Galego no primeiro terzo do século XX: Contexto histórico, Irmandades da Fala, Teatro, Vangarda e Prosa Galega

Otras lenguas extranjeras15,74 KB

Galego no primeiro terzo do século XX: características lingüísticas fundamentais. Contexto histórico e situación sociolingüística

O primeiro terzo do século XX foi un período de importantes transformacións para Galicia. Estas tiveron tamén o seu reflexo na evolución da nosa lingua. En primeiro lugar, cómpre destacar unha significativa recuperación do galego nos usos públicos: no ámbito cultural, literario, político... volvía ocupar espazos dos que desaparecera durante séculos. Por exemplo:

  • En 1906 fundase a Real Academia Galega, froito do interese de intelectuais como Manuel Curros ou Manuel Murguía, que demandaban unha institución dedicada a defender e estudar a nosa lingua.

  • En 1916 xorden as Irmandades da Fala, asociacións que desenvolveron durante estes anos un intenso labor na promoción da lingua galega e na reivindicación da identidade política de Galicia.

  • En 1923 un grupo de estudantes e profesores formou o Seminario de Estudos Galegos. Esta institución centrouse na publicación en lingua galega, nas artes plásticas...

  • En 1931 fundouse o Partido Galeguista. Arredor del concentrouse a maior parte do labor político a prol da nosa cultura e lingua.

  • En 1933 publícase o estudo "Algunhas normas para a unificación do idioma galego", da sección de Filoloxía do Seminario de Estudos Galegos. Este sería o primeiro traballo dedicado ao proceso de estandarización da nosa lingua.

  • En 1936 o pobo galego aprobou en referendo o primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia. Nel recoñecíase a oficialidade da lingua galega e articulábanse medidas para a súa promoción. Desafortunadamente, só uns meses despois, este estatuto quedaría frustrado pola sublevación militar do xeneral Franco e a posterior Guerra Civil.

Con todo, a pesar dos mencionados avances no ámbito cultural e político, a presión do castelán fai que o número de falantes de galego siga a súa liña descendente.


A poesía das Irmandades da Fala. Características, autores e obras representativas

Antonio Noriega Varela (Mondoñedo, 1869 - Viveiro, 1947) é o máis vello dos poetas da xeración que Méndez Ferrín chama "entre dous séculos", que serve de ponte entre a poesía do século XIX e do XX. Pódese dicir que Noriega é autor dunha soa obra: Do ermo. Nesta distínguense dúas liñas básicas:

  • Poesía costumista: Noriega retomou a estética do século XIX, caracterizada polo seu realismo costumista.

  • Lírica pura: Os motivos seguen a ser os mesmos (campo e vida montañesa) e tamén o é a lingua que emprega; non obstante, agora é o propio poeta quen se aproxima á natureza e fala adoptando un ton íntimo e emotivo.

Ramón Cabanillas é o poeta máis representativo da época, na que é coñecido como "o poeta da raza". Recolle a inquietude de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros, e introduce elementos renovadores modernistas. É autor dunha ampla obra poética, que adoita agruparse en varias liñas temáticas:

  • Liña cívica: a súa sensibilidade ante os problemas sociais: reivindicacións do agrarismo, defensa da identidade de Galicia...

  • Liña intimista: compuxo moitos versos nos que afloran os sentimentos máis persoais: a vivencia do amor, a angustia vital.

  • Poesía narrativa: destaca "Na noite estrelecida". Neste poema Cabanillas retoma o tema artúrico medieval: a historia do rei Artur e dos seus cabaleiros na busca do Santo Graal.


O teatro do primeiro terzo do século XX: Irmandades, vangardas e o Grupo Nós

O teatro foi, historicamente, o xénero menos desenvolvido da literatura galega. Os primeiros avances significativos na súa normalización déronse coa chegada do século XX. Neste período distinguimos:

Teatro das Irmandades da Fala

A estrea en 1919 de A man de santiña, de Ramón Cabanillas, supuxo a inauguración do Conservatorio Nacional de Arte Galego, dependente das Irmandades. A frecuencia das representacións foi moi alta e veu acompañada dun grande éxito de público. Os homes das Irmandades da Fala vían no teatro un instrumento privilexiado para a divulgación das ideas nacionalistas. Entre eles están Manuel Lugrís Freire, Armando Cotarelo Valledor... Pero, quizais, o máis relevante é Ramón Cabanillas.

Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959) destacou como poeta. Como dramaturgo creou A man de santiña (1919), primeiro intento de comedia burguesa galega. Outra obra teatral de Cabanillas é O Mariscal (1926). Nela recréase o axusticiamento, no século XV, de Pardo de Cela, figura histórica converténdose en símbolo da loita contra o poder centralista de Castela.

Teatro da Xeración Nós

Autores como Risco, Otero Pedrayo ou Castelao concibían o teatro como unha arte en si mesma que participase das tendencias europeas do momento: con temas universais e na busca do espectáculo total, síntese de palabra, música, pintura, danza... Así, pódese citar A lagarada de Otero Pedrayo, ou O bufón del-Rei de Risco, ambas de 1928. Con todo, desta época procede a escrita da que é posiblemente a obra de teatro galega máis coñecida: Os vellos non deben de namorarse.

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Buenos Aires, 1950) é autor de Os vellos non deben de namorarse (1941). Nos seus tres lances ofrécense tres versións dun mesmo tema: os amores serodios dos vellos van emparellados á morte. Esta obra exemplifica á perfección a concepción de "arte total": música, danza, vestiario, máscaras e decorados (deseñados polo propio Castelao).

Teatro das vangardas

Un grupo de dramaturgos que, sen formar parte da Xeración Nós, si compartían con eles a concepción do teatro como "arte total", á vez que asumían as tendencias das vangardas europeas. Destaca sobre todo Rafael Dieste (Rianxo, 1899 - Bos Aires, 1981).

A gran contribución de Dieste ao teatro galego é A fiestra baldeira (1927). Esta comedia, centrada na figura do vello mariñeiro don Miguel, simboliza a loita do home na defensa da súa propia identidade, individual e colectiva.


A poesía de vangarda. Características, autores e obras representativas

En Europa, no primeiro terzo do século XX, prodúcese unha grande actividade renovadora nas artes (pintura, escultura, literatura...) coñecida como vangardismo. Dous son os trazos básicos deste movemento: o rexeitamento e ruptura total coa tradición e as formas artísticas anteriores, e a reivindicación da liberdade do creador na busca dunha arte orixinal, que non ten por que imitar a realidade. Baixo a denominación común de vangardismo agrúpanse movementos estéticos diversos: surrealismo, cubismo, dadaísmo...

A lírica galega non foi allea a este tipo de influencias e, a partir dos anos 20, desenvolveu tres movementos vangardistas básicos: creacionismo, hilozoísmo e neotrobadorismo. Vexamos en que consisten estes "ismos" e cales foron os seus principais cultivadores.

Creacionismo

Búscase unha arte que non imite a realidade. Isto lógrase a través da forza de imaxes e metáforas, da presenza de elementos do mundo mecanizado, das rupturas temporais... O creacionista galego máis importante foi Manuel Antonio.

Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930) encaixa perfectamente coa figura do artista de vangarda: rebelde e innovador. De feito, esta actitude rompedora coa tradición poética anterior reflectiuna nun manifesto chamado Máis alá (1922). De catro a catro (1928), o seu libro máis representativo, ten unha gran unidade temática (reproduce unha viaxe en barco) e conta cunha estética plenamente creacionista: a disposición orixinal dos versos, a importancia dos espazos en branco, a abundancia de imaxes suxestivas, o uso de léxico mariñeiro e de voces doutras linguas...

Hilozoísmo

O tema principal é a natureza, que aparece constantemente animada e humanizada a través de personificacións e imaxes moi suxestivas. O máximo representante deste movemento foi Luís Amado Carballo.

Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927) cultivou unha poesía dominada pola constante animación ou humanización da natureza. Así, a paisaxe das terras do Lérez e das costas pontevedresas onde se criou é o tema central da súa obra. No tocante á métrica, amósase relativamente conservador, con estrofas e ritmos de tipo popular (arte menor, rima asonante...). As súas obras máis representativas son Proel (1927) e O galo (1928).

Neotrobadorismo

A publicación das cantigas medievais (descoñecidas durante séculos) influíu en moitos poetas novos que, marabillados pola súa beleza e perfección, introducen nos seus poemas elementos temáticos e formais da lírica dos trobadores. Esta corrente foi cultivada por Fermín Bouza Brey e Álvaro Cunqueiro.

  • Fermín Bouza Brey (Ponteareas, 1901 - Compostela, 1973) publicou dous libros de poemas: Nao senlleira (1933) e Seitura (1955). Nestas obras combina temas e recursos trobadorescos (tema: o amor; recursos: refrán, paralelismo, leixaprén...) con estrofas da nosa tradición popular (pareados, tercetillas...); deste xeito, consegue uns versos cheos de plasticidade.

  • Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911 - Vigo, 1981). Adóitanse describir dúas tendencias básicas na súa poesía. Por un lado, unha liña de vangarda pura, próxima ao cubismo ou ao surrealismo, en obras como Mar ao norde (1932) ou Poemas do si e non (1976). Por outro, unha liña que evoluciona cara ao neotrobadorismo e ás resonancias medievais.


A prosa do primeiro terzo do século XX: as Irmandades e o Grupo Nós (narrativa, ensaio e xornalismo)

Pódese dicir que a prosa galega moderna nace coa Xeración Nós; porén, antes destes cómpre citar outros autores (autores "entre dous séculos" ou autores das Irmandades) que contribuíron de forma moi importante ao desenvolvemento do ensaio e do xornalismo:

Entre os xornalistas, atopamos a Antón Vilar Ponte, gran animador da vida política de comezos de século, que escribiu numerosos artigos, discursos, ensaios... os cales foron recollidos en 1971 en Pensamento e sementeira; ou tamén a Johán Vicente Viqueira, quen destaca como xornalista a través de A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala.

Entre os narradores de ficción destacaremos a Manuel García Barros, autor de relatos breves de temática costumista e ton cómico que se axustan á estética do XIX (Contiños da terra, 1932), ou a Xosé Lesta. Meis pode ser considerado o narrador máis salientable das Irmandades, con obras como Estebo (1927).

Recibe o nome de xeración ou grupo Nós unha serie de escritores que participaron, en 1920, na creación da revista Nós e que contribuíron decisivamente á modernización da literatura galega, poñéndoa en sintonía coa mellor literatura europea do momento:

  • Naceron arredor de 1885, a maior parte en familias de clase acomodada.

  • O primeiro núcleo do grupo (Risco, Pedrayo, Cuevillas...) xurdiu en Ourense.

  • Todos eles tiñan unha sólida formación intelectual: son poliglotas, moi cultos.

  • Compartían a convicción de que, para chegar a unha cultura universal, cómpre coñecer e desenvolver a cultura propia.

Os principios anteriores levároos a desenvolver un intenso labor cultural e tamén político: no seo do Seminario de Estudos Galegos, das Irmandades da Fala ou do Partido Galeguista.


Vicente Risco (Ourense, 1884 - 1963)

Formou, xunto con Pedrayo e Cuevillas, o núcleo inicial da Xeración Nós. Cultivou a narrativa, o ensaio, o teatro... A súa obra narrativa máis importante é a novela O porco de pé (1928). Nela Risco realiza unha crítica á sociedade do seu tempo, especialmente á burguesía, encarnada na figura de don Celidonio e presentada como un grupo de persoas ás que só lle interesa o diñeiro. A ironía e a caricatura foron recursos utilizados con gran mestría e eficacia nesta obra. Un dos seus ensaios máis importantes é Teoría do nacionalismo galego (1920), que o converteu no gran teórico deste movemento político.

Ramón Otero Pedrayo (Ourense, 1888 - 1976)

Malia facer incursións na lírica e no teatro, é considerado o pai da prosa galega contemporánea. A súa primeira novela, Os camiños da vida (1928), é unha obra ambiciosa que reflicte a transformación da sociedade galega rural no século XIX, centrándose especialmente na decadencia da fidalguía e no ascenso da burguesía comerciante. Arredor de si (1930) é unha novela de ton autobiográfico. Os numerosos ensaios de Pedrayo abordan temas moi variados: a historia, a xeografía, os libros de viaxe... Entre todos eles destaca, pola súa amplitude e influencia posterior, Ensaio histórico sobre a cultura galega (1939).

Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Buenos Aires, 1950)

Foi narrador, ensaísta, debuxante, dramaturgo... Como narrador, a súa creación máis orixinal é, quizais, Cousas (1929). Cada "cousa" é un breve relato que o mesmo Castelao completa cunha ilustración súa. Os temas ofrecen un mosaico da realidade galega do momento: o mundo mariñeiro, a emigración, as mulleres... A única novela longa de Castelao é Os dous de sempre (1934). Nela conta a biografía paralela de Pedriño e Rañolas, amigos desde a infancia, que encarnan dúas formas opostas de afrontar a vida: Pedriño representa o home sen iniciativa, conformista e materialista; pola contra, Rañolas, tolleito e pobre, exemplifica o afán de superación grazas á valentía e á intelixencia. O principal ensaio de Castelao é Sempre en Galiza (1944), que tivo que ser publicado no exilio. Trátase dunha recompilación de discursos e reflexións sobre diversos temas: a lingua, a emigración, o autogoberno... Hoxe constitúe un dos textos de referencia do nacionalismo galego.


Manuel Antonio: De catro a catro

  • Tema principal: o mar.

  • Temas secundarios: o paso do tempo e a soidade extrema.

  • Estrutura: 19 poemas.

  • Rasgos formais: estranxeirismos, uso de maiúsculas, léxico mariñeiro, peso da natureza (hilozoísmo), ausencia de signos de puntuación.

  • Tipos de poesía: pode ser cívica (problemas sociais), intimista (asuntos persoais) e narrativa.

  • Recursos estilísticos: metáfora, personificación, refrán, paralelismos.

Descargar

PDF Word HTML