Historia e Evolución do Galego Antigo: Da Orixe Medieval aos Séculos Escuros
Evolución Histórica da Lingua Galega: Da Idade Media aos Séculos Escuros
Etapa Primitiva ou Preliteraria (Séculos IX a XII)
Na primeira parte da Idade Media (séc. IX-XII), o latín era a lingua de prestixio: a lingua da Administración e da Igrexa e a única que se empregaba na escrita. Pola contra, na comunicación oral espontánea todo o mundo falaba xa o romance galego-portugués. A totalidade da poboación era galegofalante, incluídos os reis e nobres; o latín só era empregado nos contextos formais e na escrita.
Etapa do Galego Escrito (Séculos XIII a XV)
No século XIII o galego convértese en lingua de escritura. Galicia vive daquela un período de monolingüismo no cal o galego-portugués se emprega en todos os contextos e funcións nun período de esplendor económico-político, ademais de cultural. No séc. IX, o descubrimento do suposto sartego do apóstolo Santiago converte a Compostela nun dos eixes do Cristianismo europeo.
É esta a etapa de máximo esplendor da nosa lingua e da nosa literatura (Escola Lírica Galego-Portuguesa), aínda que no eido político, a fins do séc. XIII comeza xa a supeditación a Castela que traerá consigo, paseniñamente, a introdución do castelán en Galicia e a decadencia da nosa literatura medieval (Escola Lírica Galego-Castelá).
A Chegada da Diglosia: Conflitos Dinásticos e Aristocracia Foránea
A partir de 1350 o papel de Galicia no ámbito dos reinos peninsulares perde importancia. En dúas ocasións, e por motivo semellante (conflito dinástico), a nobreza autóctona verase obrigada a claudicar ante a chegada dunha clase aristocrática foránea que virá “para hacerse carne y sangre de las mejores, y para castigar con los más pingües empleos, así eclesiásticos como civiles”, en palabras do Pai Sarmiento.
- Primeira metade do século XIV: Provén do enfrontamento polo trono de Castela entre Pedro I e o seu irmán Henrique de Trastámara. A nobreza laica galega decántase por D. Pedro, que resultará derrotado. A consecuencia será a penetración en Galicia do primeiro foco diglósico, xa que ata entón o castelán só se empregaba nos escritos procedentes da corte de Castela, mais non nos que se orixinaban dentro do territorio galego.
- Finais do século XV: Prodúcese pola loita sucesoria entre a filla de Henrique IV de Trastámara, Xoana —alcumada a Beltranexa— e Isabel a Católica —media irmá do devandito rei—. A derrota de Xoana, que contaba co apoio da nobreza galega, orixina unha nova “invasión” da aristocracia castelá. Este será o comezo do período coñecido como séculos escuros.
Características Lingüísticas do Galego Antigo
Tomando como base documentos da época, distinguiremos algunhas características do galego antigo estruturadas nos seguintes niveis:
1. Fonética
- Presenza de vogais nasais, resultantes da perda dun -n- intervocálico: MANU > mão; BONU > bõo.
2. Morfoloxía
- Podemos salientar o xénero invariable dos nomes rematados en -or, -ol, -és, -ante: un/unha pastor, un/unha senhor, un/unha espanhol, un/unha burgués, un/unha infante...
- As formas átonas nos posesivos: sa casa.
- O pronome te (ti) con valor de complemento directo e de complemento indirecto: falei-te.
- A mesóclise pronominal (intercalación dun pronome átono nunha forma verbal perifrástica): riir-s’-han (riranse).
- Os tempos compostos con aver: avian falado, etc.
3. Sintaxe
- O emprego do artigo partitivo: beber do leite.
- O uso do posesivo sen artigo: seu escudo aos peitos.
- O emprego de dúas negacións: nem madre, nem parente nom a podiam d’aly tirar, etc.
4. Léxico e Influencias Culturais
No léxico dos cancioneiros é especialmente notable a presenza de préstamos do provenzal e do francés, o que nos dá idea da importante e fluída relación que naquela época había entre Galicia e outras rexións da Europa transpirenaica, mercé, sen dúbida, ao Camiño de Santiago.
Tamén aparecían voces que hoxe caeteron en desuso. Son:
- Galicismos: dama, sage (sabio), adubar.
- Provenzalismos: assaz (bastante), trobar, segrel, solaz (pracer), entre outros.