Explorando o Pensamento Filosófico de Kant, Ortega y Gasset e Sartre: Liberdade, Circunstancia e Existencia

Otras lenguas extranjeras4,67 KB

Immanuel Kant (1724-1804) e o Idealismo Transcendental

Immanuel Kant (1724-1804) desenvolveu a súa filosofía, coñecida como idealismo transcendental. Para Kant, un dos trazos principais dos seres humanos é a liberdade: debemos supoñer que somos libres para que a moral, as normas xurídicas... teñan sentido. Só se a nosa vontade é libre podemos eloxiar ou censurar as nosas accións.

En relación coa liberdade da vontade, Kant defende que a vontade só é libre se é autónoma, é dicir, se dá para si mesma as súas propias normas. Xa que logo, o contrario, a heteronomía, produciríase se a vontade humana estivese sometida ás influencias doutras persoas ou das paixóns, as emocións, os sentimentos... Polo tanto, a vontade humana só é libre se domina as emocións.

Ademais da liberdade, outra característica esencial da humanidade é a racionalidade. A vontade humana debe rexerse polo imperativo categórico, que é unha norma moral segundo a cal debemos actuar de modo que a nosa máxima (a regra que seguimos) poida converterse nunha máxima de aplicación universal, que todos poidan actuar seguindo ese mesmo xeito.

En conclusión, na nosa condición de seres libres e racionais, segundo Kant, os seres humanos temos dignidade, un valor intrínseco e inalienable que non se pode reducir a ningún tipo de ben material. Os obxectos teñen un prezo; só as persoas teñen dignidade e nunca se poden comprar ou vender.

Ortega y Gasset e o Raciovitalismo

A filosofía de Ortega y Gasset desenvolveuse na primeira metade do século XX e coñécese co nome de «raciovitalismo». Segundo Ortega, cada vida humana en particular, cada un de nós, ocupa un lugar único e insubstituíble na comprensión da realidade. O perspectivismo de Ortega implica que todo punto de vista nos achega unha visión sobre o real. Para el, unha perspectiva non é unha visión parcial ou deformada dunha realidade existente por si mesma, senón a organización necesaria desta realidade. Cada perspectiva é insubstituíble, pero non cobre a realidade enteira; habería que integrar diversas perspectivas para lograr un coñecemento máis completo e xeral.

En consecuencia, cada persoa, argumenta Ortega, ocupa unha circunstancia vital que configura a súa vida: «Eu son eu e a miña circunstancia». Esta vida de cada cal, que inclúe a circunstancia en que nos toca vivir, é a realidade radical, a raíz a partir da cal realizamos a nosa existencia. Esta existencia humana é un proxecto aberto: para Ortega, o ser humano non ten unha natureza fixa, senón que a súa esencia ou o seu ser consiste no que aínda non é; é dicir, nun proxecto de futuro. Así pois, o ser humano créase a si mesmo: a existencia humana é unha tarefa creativa. Para iso, debemos facerlle fronte á nosa circunstancia vital e superala, facernos cargo dela: como di Ortega, «Eu son eu e a miña circunstancia e se non a salvo a ela non me salvo eu».

Sartre e o Existencialismo

Pola súa banda, a filosofía existencialista, da que Sartre é un claro expoñente, apareceu a mediados do século XX. Habería dúas correntes na filosofía existencialista:

  1. O existencialismo cristián, de Gabriel Marcel e Karl Jaspers.
  2. O existencialismo ateo, de Jean-Paul Sartre.

O núcleo común de ambas as dúas correntes existencialistas é a tese segundo a cal a existencia precede á esencia, é dicir, non hai unha esencia humana prefixada anterior á existencia humana individual. A existencia humana non está determinada por unha natureza ou esencia, senón que é libre, aberta. De acordo co existencialismo ateo de Sartre, que nega a existencia de Deus como creador da humanidade, o ser humano é indefinible porque non ten unha natureza, senón que é o que fai, e por isto é radicalmente libre. A súa natureza é o froito das súas accións. O ser humano individual é un «proxecto» da cuxa realización só é responsable cada persoa.

Non obstante, as eleccións que tomamos e que nos condicionan e nos configuran non só serven para definirnos cada un de nós, senón que, segundo Sartre, esa responsabilidade compromete a humanidade enteira. «Elixíndome, elixo o home», di Sartre. Esta responsabilidade xera un forte sentimento de angustia, sentimento que, segundo os existencialistas, debemos afrontar e aceptar. Ese sentimento debe conducir á acción en favor da humanidade, non á pasividade e á inacción.

Descargar

PDF Word HTML