Historia do Teatro Galego, Poesía de Posguerra e Sociolingüística

Otras lenguas extranjeras7,65 KB

A Orixe e Evolución do Teatro Galego

O intento máis serio de consolidación do teatro galego con anterioridade ás Irmandades foi a creación da Escola Rexional de Declamación. Este teatro divídese en catro liñas temáticas básicas:

  • A social: A ponte de Lugrís Freire.
  • A costumista-humanística: "Gallegadas".
  • A histórica: Recrea momentos e figuras da historia galega.
  • O teatro lírico: Deseñado para ser cantado.

Grazas ao labor das Irmandades, o teatro recibe un pulo extraordinario, aínda que se atopa con serios problemas para o seu desenvolvemento, tales como a carencia de compañías teatrais e dramaturgos en Galicia, a escaseza de obras teatrais galegas e a competencia do cine. Para suplir estas carencias, recórrese ao voluntariado de afeccionados, incorporándose poetas ou narradores á nómina teatral. As editoras tentan contar nos seus catálogos con obras dramáticas, ademais das publicacións en revistas ou folletíns. Aínda así, esta situación non evitará que moitas pezas se convertan en teatro para ler cando o seu propósito orixinal era a representación.

O Conservatorio Nacional de Arte Galega

Isto move as Irmandades a crear o Conservatorio Nacional de Arte Galega (CNAG) da man de Fernando Osorio e Villar Ponte, o que suporá un salto tanto na produción coma na escenificación de obras. Como precisaban novos autores e perspectivas, moitas obras serán escritas á carta. Finalmente, certas discrepancias internas conducirán á desaparición do CNAG, converténdose na Escola Dramaturga Galega.

Dentro desta época sobresae Ramón Cabanillas, quen compuxo dúas obras: A man da Santiña e, xunto con Villar Ponte, O Mariscal. Outros dramaturgos desas mesmas formacións foron o propio Villar Ponte, Carré Alvarellos e Armando Cotarelo Valledor.

Renovación do Xénero Dramático

Os autores do Grupo Nós e Rafael Dieste renovarán o xénero dramático tanto no plano temático como escénico:

  • Rafael Dieste: Escribiu A fiestra baldeira, comedia de carácter simbólico sobre a identidade cultural nunha pequena vila mariñeira.
  • Vicente Risco: Escribiu unha soa peza dramática, O bufón d'el Rei, obra simbolista sobre a deformidade física e a deformación moral.
  • Otero Pedrayo: Escribiu A lagarada e O desengano do prioiro.
  • Castelao: Autor de Os vellos non deben de namorarse, farsa dividida en tres lances simétricos de tema e estrutura paralelos.

A Poesía Galega de Posguerra

Entre 1936 e 1946 non se publica case ningún libro en galego, ata que se fúndan editoriais como Galaxia. Debido á parálise editorial, conviven varias xeracións poéticas:

1. A Xeración do 36

Formada por autores nados entre 1910 e 1920. Moitos publicaron antes da guerra pero non editaron as súas obras ata agora. Destacan:

  • Luz Pozo Garza: Con Cómaros verdes.
  • Xosé María Díaz Castro: Con Nimbos.
  • Álvaro Cunqueiro: Con Dona do corpo delgado.
  • Álvarez Blázquez: Con Cancioneiro de Monfero. Todos eles retoman o neotrobadorismo de preguerra.
  • María Mariño: Con Verba que comenza, decántase polo intimismo rosaliano.

Ante todos eles destaca Celso Emilio Ferreiro, quen se inicia con O soño sulagado e cuxa obra máis destacada é Longa noite de pedra.

2. A Promoción de Enlace (PDE)

Un grupo de persoas unidas polas circunstancias de España e influenciadas polas vangardas galegas e a Xeración do 27 castelá. Destacan Luz Pozo Garza con O paxaro na boca e Verbas derradeiras, e Antón Tovar Bobillo con Non, Berros en voz baixa e Arredores.

3. A Xeración dos 50

É a primeira xeración propiamente da posguerra. Descoñecen a actividade galeguista e literaria da República e terán que redescubrir Galicia. Son monolingües en galego e destacan polo seu gran compromiso político. Podemos distinguir dous grupos:

  • O grupo compostelán.
  • O grupo Brais Pinto, formado en Madrid por Bernardino Graña, Uxío Novoneyra e Méndez Ferrín.

Nesta etapa sobresoen Uxío Novoneyra con Os eidos, Xohana Torres con Do sulco, e Méndez Ferrín con Voz de néboa e Con pólvora e magnolias, sendo esta última a obra clave da evolución da poesía galega contemporánea.

Sociolingüística: Linguas Minoritarias e Minorizadas

As linguas minoritarias posúen un escaso número de falantes en relación con outras (como podería ser o feroés ou o islandés). Unha lingua minoritaria pode estar ou non minorizada.

As linguas minorizadas son aquelas que, tendo historicamente as súas propias dun pobo, son sometidas a unhas condicións sociais tales que ven restrinxidas as súas funcións de uso. Tres características as definen:

  1. Están excluídas dos usos institucionais, os cales son desenvolvidos pola lingua dominante.
  2. Os seus falantes deben coñecer a lingua dominante mentres que os desta non están obrigados a coñecer a minorizada.
  3. Os seus falantes son considerados parte da comunidade da lingua dominante aínda que non a falen nin a coñezan.

A lingua dominante ten un gran prestixio social determinado polo poder político-económico que a potencia (por exemplo, o inglés).

Marco Legal e Normalización Lingüística en Galicia

Regulan o uso do galego na actualidade:

  • Constitución Española de 1978: Onde aparece a obriga de coñecer o castelán e o dereito de usar o galego. Os galegos están obrigados a saber castelán pero non a saber galego, o que amosa unha asimetría legal entre as linguas.
  • Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981: Onde se recoñece ao galego como lingua propia de Galicia, volve recoller a norma de que todos teñen dereito a usala e coñecela, e responsabiliza aos poderes públicos da normalización do galego en tódolos ámbitos.
  • Lei de Normalización Lingüística: Aprobada por unanimidade en 1983, regula os dereitos lingüísticos dos cidadáns nos ámbitos da administración, a educación e os medios de comunicación. (A liturxia tamén é un dos axentes castelanizadores máis importantes; a Igrexa católica case non presenta culto en galego).

O Proceso de Normalización Lingüística

O proceso de normalización lingüística ten como obxectivo converter unha lingua en vehículo habitual e normal de comunicación entre os cidadáns dunha comunidade, o que supón que esta recupere a súa implantación en todos os ámbitos da vida. Para iso é necesaria a intervención da acción institucional do poder político, a colectiva non institucional e a individual.

No ámbito público, a Secretaría Xeral de Política Lingüística encárgase de elaborar un modelo estándar e de recuperación do uso do galego. No plano privado xurdiron organizacións como:

  • A Mesa pola Normalización Lingüística
  • Asociación Socio-Pedagóxica Galega
  • Fundación Galiza-Emigrantes
  • Nova Escola Galega
  • Pais e Nais polo Ensino Galego
  • Mocidade pola Normalización Lingüística

O galego atópase no seu mellor momento, pero cun preocupante perigo de substitución polo castelán.

Descargar

PDF Word HTML