Fundamentos da Metafísica: Realidade, Aparencia, Materialismo e Idealismo

Otras lenguas extranjeras3,07 KB

Cuestións Fundamentais da Metafísica

Realidade e Aparencia: O Engano dos Sentidos

A distinción entre o que percibimos e o que realmente é constitúe un dos piares da metafísica. Observamos tres exemplos clásicos de como os nosos sentidos poden ser enganosos:

  1. O Pau na Auga

    Cando introducimos un pau na auga, o que captamos cos nosos sentidos é que o pau está dobrado ou cortado. Sen embargo, isto non é real, non ocorre; é só unha ilusión óptica, mera aparencia.

  2. Franxas Horizontais

    Neste caso, o que nós vemos nun primeiro momento é que as franxas horizontais non son paralelas; vémolas torcidas. Sen embargo, se nos fixamos ben, dámonos conta de que si son paralelas.

  3. Os Cadrados A e B

    Fixémonos nos cadrados A e B do taboleiro. Aparentemente, o A é máis escuro que o B. Sen embargo, isto non é así. A e B son exactamente da mesma cor.

A Busca da Realidade Auténtica

Debido a estes fenómenos, algúns pensadores ao longo da historia consideraron que nestas ocasións os nosos sentidos nos enganan. Se neses casos aquilo que captamos é mera aparencia, é posible que nos enganen noutras moitas situacións sen que nos deamos conta.

Por outra banda, as ocasións nas que nos atopamos con aparencias enganosas non se reducen unicamente, como sabemos, a casos nos que falla a información que nos proporcionan os nosos sentidos. En conclusión, poderiamos estar vivindo unha mera aparencia, e non a verdadeira realidade, sen sabelo.

Partindo de razoamentos coma este, moitos filósofos plantexaron a existencia dunha realidade auténtica e verdadeira que se contraporía ás aparencias que nós captamos.

A Auténtica Realidade sería, para estes autores, aquilo que abrangue o que verdadeiramente é: as cousas que son tal e como realmente son, en contraposición a aquilo que aparentan ser.

Conceptos Clave: Subxectividade e Obxectividade

  • Dicimos que algo é Subxectivo cando a súa existencia depende do suxeito que o percibe ou o pensa.
  • Dicimos que algo é Obxectivo cando a súa existencia non depende de ningún suxeito, senón que existe en si mesmo.

Materia e Espírito: As Dúas Grandes Correntes Metafísicas

A relación entre o material e o inmaterial define as principais posturas sobre a natureza da existencia:

  1. O Materialismo

    É aquela corrente filosófica que defende que todo o que existe, a realidade, é material, e que non existe nada máis alá da materia.

  2. O Idealismo

    É aquela corrente filosófica que afirma que a realidade, ou polo menos unha parte dela, non se reduce á materia, senón que é inmaterial.

    Existen moitas variantes diferentes do idealismo. Algúns, por exemplo, consideran que esa realidade inmaterial é obxectiva, independente do suxeito; outros cren que esta parte da realidade irredutible á materia si depende do suxeito (idealismo subxectivo).

Descargar

PDF Word HTML