura e a represión da Ditadura polo que, sobre todo nas primeiras décadas, a montaxe de obras teatrais que fosen alén do folclórico arriscábanse a ter problemas co réxime. Cómpre lembrar tamén que o xénero dramático precisa dun investimento para facerse efectivo e non abonda con publicar un texto para que a obra se considere creada plenamente.
Primeiros Anos e a Emigración
Nos primeiros anos a dramaturxia galega refuxiouse nas capitais da emigración americana, na que temos que salientar a figura de Castelao (Os vellos non deben namorarse). (Nota: Explicado no tema 4)
Autores Destacados da Posguerra
Estas dificultades non impediron que diversos escritores dedicasen os seus esforzos á creación de textos dramáticos, como é o caso de:
- Genaro Marinhas del Valle, iniciador do teatro social, co volume A revolta e outras farsas.
- Álvaro Cunqueiro (Nota: Podemos aproveitar o que sabemos da súa biografía), con obras como O incerto señor Don Hamlet, príncipe de Dinamarca, ou A noite vai coma un río. A primeira foi considerada a máis grande obra da Literatura Galega do século XX. Nela recrea a historia do príncipe de Dinamarca pero achega unha nova interpretación: Hamlet sería fillo ilexítimo do seu tío polo que, ao acometer a vinganza que lle corresponde, mata realmente o seu pai (introducindo así o tema edípico na obra máis famosa da historia do Teatro Occidental).
A Renovación do Teatro Galego nos Anos 60
O alto nivel de calidade do teatro de posguerra serviu de estímulo a un heteroxéneo grupo de autores máis novos que deron a coñecer a súa obra a partir dos anos 60.
Características e Temáticas
O teatro desta época caracterízase por estar condicionado por unha fonda preocupación socio-política, onde aflora o conflito social e individual pola falta de liberdade e a opresión. O texto, sen descoidar a súa calidade literaria, convértese nun instrumento de loita e intervención socio-política. Poden abordar temas moi heteroxéneos: desde a recreación histórica ata o drama psicolóxico.
Novos Autores e Obras
Entre eles destacan autores como:
- Bernardino Graña (20 mil pesos crime)
- Manuel María (Barriga verde – peza para monicreques)
- Xohana Torres (A outra banda do Iber)
O Movemento do Teatro Independente e a Consolidación
Nacemento dos Grupos Independentes
En 1965 nace na Coruña o primeiro grupo de teatro independente fundado polo dramaturgo, director e actor Manuel Lourenzo: Teatro Circo. A este seguírono outros por toda a xeografía galega:
- Antroido (Santiago)
- Artello (Vigo)
- Candea (Noia)
- Malveira (Cariño)
O Papel do Grupo Abrente e as Mostras de Ribadavia
Nos últimos anos do Franquismo e primeiros da Democracia hai que salientar a importancia do Grupo Abrente, presidido por Ernesto Chao, que organiza as Mostras Internacionais de Teatro de Ribadavia (1973-1980), que adoitan sinalarse como referencia do avance definitivo do teatro galego cara á súa consolidación, como xénero literario e como industria cultural.
Cara á Profesionalización
O exemplo de Ribadavia foi seguido por outras localidades e comezan a proliferar festivais, certames e premios que, xunto coa aparición de salas estables, permitirán a profesionalización dalgunhas compañías a partir dos anos oitenta.